Opinión

O momento e as tarefas do nacionalismo

Xa analicei nun anterior artigo en SermosGaliza como o capitalismo alenta a corrupción, a fraude, e todo tipo de economía delituosa, en beneficio das clases dominantes, ao dar sustento á lei do máis forte.

Xa analicei nun anterior artigo en SermosGaliza como o capitalismo alenta a corrupción, a fraude, e todo tipo de economía delituosa, en beneficio das clases dominantes, ao dar sustento á lei do máis forte. É difícil pensar en maior corrupción e fraude que aquela que “legalmente” socializa as perdas dos bancos e grandes grupos económicos, ou a que mediante as preferentes desposuíu dos aforros a ducias de milleiros de familias, ou a decisión do goberno de fixar topes aos xuros polos depósitos moi por debaixo do IPC. Por non falar das moreas de horas que realiza a clase traballadora polas que non se paga e nin cotiza, ou das axudas ás empresas para se deslocalizar, ou que estas non paguen impostos por máis dun 20% da actividade económica que realizan en negro. Mentres tanto o desemprego atinxe porcentaxes alarmantes e os salarios recúan.


Agora ben, os anteriores casos, semella que son un tipo de “fraude e corrupción razoábel” ¿será porque vai aos petos dos donos do capital? Non se admiten só cando se realizan por algúns sectores das clases populares (seguindo o exemplo dos poderosos). En realidade, as clases subalternas son as primeiras en ver con malos ollos estas prácticas antisociais; saben por experiencia histórica que dan sustento á lei do máis forte. Por iso chama a atención que, de súpeto, os medios de comunicación e outros poderes fácticos descubrisen que existe unha corrupción xeralizada na actividade política dos partidos sistémicos. Para alén de que sexa un avance, non deberíamos illar o feito das circunstancias. Non se pode esquecer que a vangarda nesta “liorta contra a corrupción” está nas mans do poder xudicial e dos medios de comunicación, ou sexa, dos propios poderes sistémicos. Os mesmos que mantiveron durante décadas unha total complicidade coas políticas máis conservadoras e centralistas dos gobernos neoliberais, e que pecharon os ollos diante do que agora denuncian e perseguen con tanta teimosía. Choca ¿verdade?... Ademais, a corrupción tamén lles atinxe de cheo.

Polo tanto, a pregunta é ¿que se procura neste intre coa loita pola limpeza política, para alén de que o pobo reclame arreo man dura contra este cancro? Todo amosa que pretenden que a poboación rexeite os partidos ¡todos! Facendo deste xeito máis dóciles ás forzas sistémicas, mesmo substituíbeis, e conducindo á abstención a moitas das persoas que poderían optar por unha alternativa que rache co capitalismo e a dependencia nacional. Se esta é a estratexia, estalles funcionando. Por exemplo, na última enquisa de La Voz vese que a maioría das persoas na Galiza ou se absterían ou non teñen decidido a quen votar. E esta tendencia é moi alta sobre todo na mocidade (entre 18 e 35 anos), onde só un 35,9% votaría por algunha das catro forzas con opción para obter representación institucional. Por suposto que o xornal non salienta estes dados.

¿Que se procura neste intre coa loita pola limpeza política, para alén de que o pobo reclame arreo man dura contra este cancro?

Dende o PP dise que se trata dunha conspiración do PSOE. Sen dúbida este partido quere tirar a máxima tallada da ferida da dereita e dun Rajoy noqueado, porén non se pode ignorar que o PSOE non está exento deste cancro. Ademais, as diferenzas políticas cos conservadores non son tantas, como se olla na débil oposición que realiza Rubalcaba, polo que non se recupera nas enquisas, malia o apoio mediático. Se hai prácticas conspirativas, o máis lóxico é pensar que xorden do propio Partido Popular, abonda ollar a cara de ledicia de Esperanza Aguirre, e non se debe esquecer que foi o xornal El Mundo o primeiro que publicou o tema dos sobres con cartos en negro. Evidentemente para que esta conspiración se produza, e adquira a dimensión que colleu, todo fai pensar que conta con apoios nunha parte da alta burguesía. Hai quen manexa a hipótese de que por detrás están sectores económicos e políticos da UE (e seguramente da gran empresa española). Seica pretenden acelerar o resgate e impoñer novas medidas de espoliación ás clases populares mediante un goberno de tecnócratas, ao estilo de Grecia e Italia. Claro que, para esta saída, deben contar co apoio do PP até o final da lexislatura. Tamén podería estar entre as razóns o tema catalán, xa que a dereita imperialista española non pode admitir, nen sequera escoitar falar, das reivindicacións soberanistas das nacións dependentes. Son así de fachas.

