Opinión

Puy di que o narco Dorado utilizou a Feijóo. Ergo, este debe demitir

Imaxinemos o líder da bancada do Partido Demócrata defendendo na Cámara de Representantes que Obama fora utilizado, na súa época de senador, por un connotado narcotraficante.

Imaxinemos a Obama argüíndo que non fixera nada ilegal (é evidente que aínda que o fixera non o diría, ninguén se autodenuncia nun pleno parlamentar).

Imaxinemos o portavoz do grupo parlamentar do PD argumentando, como dixo Paula Prado, que Feijóo tivera amizade non cun narcotraficante, senón cun "contrabandista rehabilitado" (sic).

Sería insustentábel a posición política de Obama nese suposto. Insustentábel por incorrer en gravísimas responsabilidades políticas.

Este é o caso. O número dous da consellaría de sanidade andou en viaxes e festas cunha persoa que atentaba contra a saúde dos seus administrados. O seu correlixionario Puy afirma que foi utilizado polo narcotraficante Dorado. De dúas, unha: ou se deixou utilizar ou non foi quen de evitar ser utilizado. En ambos casos, Feijóo inhabilítase, en termos políticos, para continuar a ocupar a presidencia da Xunta. O PP, e iso habémolo ver co tempo, pagará ao seu teimosía ao sustentar a posición do seu presidente.

A treboada de ideias en Monte Pío foi en van. Feijóo disparou en todas as direccións, como era previsíbel.  Mas o acúmulo de relámpagos, por definición caóticos, ten un problema: manter a coherencia do relato. Novo fracaso do aparato popular. As perguntas básicas ficaron sen contestar. Feijóo, que implicitamente admitiu que a Xunta de Fraga contratou con empresas de Dorado mentres este lle pagaba viaxes, amagou con demitir en 2003. Unha década despois, esa demisión continúa pendente. Por que achou razoábel demitir en 2003 e non agora, cando a desacreditación cai sobre el, o seu partido e o seu goberno? A grande pergunta ficou sen resposta, a comparecencia non dexpexou as incógnitas básicas e, portanto, o caso Feijóo continúa aberto.

Comentarios