Opinión

O electricista calixtino: carta a Roberto Vidal Bolaño.

Benquerido Roberto: Cóntoche, aínda que se cadra xa estarás de volta. Saberás que ferven as tabernas da nosa Compostela das multitudes, a Compostela que vive a pé de rúa. Nada que ver con ese Santiago levítico e provinciano do que ti sempre fuxías, doente.Bótante de menos, Roberto, estes días, os seareiros goliardos das tabernas compostelás.

Benquerido Roberto:

Cóntoche, aínda que se cadra xa estarás de volta. Saberás que ferven as tabernas da nosa Compostela das multitudes, a Compostela que vive a pé de rúa. Nada que ver con ese Santiago levítico e provinciano do que ti sempre fuxías, doente.

Bótante de menos, Roberto, estes días, os seareiros goliardos das tabernas compostelás. Devecen por coñecer a túa versión de como o Códice Calixtino puido ir parar a un rocho do Milladoiro, seica custodiado por un home que foi man de obra eléctrica de confianza na Catedral durante anos, segundo lemos, asombrados, na prensa.

Haiche moitos pareceres. Mais a iniciativa tabernaria que se está a impoñer é a de lle dedicar unha rúa na cidade ao obreiro acusado do roubo do Códice. Dise que nunca, ao longo dos oito séculos de historia desta xoia do noso patrimonio, nunca se fixeron tan populares os cinco libros que a compoñen, grazas á decidida acción do electricista. Saberás que até no mesmo Madrid se fala do Códice Calixtino. Mesmo o xornal máis lido das Españas fártase de repetir que estamos perante unha asombrosa guía de viaxes do século XII. Tal como cho conto.

Fálase de impulsar unha asociación para defender esta iniciativa. Propóñense nomes como o de Federación de Apoio ao Electricista (FAE, non confundir con FAES). Os defensores desta asociación din que Fraga Iribarne -e non só- tivo que turrar de cartos do Erario Público para promocionar Santiago, substituíndo o cume do monte Gaiás polos edificios, sempre inacabados, da chamada Cidade da Cultura, e que este noso obreiro da catedral, sen gastar nin un peso, colocou Compostela e o seu Códice na testeira dos xornais do mundo enteiro. E xa chegaría aos teus ouvidos, Roberto, que o poder municipal dun breve e exaltado alcalde lle dedicou ao ministro de Franco, Manuel Fraga Iribarne, unha avenida, por esa parte onde o Sar é aínda mozo.

Outorgarlle unha rúa ao electricista vai significar un acordo sen precedentes na cidade, din os promotores da FAE. Se é home de misa diaria, como a prensa asegura, a curia ten que apoialo. De ser certo que el roubou o Códice e outros accesorios secundarios como o Libro de Horas, ben seguro que xa está arrepentido e que xa confesou, como manda a súa relixión católica. Por outra parte, a Compostela laica estaralle sempre agradecida por saber coidar con esmero do noso Patrimonio, nas difíciles condicións ambientais da Rúa da Curuxa do Milladoiro, a carón do barullo permanente dunha estrada nacional que atravesa ese núcleo de poboación cosmopolita.

En fin, Roberto. Lamento non poder trasladarche por escrito todas as versións, do roubo e da milagrosa aparición do Códice, que arreo circulan entre as ledas e ledos habitantes deste rico mundo das tabernas que ti tan ben coñeces. Xa te decatarás da velocidade á que está a funcionar estes días, a toda máquina, a nosa Compostela, ou sexa a laica das multitudes, a que ri, erguendo un viño á saúde do electricista, mentres completa as novas que saen na prensa con datos que veñen da información privilexiada e rigorosa de quen coñece cabalmente o arfar secreto da cidade e dos seus habitantes. Ben sabes que estes aspectos só poden ser tratados en foro tabernario.

Ou, por que non, no Teatro. Xa que ti non estás en condicións, por que non lle recomendas, a alguén dos que practican a disciplina, da que ti fuches Mestre, que lle meta o dente a esta historia? Por suposto, o protagonista da obra ten que ser, sen dubidalo, o noso electricista calixtino. Polo que declara a policía nos xornais, trátase dun home moi especial, cun carácter cerrado, oscuro, gallego.

Direiche que os promotores da FAE non entenden esta opinión policial. Nós somos abertos e luminosos, din. E non obstante, tamén somos moi galegos.

En fin, Roberto. Despídome de ti cunha fonda e compostelá aperta, e aproveito para che dar os meus parabéns polas merecidas Letras Galegas do ano 2013 que nos vai vir enriba.

Xa sei que estas celebracións non che gustan moito, sobre todo por ser ti o celebrado, pero a ver se podemos gozar do ano cunha boa obra de teatro que, na túa honra, retrate estes tempos pechados, escuros, e nada galegos. Con aires de Valle Inclán e mais teus, por exemplo.

Xosé Luís Santos Cabanas

Comentarios