Opinión

O Nobel de literatura para Repsol

  Umberto Eco en El acertijo del asesino en la puerta consólabase ao saber que os xenios como Inmanuel Kant eran capaces de dicir e soster parvadas: «sempre me sinto fascinado pola estupidez, pero cando expresións de estupidez aparecen nos escritos de homes verdadeiramente grandes, é como ser sacudido por unha visión redentora: o feito de que mesmo os

Umberto Eco en El acertijo del asesino en la puerta consólabase ao saber que os xenios como Inmanuel Kant eran capaces de dicir e soster parvadas: «sempre me sinto fascinado pola estupidez, pero cando expresións de estupidez aparecen nos escritos de homes verdadeiramente grandes, é como ser sacudido por unha visión redentora: o feito de que mesmo os xenios poidan dicir parvadas é unha fonte de gran consolo».

Pero o «consolo» de Umberto Eco é hoxe un mal de moitos. Non estamos para consolarnos cando os que defenden parvadas e estupideces son os que mandan na economía, nos medios e nos gobernos.

Que Mario Vargas Llosa defenda a Repsol contra a estatización de YPF polo Goberno arxentino non pode sorprendernos, é un «consolo» ao xeito de Umberto Eco. Moitos non entenden que as opinións de Mario Vargas Llosa sobre calquera tema distinto á literatura teñen o mesmo nivel de profundidade que as opinións de calquera veciño sobre calquera tema. A única diferenza é o alcance desas opinións e, polo tanto, a repercusión na plastilina que hoxe chaman opinión pública.

 Fai falla ler o artigo La guerra perdida para coñecer a opinión de Vargas Llosa? Non. As opinións de Vargas Llosa (MVL) e do seu fillo Álvaro, que cualificou de «idiotas» a todos os esquerdistas latinoamericanos, son coñecidas por todos.

Vargas Llosa ataca o seu peor pesadelo, Hugo Chávez, e responsabilízao da «pasaxeira borracheira de patriotismo nacionalista» da presidenta arxentina. Todos tópicos, dun Nobel de literatura por certo; son falsos os feitos que sinala no seu artigo. O «acoso» a que se refire MVL é ao revés. Durante anos, intereses privados arruinaron de vagariño rendíbeis empresas públicas coa finalidade de privatizalas. O mellor exemplo témolo na estatal petroleira venezuelana Pdvsa, unha empresa modélica ao servizo do pobo venezuelano.

Procurar os males da Arxentina no peronismo e non na agresión exterior é ter unha visión moi reducida e torta da realidade. Arxentina sofre, como todos os países exportadores de materias primas, das prohibicións que os países desenvolvidos poñen ás súas exportacións. Así, durante o mal das vacas tolas, Arxentina non puido exportar a súa carne a Europa, malia estar libre da mortal doenza, porque os europeos alegaban que aínda existía a febre aftosa… os exemplos son innumerábeis en toda Latinoamérica.

Caracas non é a cidade con maior criminalidade do mundo. Os exemplos de sociedades «exemplares» que coloca MVL «o Brasil, Uruguai, Chile, Colombia, Perú, boa parte de América Central e México» distan moito da realidade violenta e paupérrima de sociedades coma México, o Brasil ou a propia Colombia que vive unha guerra civil e ten 6 millóns de cidadáns no estranxeiro pola incerteza económica e vital.

Con Chile acontece outro tanto. Unha clase política corrupta na que deputados e senadores acaban de subirse o soldo por enésima vez mentres exixen aos estudantes que se endebeden de por vida para poder pagar os seus estudos.

O mellor exemplo do bo facer do goberno arxentino con respecto á expropiación foi o nomeamento de Miguel Galuccio, un enxeñeiro, non un político, como presidente de YPF, que demostra que na Arxentina non todos son actos populistas para a galería.

Vargas Llosa repite os mesmos tópicos que podería repetir un tertuliano de Intereconomía, sen albiscar a condición de Nobel, outra proba máis da veracidade do dito por Umberto Eco.

Comentarios