Opinión

Non traballes fillo, estuda!

“-E que vas facer cando aprobes todas as materias pendentes e remates a carreira?- Eu quería empezar a buscar curro nalgo do meu e senón pois do que sexa e gañar algo de cartos.- E xa enviaches algún currículo?- Non... ó final farei un máster ou outra carreira tipo ADE ou económicas... Meus pais non queren que traballe aínda, que só teño 23 anos.

“-E que vas facer cando aprobes todas as materias pendentes e remates a carreira?
- Eu quería empezar a buscar curro nalgo do meu e senón pois do que sexa e gañar algo de cartos.
- E xa enviaches algún currículo?
- Non... ó final farei un máster ou outra carreira tipo ADE ou económicas... Meus pais non queren que traballe aínda, que só teño 23 anos.”*
*reprodución dunha conversa real, tal como a recordo.

---------------------------------------------------

A esta xeración á que pertenzo, estannos a chamar de todo. A dos Ni-nis, dos y-y ou da tecnoloxía. Agora o que máis de moda se puxo nos medios de comunicación e nos círculos ben pensantes é recalcar que somos a “xeración máis preparada” “con máis carreiras e másteres” e “con máis linguas faladas.” Esta última descrición é moito máis positiva mais non é, cando menos para o meu pensar unha situación idílica en absoluto. Está claro que a democratización da educación non obrigatoria e a aposta pola universidade é un avance inmenso e supón xunto á educación obrigatoria universal e gratuíta un dos dous piares dunha civilización digna dese nome (sendo o segundo a sanidade pública). Pero ocorreu o que ocorre habitualmente cando de súbito se ten aceso a algo que antes era case inalcanzable: convertémonos en “novos ricos” da educación post-obrigatoria. É evidente que tendo un aceso á universidade tan fácil, que tolo non o vai a aproveitar? E sobre todo, que pais que aínda por riba viviron á loita –xa sexa participando ou mirando- por conseguir a prezada universidade para todos, vai deixar que o seu fillo non aproveite ese tesouro que eles non puideron gozar? E entón é cando sufrimos de hiperuniversitatis crónica e irreversible (en canto a esta xeración se refire.)

Un tras outro a inmensa maioría dos alumnos que saíron do – aínda non obrigatorio por desgraza – bacharelato nos últimos anos foron directos, desprovistos de alternativas e orientación adecuada á súa carreira de preferencia ou da preferencia dos seus pais, case por inercia. En paralelo foron aparecendo tamén nos pais e nos fillos (toda a sociedade activa e que o será no futuro máis próximo en definitiva) novas formas de complexos e prexuízos sobre aqueles que non van á universidade e o desprestixio dos outros oficios ou ensinanzas como por exemplo as artísticas ou os FP. Así non é nada difícil ouvir entre a xente nova “ese era un pringao (sic) suspendía todo, por iso acabou facendo un FP” ou pais que lle comentan á veciña “A nena non fai nada quixo ser artista, consentíronllo e meteuse nun cursillo (sic) de teatro, ESAD* creo que lle chaman, está alá por Vigo”.

Como proba disto está que agora en toda Galicia e toda España hai milleiros de licenciados sen posibilidade de traballo. Non podemos permitirnos seguir sendo hipócritas e obviar o problema real. Xa que non é problema só da crise. De feito esta é o de menos neste asunto. Destruíronse miles e miles de empregos pero a gran maioría eran empregos ligados á construción ou outros sectores onde non se requiría licenciatura ningunha. O problema empeza en que non se fixo inversión ningunha naqueles sectores onde si se require ser licenciado, e non se profundou na consolidación do sistema educativo nacional liberándoo de concertacións e homologacións de centros privados.

Pero a cousa non para aquí. É incluso moitísimo máis grave. Require facer unha profunda crítica na forma na que os socialdemócratas e a dereita liberal planificaron o futuro de Galicia e de España no que se refire ao mundo do traballo no que o primeiro é preguntarse: cantos universitarios fan falta? Cantos mecánicos? Cantos obreiros? Sen planificar, créanse as FPs mentres se desprestixian dende os institutos e logo dende a rúa. Facilítase o aceso á universidade sen garantir un mínimo de saídas laborais, e o peor de todo: sen explicar dende o bacharelato que require e que significa realmente ser universitario, que vantaxes e desvantaxes ten da mesma forma que non se explican as vantaxes ou desvantaxes de ser enfermeiro ou administrativo.

Estando ademais contrariamente a certos países do norte de Europa – dos que por certo deberíamos tomar exemplo nesta materia - nunha sociedade profundamente discriminatoria e irrespectuosa cas persoas de diferentes estratos sociais e de diferentes oficios, deberíamos facer esforzos especialmente intensos dende a escola e despois tamén no instituto con materias de educación cívica en educar no valor de tódolos oficios e estudos e no valor de tódolos traballadores, elemento imprescindible para poder despois ter traballadores e estudantes sans e satisfeitos co seu traballo. Todo isto para poder cambiar esta dinámica que nos pode afogar. Porque non imos a ningunha parte como nación con máis químicos que electricistas, con máis xornalistas que panadeiros ou con máis filólogos que mecánicos.

Para seren unha sociedade que funciona ben é imprescindible formar pintores respectados no seu traballo e na rúa para que pinten ben. Educar educadores infantís que farán ben o seu traballo porque nunca se sentiran menos que o profesor de instituto ou o médico. En definitiva –e parece obvio mais non fixemos nada para cambialo – é imprescindible empuxar a todos a facer o traballo que prefira: dende oncólogo ata o encargado da hixiene urbana, e non só naqueles que requiren de licenciatura.

Conseguimos un avance espectacular na igualdade de trato a homes e mulleres, a heterosexuais e homosexuais, a negros e brancos, mais porqué non a xardineiros e psiquiatras?

Os futuros gobernos deberán pois fomentar de forma igual a educación universitaria como a formación en oficios, en todos os oficios. Axudar a aquel que demostra un interese especial na investigación a orientarse cara a universidade e da mesma forma e co mesmo trato alentar a aquel apaixoado da restauración de mobles a convertirse nun excelente restaurador. E facer así para que os futuros cidadáns, na rúa, á hora de tratar cun xuíz ou unha asistenta de limpeza sexan un pouco máis humanos e sexan tratados polos seus semellantes co mesmo respecto.

Temos a proba en Galicia e España que unha sociedade chea de universitarios non rima en absoluto con ter unha sociedade mellor educada nin máis civilizada. Só quere dicir que temos máis universitarios que antes, aínda que a metade sobren. E o peor é que eles son os primeiros en sabelo... unha vez rematan a carreira.

E outra vez, este vaise, e aquel vaise e todos todos todos se van...

A metedura de pata é xa irreversible mais para a próxima xeración aínda estamos a tempo. A dereita xa está a facer o seu: (moitos universitarios + demasiado gasto) x (estamos en crise + argumento ideal) = subimos as tasas.

Agora nos toca a nos, a esquerda real, a dar a resposta adecuada.

 Roi P. Vila

Comentarios