Opinión

O lapao, o PSC, Guardiola e o amor

En Catalunya, mesturar nabos con coles equivale a confundir, a xuntar cousas que en principio deberían ir separadas

En Catalunya, mesturar nabos con coles equivale a confundir, a xuntar cousas que en principio deberían ir separadas, como os ovos e os caracois aos que a miúdo aluden en Mallorca. Son ditos populares moi usados e suados, mais o certo é que, se nos vén en gaña, metaforicamente o no, podemos preparar o guisado que nos praza cos ingredientes que achemos oportunos. E se o guisado é un artigo, non vexo ningún problema en combinar elementos que en principio non teñen nada a ver. Dous, tres ou, por que non, catro. Si, veña, vouno probar cos catro que encabezan esta peza: o lapao, o PSC, Guardiola e o amor. Ao fin e ao cabo, unha das principais misións dun colunista debería ser achegar un chisco de orde ao caos que nos arrodea, aínda que recoñezo de entrada que me hei de limitar a formular unha teoría máis ou menos insensata que, iso si, me ha servir para unificar nun só texto os temas que se me amorean na cabeza e que por falta de tempo –podedes pensar, por exemplo, que o meu editor me reclama con urxencia os primeiros capítulos do meu próximo best seller– nunca poderei escribir.

O amor –se é que existiu algunha vez– acábase, que ninguén o dubide. E resurxe por outras vías, tamén é certo.

A miña teoría, velaí vai, é que a soberana estupidez do Parlamento aragonés ao decretar que a partir de agora o catalán se chamará lapao, a división entre a dirección do PSC e Carme Chacón e as declaracións en que Pep Guardiola anunciaba que a súa etapa no Barça fechou para sempre, estes tres casos aparentemente dispares, digo, gardan unha estreita relación co amor ou, postos a sermos concretos, co desamor. Ou como hai que interpretar se non o desprezo aos académicos e científicos, á cultura e á sensatez e mesmo aos preceptos constitucionais que se tira dos votos do PP e o PAR  en Aragón?, que outra explicación podemos achar ás constantes e cada vez máis públicas e lastimosas discrepancias no seo dos socialistas cataláns?, necesitamos algunha proba máis se o propio Guardiola afirma, perante un centenar de alumnos de primaria, que xa está, que foi marabilloso, pero se acabou?

Unha das principais misións dun colunista debería ser achegar un chisco de orde ao caos que nos arrodea,

O amor –se é que existiu algunha vez– acábase, que ninguén o dubide. E resurxe por outras vías, tamén é certo. E ao tomar novas direccións esclarece o pasado, ilumínao, axúdanos a comprender. Poñámonos por un momento na pel dun aragonés da Franxa que até agora falaba catalán, dun militante do PSC que acreditaba en Chacón, dun socio do Barça que confiaba no regreso de Pep. Estas tres persoas ollan para o mapa con raiba. E ven Madrid, outra volta Madrid e Munich. E por fin o entenden todo.