Opinión

O legado de Chávez

  O desaparecimento de Hugo Chávez constitúe un duro golpe para a esquerda latinoamericana e para todos os movementos anti-imperialistas do mundo. A súa figura é irrepetíbel porque tamén irrepetíbeis son as circunstancias históricas que a enxendraron.

O desaparecimento de Hugo Chávez constitúe un duro golpe para a esquerda latinoamericana e para todos os movementos anti-imperialistas do mundo. A súa figura é irrepetíbel porque tamén irrepetíbeis son as circunstancias históricas que a enxendraron. Convén reflectir sobre cales foron: a bancarrota en que as políticas neoliberais, as políticas do Consenso de Washington, deixaron América do Sul (o comandante prefería esta denominación á da América Latina por denotar con maior precisión a realidade dun continente cuxa matriz cultural continúa a ser indíxena). Foron as políticas da dereita neocon, as políticas de Milton Friedman, as que empurraron centos de millóns de persoas á indixencia, as que supuxeron o saqueo privatizador dos recursos naturais. Políticas non dirixidas ao desenvolvimento endóxeno e nacional, senón á expatriación dos recursos. Políticas, portanto, que tiñan o centro de decisión non en Caracas, senón en Washington.

O desastre económico e social do neoliberalismo na América do Sul -con frecuencia imposto manu militari através de sanguinarias ditaduras fascistas patrocinadas polos EUA- criou o caldo de cultivo para o movemento bolivariano emerxer. Mas sabemos por experiencia que as condicións obxectivas non sempre resultan no triunfo das forzas emancipadoras. Fixo falta quen criase as condicións subxectivas, quen soubese conectar coas arelas e as demandas do pobo venezolano. Aí o papel de Hugo Chávez Frías, como cabeza visíbel dun movemento político-social, foi decisivo. Chávez fai parte dese selecto grupo de dirixentes políticos que son quen de interpretar os sentimentos máis profundos das masas. O seu talento político é indiscutíbel. A imprensa sistémica europea chámalle populismo, con evidente intención descualificadora. Mas unha cousa é facer políticas populistas e outra facer políticas populares, para o pobo. Estas últimas eran as que promovía Hugo Chávez. Daí que saíse vitorioso todas e cada unha das veces en que se submeteu ao escrutinio eleitoral.

Visto desde Europa é curioso como non se reflicte sobre o facto de que as políticas neoliberais que trouxeron a Chávez son as que agora están a criar a crise máis devastadora sofrida polo capitalismo neste continente desde os anos '30 do pasado século. É como se Milton Friedman e os seus acólitos, derrotados en América do Sul nos '90, se deslocasen ao sedicente vello continente para seren outra volta entronizados. Non através de ningún aparato militar, mais si dunha burocracia plutócrata con sede en Bruxelas e Berlín.

O legado de Chávez é o anti-imperialismo, mais tamén unha valente vindicación do socialismo. O líder bolivariano nunca foi ambiguo. O capitalismo, argumentaba, non é reformábel. É o que é. Envolve opresión de clase, mas tamén opresión nacional.

O legado de Chávez está plenamente vixente: sen soberanía non é posíbel o progreso material das clases populares. Non por acaso @s máis entusiastas adept@s de Chávez na Galiza militan no nacionalismo galego.

Comentarios