Opinión

Nós tamén amamos a vida

Abrimos os enlaces que nos entregan as novas do día, aqueles titulares, subtitulares, fotos, pés de foto e columnas que, só polo feito de estaren nas páxinas que decorren a verticalidade da pantalla, converten en verdade real e tanxíbel aquilo que aconteceu perto ou lonxe de nós.

Abrimos os enlaces que nos entregan as novas do día, aqueles titulares, subtitulares, fotos, pés de foto e columnas que, só polo feito de estaren nas páxinas que decorren a verticalidade da pantalla, converten en verdade real e tanxíbel aquilo que aconteceu perto ou lonxe de nós.

E os contrastes que guían cara á incredulidade actúan no lectorado crítico, porque o que está, aquilo que definitivamente recibiu o OK! de quen ten a soberbia última palabra non sempre semella veraz no espello que reflecte para a nosa retina o ecrán trampulleiro que escribe xa sen arrecendo a tinta. Porque a nosa retina ou a nosa córnea ou o sentido común, xa nin sei! alcanza obxectivos fotográficos moi diferentes que outras redes informativas paralelas e case nunca perpendiculares ofrecen para garantiren o acceso a unha maior pluralidade.

Actualizo, pois, e case sen querer, a información meteorolóxica (fundamertal e determinate en calquera proceso de socialización, claro, porque así se non hai de que falar, falamos do socorrido tempo... e parece que hoxe aínda chove ben, eh!). Imposíbel non repararmos no custe que a derrota do partido semanal pode causar no equipo deportivo (por suposto falamos de fútbol, o concepto restrinxido da palabra unha vez derivada da súa correspondente simple “deporte” é un dato a ter moi en conta), mais é desculpábel o custe que as súas débedas millonarias á Seguridade Social ou á Facenda (que seguimos sendo todos, como naquel pretérito e moralizante anuncio televisivo, lembran?). Sorpréndome coa mobilización de 5.000 policías en Madrid (que tanto poderían ser 500 como 50.000, pois xa se sabe que as cifras ultimamente nos encontros humanos multitudinarios bailan máis que os prezos da cesta da compra diaria) contra os recortes salariais e non podo evitar asegurarme de que ningún é daqueles batedores oficiais que se exercitaron ultimamente nas cargas contra a cidadanía veciña manifestante, precisamente por motivos semellantes.

Percorro magostos e anticipos de sanmartiños (aínda co arrecendo a fume castañeiro e sabor doce do noso magosto escolar recente) e deslócome, asemade, a golpa de chiscadela de ollo, ao nadal, ao acto oficial de prendido do alumeado de nadal (si, si, len ben...), grazas á sabia intervención manual da chave da luz dun tal Carlos Baute (disque con sangue galeguísimo, con avó de Vigo e bisavoa d´O Carballiño, aí queda iso, ailalelo!). Onde foi o acontecemento? Nunha das paradas máis recentes do tour polos grandes centros comercias da miña cidade (atención, pregunta: cal é o nome desta cidade galega. Un, dous, tres, responda outra vez!).

E xa posta a ser cidadá informada a conciencia, outro titular besbesúllame que noutra cidade galega capital, unha afervoada grea humana corre desesperadamente para sobrepasar unhas cancelas recén abertas (seique a lingua teñen que a deixar fóra...) para acariñar e alimentar o hiperconsumismo que deberá rematar por nos engulir, iso si, inconscientemente e paseniño para que manque menos.

Tamén, a non moita distancia física, seica se inaugura unha nova lexislatura parlamentar galega, mais o relevante e meritorio só semella ser a maior idade dalgún parlamentario.

Con todo, as novas comezan a adquirir un ton cinsento ao dar lectura nun pantallazo do fracaso máximo que nos anuncia que, despois de 50 anos de procura sen descanso, un tal Manolo desiste definitivamente de atopar o carro.

Reconfirmo que o divertido Pokemon da memoria lúdica infantil da casa converteuse nun entramado cesto de mazás podres (aínda por enxuizar) que pretende arrastrar vítimas que son dadas por culpábeis mentres non se demostre que son inocentes.

Vítima? Cantas vítimas se expoñen? Cantas vítimas se ocultan? Quen é vítima e de que?

Impáctame e revólveme visceralmente un titular que fala de “ambiente prebélico” entre Gaza e Israel. Visiono imaxes que tantas veces amplifican o valor das palabras e vexo etéreas columnas de fume entre cascallos, onde os malos de sempre andan a provocar e os polis bos de sempre responden coa enteireza que se lles presupón; voan pedras atemorizando tanques e ametralladoras, escudos-antimísiles asasinos de escudos-corpo, ferraxe de armadura militar fronte farrapos ensanguentados de dignidade.

E a crueza visual chega a afogar o pulso do corazón cando as imaxes reproducen os anxos-crianzas-inocentes, vidas defenestradas vilmente. Corpos ermos, membros erráticos e caras inexpresivamente azuladas de pequenos que deben retombar na conciencia desta nosa sociedade. Almas puras derramadas por mans manchadas de sangue!

Inevitabelmente, lembro aquel vídeo-longo poema “Nós ensinamos vida, señor”, da palestina Rafeef Ziadah, portavoz de prensa da coalición no momento en que debían cubrir a información cando as bombas caían sobre Gaza ( http://www.youtube.com/watch?v=neYO0kJ-6XQ)

E a imaxe levoume, tamén nesta ocasión á palabra e á poesía e non puiden evitar a lembranza persoal daquel encontro, para min tan afortunado, co poeta palestino Darwish en 2006, cando a AELG o recoñeceu como Escritor Galego Universal. Agora, xa falecido, os seus versos retomban no eco do vocativo á vida por riba do chumbo enfermizamente bélico.

Nós amamos a vida

Nós amamos a vida cando achamos un camiño cara a ela,

bailamos entre dous mártires e eriximos entre eles un minarete de violetas ou unha palmeira.

Nós amamos a vida cuando achamos un camiño cara a ela.

Roubamos un fío ao verme de seda para construírmos o noso ceo e concluírmos este éxodo.

Abrimos a porta do xardín para que o xasmín saia ás rúas como unha fermosa mañá.

Nós amamos a vida cando achamos un camiño cara a ela.

Alá onde estivermos, cultivamos plantas que medran ás présas e recollemos mártires.

Sopramos na frauta a cor da lonxanía, debuxamos un relincho no po do camiño

e escribimos os nosos nomes pedra a pedra. Oh, lóstrego! Ilumina para nós a noite, ilumínaa un pouco.

Nós amamos a vida cando achamos un camiño cara a ela.

Comentarios