Opinión

O novo

Teño un amigo que cando me refiro a cousas que xa sabe, soe dicir con sorna que iso é o novo. Algo así se me vén á cabeza co asunto da coalición eleitoral artellada nestes días, case coma se fose comida rápida, capaz tamén de encher de colesterol do malo as arterias que fornecen a máquina das ideas.

Teño un amigo que cando me refiro a cousas que xa sabe, soe dicir con sorna que iso é o novo. Algo así se me vén á cabeza co asunto da coalición eleitoral artellada nestes días, case coma se fose comida rápida, capaz tamén de encher de colesterol do malo as arterias que fornecen a máquina das ideas.

Supoño que, coma min, calquera que asistira ó esperpento do último congreso nacional do BNG foi quén de presenciar un triste xogo de vaidades. A partires da retirada dos bártulos do congreso, o futuro dalgúns semellaba clariño: estes son os meus principios, e se non lles valen, teño outros. Velaí o elemento marxista, non de Karl, senón de Groucho. O ponto de chegada non parece moito máis edificante, porque hai mesturas que non casan, ou que casan porque realmente non se está a mesturar elementos incompatíveis, co cal algún deses elementos debe ser ser mera ilusión.

A tradición histórica do comunismo no Estado español concebiu o internacionalismo das clases traballadoras como unha característica propia do explotado de latifundio. Fronte a esa idea-forza, o labrego galego foi visto coma un propietario. En base a tal concepción, maniquea e gregaria do sistema que leva abaneando a árbore tantos anos, poderíamos concluir que pouco pinta un comunismo españolista aquí, inmerso –e nunca deixou de estalo- nunha fuxida analítica das bases do retraso do país. Cinco eran as vacas que había na casa máis rica da miña aldea, e outros tantos os cachos de terra espallados que tiñan. Eses eran os propietarios, potentados que as pasaban canutas para cotizar pola agraria, que mexaban por un burato e que contaban os días coma os presos para sair da cadea, esperando a que lles chegara a data da xubilación, ou mesmo desexando ter unha incapacidade e cobrar unha paguiña. E falamos de hai 25 anos, non do século XIX.

Mais case todo é susceptíbel de ir a peor. Mesmo neste momento de formación exprés de coalicións, a piques se estivo de que o que vén sendo unha estrana parella, tivese tornado nun trío abraiante, introducindo elementos de caciquismo folclórico que, con unha man, se autoproclaman galeguistas –conceito que encaixa ben naquelo da rica diversidade dos povos da España, eslogan franquista, en tanto españois de dereitas admiradores da muiñeira-, e coa outra piden ordes de alonxamento ao respeito dos sindicalistas do país cando lles aparecen pola porta das empresas. Gaita e pandeiro si, pero que a clase traballadora galega se defenda fronte á explotación é un conto distinto.

Polo demáis, ou me frouxea xa a mente, ou me parece lembrar que o problema da outra parte da coalición exprés era o comunismo, con tódolos seus elementos de referencia, en particular a adhesión inquebrantábel a un líder malévolo, coa conseguinte anulación mental e sectaria da clase de tropa. Hai que ver o pouco que algúns tardan en mudar de principios, ou de criterios. Non parecendo preciso insistir nesta idea, pois os feitos falan, semella importante salientar que os efectos prácticos do casamento que nos ocupa son potencialmente desastrosos dende unha perspectiva de construcción nacional, sobre a que valeiran unhas sacas de cal viva pola vía da confusión. Esquerda Unida, integrada plenamente na estructura de poder do Estado e da Unión Europea, cumple coa función que lle corresponde, que non é outra que a de amosar de cando en vez que hai tamén uns cantos que discrepan, lexitimando deste xeito o carácter democrático do capitalismo especulativo, que é a forma de Estado na que vivimos, esa na que poucas veces se sabe quén decide. Cousa que, por certo, queda ben acreditada últimamente con atuacións estelares tipo alcalde de Marinaleda, sabendo como sabemos que o conflito, necesario cando corresponde, é algo substancialmente distinto ó faranduleo. Sexamos realistas. Iso que lle chaman os mercados aplauden coas orellas cando Gordillo e os seus van dar unha volta polo Mercadona.

Velaí a executoria dun dos elementos coaligados, do elemento, por certo, preponderante. En canto ó outro elemento, ou ben se integra con paz e gloria no negociado de entretemento do sistema, integración que sen dúbida facilitaría a pesada carga da asunción de responsabilidades, ou ben pedirá o divorcio en dous días, divorcio que tamén sen dúbida facilitaría a ausencia da pesada carga do servizo público. O claro é que, dun xeito ou outro, do problema nacional non falaremos. Non sou quén de saber se despóis daquel armisticio de Beiras e Fraga falaron da construcción nacional de Galiza. Mais semella bastante máis viábel falar de tal cousa con aquel Fraga que, coma sempre, ía ao seu, que con un comunismo españolista que nin está aquí en termos de país, nin se lle espera.

Lía hai uns días un escrito sobre a colonización portuguesa do nordeste brasileiro aló polo século XVI. Tras fracasar pola vía estritamente militar, os portugueses enviaron a dous xesuitas para tentar someter polas boas ós caciques indíxenas. A un dos xesuitas tardaron pouco en descuartizalo. Ó segundo papárono pouco despóis. A violencia está a día de hoxe máis institucionalizada, co cal podemos descartar resultados tan sanguinarios para estes novos aliados. Pero o certo é que a conquista do poder en democracia tén unha lóxica ben distinta a dicir que todo vale para botar a alguén, que é o mesmo que dicer que todo vale para poñerse un mesmo. Troquemos descuartizamentos e paparotas por fracasos sistemáticos adornados con éxitos puntuáis, confrontemos o criterio ideolóxico perfectamente definido da dereita, que o tén igual de claro que aqueles caciques indíxenas, con misturas programáticas que non hai quen acredite nelas. O resultado non pinta ben. Poderá sentar a alguén na poltrona que acaso considere inxusto ter deixado, mais entre iso e procurarlle unha saída ó país, nada que ver.

Comentarios