Opinión

O medo

Moitas veces preguntámonos como pode ser que diante da situación que están a pasar milleiros de persoas no noso país, sen traballo desde hai meses ou anos, esgotando a axuda dos 400 euros ou xa sen ela, con dificultades para pagar a hipoteca, tendo que contar cada céntimo para ver de chegar a final de mes, non podendo pagar aos fill@s o material escolar, etc… non se teñan producido xa revoltas masivas e

Moitas veces preguntámonos como pode ser que diante da situación que están a pasar milleiros de persoas no noso país, sen traballo desde hai meses ou anos, esgotando a axuda dos 400 euros ou xa sen ela, con dificultades para pagar a hipoteca, tendo que contar cada céntimo para ver de chegar a final de mes, non podendo pagar aos fill@s o material escolar, etc… non se teñan producido xa revoltas masivas e violentas. E as veces pensamos “a xente ten o que quere”, “que lles dean”, “eu ao meu que isto non ten remedio”, “se el@s non se moven eu paso”.

Seguro que algunhas das persoas que estades lendo este artigo facédesvos máis dunha vez esa pregunta e non dades atopado resposta; advírtovos antes de que sigades que tampouco a ides atopar aquí.

Está claro que non hai unha resposta única e aplicando o marxismo clásico podemos dicir que se dan todas as condicións obxectivas que son as enumeradas antes: empobrecemento xeralizado, perda de dereitos laborais e sociais, etc…, mais, que acontece coas condicións subxectivas?.

É certo que hai un cabreo xeralizado, e que noutros momentos ese cabreo ten servido de faísca para prender unha revolta ou un movemento revolucionario. Pero hoxe iso non se produce e moitas veces quen procedemos a unha análise intelectual das situacións esquecemos algo moi importante que é o sentimento da xente.

"É o medo o que provoca a parálise de moita xente, é o medo a perder o pouco que se ten, é o medo a que non te contraten como te vexan nunha manifestación, é o medo a que te sinalen por esixir os teus dereitos"

Dicía hai uns días nunha intervención pública o secretario xeral da central sindical portuguesa CGTP-IN "é fundamental que as pessoas percam o medo” pois o medo “fragiliza a democracia,(…) não há democracia sem cidadãos livres, não há liberdade quando se põe em causa ao direito ao pão, à educação, o acesso ao serviço nacional de saúde, o direito à habitação. (…)Trinta e nove anos depois de Abril de 1974 nós não podemos tolerar que o medo seja o motor de perseguição das famílias portuguesas".

E penso que o Arménio Carlos leva moita razón, as súas palabras poderíamos trasladalas perfectamente á realidade galega co agravante de que na Galiza a ditadura non foi derrubada polo pobo senón que o ditador deixouno todo “atado e ben atado” e por tanto o noso pobo non experimentou nunca a maravillosa sensación de ser protagonista da súa propia liberdade.

Neste momento é ese medo o que se sobrepón ao resto de sensacións na maioría da nosa poboación, é o medo o que provoca a parálise de moita xente, é o medo a perder o pouco que se ten, é o medo a que non te contraten como te vexan nunha manifestación, é o medo a meterte en problemas, é o medo a que te sinalen por esixir os teus dereitos…..

Combatir o medo non é nada doado, pero lembremos que con medo nunca gañou unha batalla. Podemos superar ese medo e sumar xente á loita manténdonos firmes e non afloxando o nivel de tensión, marcándonos obxectivos posíbeis e sendo conscientes de que estamos nunha guerra longa, longa pero vital pois nela vainos a vida, como pobo e como persoas.

Comentarios