Opinión

O españolismo radicalízase, o soberanismo é a resposta

Non nos perdamos na superficie do combate Rajoy-Aznar. Escaramuzas á marxe, o que se está a ventilar é a radicalización do españolismo, neste caso de dereitas. Aznar presiona para que Rajoy 

Non nos perdamos na superficie do combate Rajoy-Aznar. Escaramuzas á marxe, o que se está a ventilar é a radicalización do españolismo, neste caso de dereitas. Aznar presiona para que Rajoy non perda de vista que xa hai quen, UPyD, ameaza o seu espazo. Rajoy está a recentralizar a marchas forzadas, e a LOMCE é unha proba palmaria, mais o programa de máximos da direita vai aínda alén diso. E cando falamos aquí de direita non falamos só do PP, senón sobre todo do entramado económico e mediático que lle dá amparo e sustento. É permanente o bombardeo de meios de comunicación españolistas que piden acotío a devolución ao Estado da sanidade e da educación, xusto o que defende desde a tribuna Rosa Díez.

O españolismo é tan feroz contra as nacións sen Estado como dócil fronte Washington ou Berlín.

O españolismo é tan feroz contra as nacións sen Estado como dócil fronte Washington ou Berlín. Admira como Aznar non citou nen unha soa vez a Unión Europea na súa entrevista en Antena 3. A colonización da direita española e a súa dependencia do Imperio norteamericano e do Reich non é un fenómeno novo (Franco pasou de orbitar arredor de Hitler a dar voltas arredor de Eisenhower). Mas chama a atención a falta de calquer perfil crítico a respeito da política europea na direita española nun momento en que no Reino Unido e mesmo en Alemaña xorden forzas políticas conservadoras que poñen en cuestión a burocracia de Bruxelas e mesmo o euro.

A radicalización do españolismo é un subproduto do proceso de recomposición do espazo da direita no Estado: de como compiten entre si os distintos segmentos conservadores. Está en crise o rexime xurdido da Constitución de 1978 e especificamente o modelo bipartidista que Fraga e González, apadriñados por Washington e Bonn, puxeron en marcha nos '80 do pasado século. Fraga apostou en agrupar toda a direita baixo unhas mesmas siglas, nun partido de tipo caudillista. Mas as contradicións no seo da direita son nesta altura imposíbeis de ecuacionar nunha única formación política. Iso explica que El Mundo, o diario desde o que Pedro Jota Ramírez dirixe as operacións das forzas conservadoras españolas desde a caída de González, amparase o surximento de UPyD. E explica tamén que agora respalde Aznar fronte a Rajoy..

Está en crise o rexime xurdido da Constitución de 1978 e especificamente o modelo bipartidista criado por Fraga e González

En todo caso, e con independencia de que liña se impoña no españolismo de direitas, a ofensiva españolista ten un obxectivo claro: continuar a centralizar e a concentrar o poder económico no Estado español, e non por acaso o sector máis fundamentalista da direita española ten o seu bunker en Madrid.

Así as cousas, nesta altura é unha evidencia que desde Galiza a resposta que se impón é a soberanista, a afirmación do direito a decidir do pobo galego.

Nese sentido saudamos como moi positivas as conversas abertas no espazo soberanista entre organizacións como o BNG, Causa Galiza, Nós-UP e CxG. Facemos votos por que se amplíen e se alarguen. Fai falta máis masa crítica para contrapor os delirios imperiais de Aznar e cia.

Comentarios