Opinión

O centralismo xudicial de Gallardón

O peor Ministro de Xustiza da historia moderna propón suprimirmos todos os partidos xudiciais de Galicia e concentrar todos os órganos xudiciais en cadanseu Tribunal.

A tradicional demarcación galega en partidos xudiciais, corrixida á baixa no 1966 e á alza no 1988, constitúe quizais a mellor división comarcal até de agora ensaiada. Estruturou, canda as feiras e mercados, Rexistros, Notarías e outros servizos, as nosas vilas e o noso territorio e ben podería ter sido o alicerce da división comarcal que, dacordo co noso Estatuto, habería ter superado, hai xa trinta anos, a ineficiente e caduca división provincial imposta polo centralismo español dende 1833.

Pois ben, cando  no noso País e no resto do Estado (agás Euskadi) a tendencia cidadá xeralizada é a de  suprimirmos as  provincias, o Goberno Rajoy tenta potenciar as Deputacións como Administracións para xestionar, convenientemente rebaixados, os servizos públicos locais, en claro conflito coa autonomía local, co autogoberno da nosa Galicia e, o que é peor, coa calidade esixíbel a estes servizos públicos. 

"Esta caste de propostas só se lle ocorren a xentes de poucas miras. Eses, como Gallardón, que cren que España toda vive a carón do Bernabeu,  usa o Metro, fala castelán ou gosta das touradas".

E, para rematala, o peor Ministro de Xustiza da historia moderna propón suprimirmos todos os partidos xudiciais de Galicia e concentrar todos os órganos xudiciais en cadanseu Tribunal de Primeira Instancia Civil, Penal, Social e Contencioso-Administrativo de ámbito provincial. É dicir, concentrar  os funcionarios e profesionais  todos nas catro capitais de provincia. Canto ás infraestruturas xudiciais modernas  que o noso Autogoberno foi construíndo, irían botar silvas ou, no mellor dos casos,  reutilizaríanse para outros usos.

Case todos sabemos ou, polo menos,  intuímos que a xestión centralizada dos nosos asuntos dende Madrid tende ser  sempre lesiva e ineficiente. Mais desta volta o ministro Gallardón bateu records. Porque esta caste de propostas só se lle ocorren a xentes de poucas miras. Eses, como Gallardón, que cren que España toda vive a carón do Bernabeu,  usa o Metro, fala castelán ou gosta das touradas.

Comentarios