Opinión

O fóra de xogo do PP

  Estamos no ecuador da campaña electoral. Atrás queda unha semana marcada polo incumprimento, por parte do PP, da Lei electoral, nunha cadea que suma xa nove amoestacións, máis de unha por día, e que non parece deterse; días definidos polos intentos, do mesmo partido, de impedir toda manifestación pública de desacordo coas súas políticas de recortes; días ennegrecidos polas declaracións

Estamos no ecuador da campaña electoral.

Atrás queda unha semana marcada polo incumprimento, por parte do PP, da Lei electoral, nunha cadea que suma xa nove amoestacións, máis de unha por día, e que non parece deterse; días definidos polos intentos, do mesmo partido, de impedir toda manifestación pública de desacordo coas súas políticas de recortes; días ennegrecidos polas declaracións dun cargo público do PP, como foi o caso de Castelao Bragaña, incitando á violencia de xénero. Tempo de sospeitosas evidencias que relacionan o candidato Núñez Feijóo con concesións a empresas onde traballan familiares seus. Atrás queda a auditoría do Consello de Contas que indica que podo haber máis de catrocentos millóns de euros en gasto non contabilizado para así asegurar o obxectivo do déficit, nunha tramposa operación de maquillaxe contábel.

Atrás quedan tres días de debates electorais na nosa televisión pública que mostraron un Feijóo atado ás políticas de Rajoy, incapaz de explicar o presente e sen capacidade de dar credibilidade para as súas propostas e, moito menos, de convencer; un candidato do PSOE pouco seguro do que di e un candidato do BNG que evidenciou que só con máis autogoberno, con máis soberanía, cun modelo de financiamento específico se poden focar correctamente os problemas de Galiza para saír desta situación.

E atrás queda a posibilidade de sabermos se os contratos de Pemex, lembrando a pervivencia do mito de Hamlet, son ou non son.

E por diante restan outros tantos días. Neles, máis que nunca, as forzas concorrentes ás urnas precisan ofrecer á cidadanía clarificación programática ou, se o preferirmos, aclaración de medidas, de políticas concretas, xa que os seus programas, en canto plasmación dunha opción ideolóxica, moitas veces reducida a simples clixés, son ben coñecidos polo electorado.

É polo tanto o momento de comparar programas electorais e coñecermos cales son as propostas que para afrontar o futuro ofrecen as diferentes formacións políticas. Mais o voto non se sustenta, só, na excelencia dos programas, na calidade das medidas propostas ou na súa explicación correcta. Desde hai tempo outros elementos -fóra de programa- acompañan o electorado á hora de definir a opción de voto elixida o día de acudir ás urnas. O partidismo mediático xoga un importante papel na divulgación das posibilidades electorais de cada forza, de xeito que os inquéritos preelectorais entraron a formar parte da campaña e do ambiente triunfalista, ou non, das diferentes formacións. Na Galiza, o medio de mais difusión está empeñado en manter nos seus inquéritos diarios dous bloques en intención de voto; un, o do PP, permanece invariábel, estático, inalcanzábel ao longo da semana, dando a impresión de que as eleccións se xogan só na outra metade do campo, a única que sofre variacións.

Xunto aos inquéritos, de novo o posicionamento da xerarquía da igrexa católica, que como fixo Duguesclín na loita fratricida entre Pedro e Henrique, optan por se acoller á idea de “eu non quito nin poño rei, mais axudo o meu señor”, que por algo a igrexa católica -o seu reino si que é deste mundo- non ten recortes e recibe, no conxunto do estado, mais diñeiro do que supón o orzamento total da Xunta de Galiza.

Medios de comunicación, inquéritos, opinións de analistas políticos. Non son os únicos elementos a configurar o voto, mais son os máis poderosos á hora de influír na nosa decisión. Ou polo menos iso é o que parece.

O día 21, saberemos o resultado e xa non caberá volta atrás. 

Comentarios