Opinión

Novos folgos para o independentismo escocés

  Do punto de vista político, falar de Escocia hoxe en día equivale a falar do proceso independentista aberto polo nacionalista Scottish National Party (SNP), pois que constitúe a primeira ameaza seria e real á unidade territorial do Reino Unido, un dos Estados do occidente europeo que até hai pouco se pensaba inmutable no que se refire ás súas fronteiras.

Do punto de vista político, falar de Escocia hoxe en día equivale a falar do proceso independentista aberto polo nacionalista Scottish National Party (SNP), pois que constitúe a primeira ameaza seria e real á unidade territorial do Reino Unido, un dos Estados do occidente europeo que até hai pouco se pensaba inmutable no que se refire ás súas fronteiras. Non é esaxerado aseverar que todas as nacións sen Estado do mundo, e particularmente as europeas, están a acompañar con expectación e de modo estreito o devir deste pequeno, frío e fermoso país, en que tan facilmente nós, galegas e galegos, nos sentimos na casa.

É o SNP o partido que con maior decisión e impacto impulsa o proxecto independentista e, por iso, as posibilidades da independencia relaciónanse en boa medida cos seus resultados electorais nacionais e coa súa capacidade para demostrar que un Estado escocés é viable a través da súa acción de goberno. De feito, as porcentaxes de voto do SNP nas eleccións que se teñen desenvolvido nos últimos anos e as porcentaxes de apoio á independencia teñen, en boa medida, coincidido. Segundo un inquérito levado a cabo por ICM Research o pasado xaneiro, tal apoio sitúase no 40% actualmente.

O pasado 3 de maio tiveron lugar eleccións aos poderes locais escoceses. Tanto o SNP como o Labour Party foron os claros vencedores das mesmas, conseguindo entre ambos máis do 70% do total de concelleiras e concelleiros do país, mais manténdose o SNP lixeiramente por diante, cun 37,2% de concellarías, en comparación co 34,6% do laborismo. Nos dous casos o aumento, significativo, foi do 5%. Mais cabe lembrar aquí que os resultados nacionalistas se producen a pesar de estar no goberno nun momento particularmente complicado para calquera executivo europeo.

O SNP parece ter algunha dificultade para convencer nos ambientes máis tradicionalmente industriais, tendo ficado lonxe de conseguir a ansiada maioría absoluta en Glasgow, aínda que mellorando os seus resultados. Diríase que a clase traballadora industrial non acaba de confiar no esquerdismo do SNP. O feito pode ter algunha base, pois a pesar de que o goberno nacionalista ten adoptado medidas avanzadas dun punto de vista da redistribución da riqueza desde que chegou ao goberno nacional, en 2007, o índice de Gini mostra un aumento das desigualdades que se ten mantido de modo sistemático desde 2005 até 2010 (último ano para o que existen datos).

Trátase, de calquera xeito, dun novo bo resultado que dará folgos a un partido que ten conseguido que a independencia sexa tema persistente e dominante nos medios de comunicación e na rúa. En ambos os casos, a batalla dialéctica entre independentistas e unionistas tende a producirse cada vez máis entre escoceses e ingleses, antes que entre os propios escoceses, que pouco a pouco van decantándose máis pola independencia ou, simplemente, considerándoa unha posibilidade aceptable que, en todo o caso, se dirimirá nunha votación democrática sen maior trauma.

Do lado inglés, diríase que a principal preocupación das elites consiste na perda do petróleo e gas natural que as augas escocesas entesouran. Nun plano máis xeral percíbese a molestia do desconcerto provocado en quen se sente abandonado sen entender o porqué. Do lado escocés, o argumentario é máis diverso e acostuma estar mais solidamente apoiado, sen dúbida debido á maior dificultade que a súa empresa envolve. Con todo, os beneficios que se derivarían da explotación do seu petróleo e gas están entre os argumentos chave. A nivel popular, á par da esperada mellora económica, quizá destaque a idea de recuperación dunha independencia política roubada con nocturnidade e aleivosía en 1707, grazas ao entendemento mutuo entre a elite política escocesa (na altura non popularmente electa e si corrupta) e inglesa (que necesitaba unha Escocia mansa para poder centrarse nos seus conflitos continentais).

Co apoio á independencia a crecer conforme pasa o tempo, a data do referendo parece fundamental. É esta a razón, e non outra, pola que o goberno de Westminster quere a consulta o antes posible, no 2013, e o SNP de Holyrood durante o seu último ano de lexislatura, durante o 2014.

Comentarios