Opinión

O desafío español de asimilar Catalunya

Case debería comezar esta reflexión coas palabras Castelaoianas ( permítaseme semellante expresión ): “Sodes, pois, uns imperialistas fracasados”.

Case debería comezar esta reflexión coas palabras Castelaoianas ( permítaseme semellante expresión ): “Sodes, pois, uns imperialistas fracasados”. Referíase o devanceiro ao fracasado intento da secular estrutura política española de facer desaparecer o idioma nado das entrañas do pobo galego “Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencia, o noso idioma está vivo.” Sesenta anos despois do pasamento de quen isto escribía no Sempre en Galiza, constatamos que o idioma non morreu pero, malia que nos pese, está moi convalecente.

Non así, para orgullo e autoestima do seu pobo, o idioma catalán. A revitalización da lingua catalá no seo da sociedade que habita o país veu da man da inmersión lingüística. A primeira aplicación do chamado Programa d'Immersió Lingüística (PIL) púxose en marcha no curso 1983-84 en dezanove escolas públicas de Santa Coloma de Gramanet, unha poboación cunha ampla maioría de rapaces castelanfalantes. Os bos resultados acadados confirmaron a oportunidade de estender a metodoloxía a outras escolas. No curso 1989-90 estaba presente en máis de 700 escolas, para finalmente constituírse no modelo educativo de todas as escolas públicas e concertadas, e moitas das privadas, de Catalunya no curso 1992-93. Tratouse logo dun proceso non improvisado, gradual, planificado e consensuado por unha ampla maioría da sociedade catalá ( preguntaron os do Ministerio que porcentaxe de pais e nais están a favor do modelo? preguntaron se hai escolas privadas en Catalunya coa dispoñibilidade de ofrecer cursos onde a lingua vehicular sexa o castelán? )

Españolizar aos nenos Cataláns, o ministro Wert dixit. E velaí a LOMCE que vén, entre outros, co mandado de pasar o catalán de lingua vehicular do ensino a lingua terceira, despois do castelán e mailo inglés, ao máis puro estilo da Xunta-feijooniana. En Galiza afastaron ao galego da centralidade do ensino, reducíndoo á lingua das Marías (nada de estudar matemáticas e física en vernáculo). En Catalunya téntano mais, todo me fai pensar que, como rezaba no cartel republicano: “Non pasarán”.

Comentarios