Opinión

O grande salto cara adiante

No conxunto do Estado, a grande capacidade de dirección e influencia da patronal e da elite bancaria sobre os medios de persuasión e os foros de producción teórica, á par da debilidade dunha esquerda ao pairo polas augas da desilusión e da nostalxia de si mesma, conduciron a un inevitábel monólogo neoliberal onde xa nada ten rostro.

No conxunto do Estado, a grande capacidade de dirección e influencia da patronal e da elite bancaria sobre os medios de persuasión e os foros de producción teórica, á par da debilidade dunha esquerda ao pairo polas augas da desilusión e da nostalxia de si mesma, conduciron a un inevitábel monólogo neoliberal onde xa nada ten rostro. A economía resulta ser unha pantasma, ou cando menos unha sospeitosa ausencia, que rexe toda unha madeixa de decisións políticas inevitábeis e incomprensíbeis, fronte ás que non hai alternativa. Nin sequera, agora e por iso, a miseria ten rostro, e todo o corpo da pobreza e da crise social se debuxa como un rebumbio de datos e porcentaxes contraditorias nas cabeceiras dos xornais da mañá. É a ditadura do económico sobre o político, e é tamén, a disolución da política como o que foi, unha posibilidade das desherdadas para exerceren a resistencia activa e democrática. As desherdadas non teñen aínda nin rostro, nin moito menos portavocías colexiadas.

De se tratar disto, de lle devolver o rostro á maioría social, no contexto galego a imposición negociada entre Rajoy e Patxi López dunha convocatoria electoral no vindeiro 21-O allea máis aínda de nós a posibilidade de articular unha alternativa de ruptura democrática perdurábel no tempo, con vontade de se consolidar. Este adianto electoral é, particularmente, unha nova que non me agrada, como tampouco agrada a moitas compañeiras e compañeiros que levamos tempo a partillar as insatisfaccións de termos que dar unha batalla dende a base por unha renovación das fórmulas de resposta política, e mesmo pola reactivación das ferramentas propias das nosas clases populares. Unha batalla que nunca foi nin será doada, pois a “lóxica política” é unha pedra xigante que non labramos nós, e a esquerda “realmente existente” perdeu a capacidade da fantasía leninista (1).

Coincido con Rancière nunha cousa fundamental, no fondo romper é vivir fóra do campo do inimigo. E sen que estas liñas conteñan ningún tipo de aposta anti-institucional, ou tampouco se presten a ningunha dicotomía entre a política activa de base e os tempos electoriais desas que tanto rascan, mais onde non pica, é ben certo que a esquerda nacional galega leva tempo de máis conformándose feblemente en alternativas diversas, sen amadurar, á calor pantasmática dos calendarios do sistema. Eis pois, que unha circunstancia de apariencia “inocente” como este adianto, servirá para reafirmar o “sólido” sistema de partidos galego, e precipitará a única ferramenta política que aglutina hoxe, malia que non florecida, unha posibilidade de ruptura, que é Annova - Irmandade Nacionalista, á procura de posíbeis alianzas electorais (e electoralistas), que poderán ser apenas asentidas ou disputadas pola súa base militante, mais sen o espazo para darmos afrontado o debate necesario e máis urxente. Isto é, sen a posibilidade de elaborarmos un programa de ruptura participativo e polo tanto, sen a autonomía e soberanía precisas para propoñermos e tecermos alianzas fincadas no anterior.

Ao final, rematamos por facer noso o territorio inimigo. Por pensalo casa común. A vella contradición entre reforma e revolución segue, mal que ben, vixente. Poderíamoss escribila en termos de revolución ou repetición. E aí nos vemos, xogando no campo da repetición. Taxando as alianzas políticas coma os cabalos, polos dentes. Prisioneiras e prisioneiros da falta de proposta, dunha inanición de alternatividades. Do medo de realizarmos unha aposta política ao contrapaso do sistema con almanaques de seu, do tremor mesmo de pensarmos unha política que quebre as azas dunha economía criada en libertinaxe e festín de propietarios, do pánico de redebuxarmos os marcos da nación galega como unha comunidade a se identificar na idea de si mesma transformándose para si. Mesmo ataviados e ataviadas de terror pola posibilidade mesma de que as propostas políticas antipatriarcais rebenten as tan lóxicas estruturas da política comprendida como un “pensamento masculino en propiedade”.

Haberá quen se alegrar de todo isto. O vello nacionalismo, porque a repetición, por veces asentada na traizón, é a súa mestría política. E é tamén escola. Tamén o centro-dereita galeguista, ocupado por Compromiso por Galicia, que ten a posibilidade de se situar fronte a outros proxectos políticos como “un valor seguro”, tal e como se di segura e se reviste de certeza calquera iniciativa de non-transformación social. Mesmo a esquerda española, reverenciada como un “mal menor” vendíbel polos propios medios de persuasión, que sacude en silencio o letargo de toda unha historia de convivencia pacífica e democrática co sistema, dende unha perspectiva de colaboración activa na xestión da barbarie, que semella se nos esqueceu.

Sucederase a confusión, a pouca esquerda realmente existente aquí e agora, debaterase entre a pulsión das novas construcións políticas e a “necesidade” sedimentada no pensamento de todas e todos nós, de concorrer con “certas garantías” ao sempre denhostado, mais atractivo, parlamentiño de cartón. Todas as posibilidades fican abertas e pechadas ao tempo. A algúns danos a impresión de que estes non son bos tempos para o éxito da democracia do desherdo, cando menos en Galiza. Tampouco o son para o asemblearismo, que resulta de dixestión pesada e lenta para a fast-food coa este sistema nos empreña os ollos. Segue a existir unha falta de conexión dorosa entre a esquerda social e a esquerda política, entre a capacidade da primeira de transformar realidades a nivel micro, cos seus erros tamén, e a incapacidade da segunda para se rexenerar. Para se deconstruír.

Trátase dunha batalla pola reapropiación do tempo e do espazo en suma, que son os elementos principais de calquera emancipación. Probabelmente, neste apuro, a clase traballadora galega, o conxunto do pobo traballador, continúe sen unha referencia nítida de clase. Sen unha alternativa que branda firmemente os seus intereses democráticos fronte á ditadura do diñeiro, das mercadorías, do pensamento único e, abofé, da miseria. Non sabemos se estamos ás portas de dar un pinchacarneiro colectivo, un paso atrás ou mesmo a un lado. O único certo é que nin tan sequera nos atreveremos a imaxinar, posuídos e posuídas polo pánico, que é posíbel (e urxente) o grande salto adiante da maioría social.

Comentarios