Opinión

O Día da Patria Galega coa estrela da liberdade

O sábado un grupo de persoas asistimos por segundo ano á lectura pública do Alba de Gloria de Castelao no cumio do Pico Sacro, un acto simbólico que abría as portas á celebración do 25 de xullo; convocábanos a ese acto a Federación Galiza Cultura recollendo o testigo de Castelao e procedendo a unha lectura coral do Alba de Gloria mentres ondeaban ao vento os símbolos da Galiza que el deseñara en 1937, uns

O sábado un grupo de persoas asistimos por segundo ano á lectura pública do Alba de Gloria de Castelao no cumio do Pico Sacro, un acto simbólico que abría as portas á celebración do 25 de xullo; convocábanos a ese acto a Federación Galiza Cultura recollendo o testigo de Castelao e procedendo a unha lectura coral do Alba de Gloria mentres ondeaban ao vento os símbolos da Galiza que el deseñara en 1937, uns símbolos que incluían a estrela vermella de cinco puntas; estrela que como el deixou escrito é emblema da liberdade, unha liberdade para Galiza pola que deu a vida e pola que seguimos a loitar hoxe os e as nacionalistas.

Tamén podemos comprobar desde hai uns días como, respondendo á iniciativa do BNG nuns casos e noutros por iniciativa propia, agroman nas nosas vilas e cidades bandeiras da patria penduradas de fiestras e balcóns, bandeiras que adiantan a celebración da nosa festa grande.

O vindeiro mércores é xa 25 de xullo, é o Día da Patria Galega e milleiros de nacionalistas sairemos da Alameda de Compostela pasadas as 12 da mañán como vimos facendo desde hai anos, para percorrer as rúas da capital da nación erguendo a nosa bandeira e berrando Galiza Ceibe Poder Popular!. Andaremos esas rúas que o españolismo quere secuestrar e que por tanto debemos pisar cada vez con máis forza reivindicando os dereitos do noso pobo.

Para as persoas que traballamos por unha Galiza de seu e temos confianza na capacidade do noso pobo para rexir o seu destino o Día da Patria Galega é un dos nosos símbolos, un símbolo que non exclúe a ninguén, un símbolo aberto a integrar na familia nacionalista a quen considere que pode aportar algo neste longo camiño que é o proceso de autodeterminación.

Un longo proceso no que os símbolos teñen papel fundamental, ben o sabía Castelao cando deseñou a súa proposta de novos símbolos da Galiza eliminando os emblemas que representaban a unha igrexa corresponsábel da masacre do noso pobo a mans do fascismo e introducindo ademais da estrela vermella a fouce símbolo do traballo; e ben o sabían tamén aqueles nacionalistas que nos anos setenta do século XX recolleron esa estrela vermella incorporándoa á bandeira que hoxe é recoñecida como a de quen consideran Galiza unha nación e loitan pola asunción plena dos seus dereitos.

E desa importancia dos símbolos tamén saben os inimigos de Galiza que tentaron borrar a denominación Día da Patria Galega e impediron repetidas veces a nosa entrada na zona vella e a celebración do mitin na Praza da Quintana; os que agachan parte do noso himno nacional pois non asumen a nación de Breogán e empregan o noso idioma só como elemento litúrxico e cando lles cadra.

O 25 vémonos onde sempre, a iso das 12 na Alameda de Compostela.

Comentarios