Hai outros escenarios posíbeis no futuro. Un deles é que se conforme un goberno de coalición PP-PSOE, cun presidente de consenso, un tecnócrata. Non sería algo novo; se xa artellaron unha coalición en Euskadi co argumento de “enfrontar unha situación moi difícil”, ¿por que non facelo agora diante da aposta soberanista de Cataluña e a grave situación económica e social? Todo dependerá da converxencia de intereses dos grandes grupos económicos españois, que representan ambos partidos, e da presión de Bruxelas. Outra das saídas é que se convoquen eleccións en pouco tempo, para evitar que a caída electoral do PP sexa irrecuperábel a medio prazo, colocando á fronte do partido un novo líder (por exemplo Feijóo). Agora ben, a alternativa con máis opcións, é que o PP se manteña no Goberno a toda costa, esperando que pase a tormenta, completando a súa revolución reaccionaria. Saben que despois non todo se desandará, e asemade levará o seu tempo. Unha saída que con seguridade dividirá aínda máis o partido. Xa que a situación económica, por mor das medidas que se están a tomar, alentará a presión social e os desexos de autodeterminación; aínda que agora lle vaia ben á banca e aos grandes patrimonios.

"A alternativa con máis opcións, é que o PP se manteña no Goberno a toda costa, esperando que pase a tormenta, completando a súa revolución reaccionaria"

Para o nacionalismo galego anticolonial, a mellor opción sempre será que se acelere o proceso político e atrancar ao máximo as medidas económicas neoliberais. Tendo en consideración que ficamos nunha situación social límite e cunha grande perda de soberanía en todos os eidos. Non se pode esperar que se conquiste axiña un cambio político radical, xa que non existen condicións obxectivas nen subxectivas neste intre. Porén coas forzas reformistas gobernando queimaríanse etapas sen un desgaste social e de capacidade produtiva tan grande como o que se padece hoxe. Non tería porque se comprometer o nacionalismo anticolonial con esta opción. Aínda non é o momento para a ruptura, senón para xerar conciencia e acumular forzas; e o reformismo non axuda nesta tarefa (como se puido comprobar nunha etapa menos tensa e con máis medios económicos).

Daquela a mellor opción sempre sería que o PP adiantara as eleccións, e que un PSOE moi debilitado optase por formar goberno con IU, contando co apoio doutros partidos. Esta alternativa non sería tan agresiva coas clases populares, malia que non deixaría de servir os intereses da alta burguesía no fundamental. Ningún destes partidos quere rachar co sistema. Ao principio gañarían recoñecemento, mais perderíano, dadas as graves contradicións existentes en materia económica, xeo-estratéxica, ecolóxica, e de recursos básicos. E de novo as clases populares estarían orfas de alternativa. Sería un proceso moi rápido, porque os tempos políticos, como todos podemos ollar, bulen. O problema será, coma sempre, se hai unha alternativa capaz de recoller pola esquerda o descontente e avance político das clases populares, e levar adiante as tarefas necesarias na Galiza: soberanía nacional, xustiza social, democracia popular, defensa da lingua e cultura, igualdade de xénero, economía sustentábel, antiimperialismo, etc.

"Se o nacionalismo anticolonial pensa sobre todo en chave electoral (os escenarios posíbeis), non será capaz de aproveitar esta conxuntura, e de se converter na forza que dinamice e dirixa a liberación nacional e social da Galiza"

Se o nacionalismo anticolonial pensa sobre todo en chave electoral (os escenarios posíbeis), non será capaz de aproveitar esta conxuntura, e de se converter na forza que dinamice e dirixa a liberación nacional e social da Galiza, e tampouco poderá avanzar como opción institucional. Ollará como un retroceso o paso atrás nas institucións políticas, cando esta representación hai tempo que non responde á realidade, especialmente nalgúns concellos. Daquela, non espremería ao máximo a conxuntura, non podería superar erros, e non sería capaz de aproveitar todas as potencialidades que ten, que son moitas máis das que posúe ningunha outra alternativa das clases populares nesta nación.

Non se pode adiar máis a superación das eivas existentes. Avanzouse moito dende Amio, porén hai que ir moito máis alá. Algo urxente para dar un pulo cualitativo e cuantitativo. Cómpre forxar unha militancia ideoloxicamente moi forte (como a que existía hai tres décadas). Daquela, hoxe o fundamental é, por esta orde: formar a militancia, mobilizar a sociedade e dotarse dun forte aparello de información, para fortalecer o suxeito político e as organizacións de base e gañar novos sectores sociais. É preciso facelo recuando o menos posíbel no ámbito institucional en relación a anteriores procesos electorais, e convertendo as institucións en caixa de resonancia das loitas e arelas populares. Garantindo sempre que a liña que se aplica é a mesma en todos os recunchos do país e en todos os eidos de traballo político. Asemade, cómpre contar coas persoas máis capaces e que saiban transmitir eficazmente o proxecto. Isto tamén é importante, vivimos en sociedades da información, que condicionan a percepción das mensaxes e a xeración da conciencia (isto tamén é práctica). Débese procurar a máis ampla unidade nas mobilizacións e propostas, mais defendendo sempre a liña estratéxica, que debe ser referente das tarefas cotiás. Deste xeito é como se deben tratar as contradicións no seo do pobo galego, non coa unidade por arriba, artificiosa.

En resumo, se queremos acertar coas tarefas para esta conxuntura, debemos pensar estratexicamente.

http://manuelmera.blogaliza.org/

Comentarios