Opinión

Non temos para pan e róubannos para manter un circo: PPSOE e CD Lugo SAD

O pleno da Deputación de Lugo vén de aprobar, cos votos do PSOE e máis do PP e o voto contrario dos dous deputados do BNG, a entrada da institución local no accionariado do CD Lugo SAD por valor de 900.000 euros, con cargo aos remanentes existentes do orzamento de 2012 nas áreas de goberno dirixidas polo PSOE.

O pleno da Deputación de Lugo vén de aprobar, cos votos do PSOE e máis do PP e o voto contrario dos dous deputados do BNG, a entrada da institución local no accionariado do CD Lugo SAD por valor de 900.000 euros, con cargo aos remanentes existentes do orzamento de 2012 nas áreas de goberno dirixidas polo PSOE.

Cómpre facermos unha explicación do contexto, para quen non estea ao tanto da actualidade deportiva: o CD Lugo, tras ascender a Segunda División, por tratarse esta dunha categoría da Liga de Fútebol Profesional, está obrigado pola lexislación vixente a adoptar a forma de entidade empresarial: Sociedade Anónima Deportiva (SAD). Esta é unha fórmula que converte o clube nunha empresa adicada á xestión do espectáculo e da publicidade (contratos de patrocinio, televisión, etc.) asociada a el. Como é sabido, esta forma de xestión dos clubes deportivos agocha unha das meirandes fraudes fiscais do Estado Español, principalmente no impago das cotas da Seguridade Social; calote que foi descuberto xa hai anos polo BNG no Congreso dos Deputados.
Unha comisión mixta do Consello Superior de Deportes e a Liga de Fútebol Profesional estableceu o capital social que se debía subscribir por medio de accións para acadar o obxectivo de conversión en SAD: 3.015.000 euros. O CD Lugo, tras poñer en marcha unha primeira fase de captación de capital entre socios e socias, tan só foi quen de cubrir 556.000 euros. Foi entón cando comezou a dirixir mensaxes ás institucións públicas reclamando apoio económico, desbotando implementar outro tipo de inicativas para recadar capital.

"O pleno da Deputación de Lugo vén de aprobar, cos votos do PSOE e máis do PP e o voto contrario dos dous deputados do BNG, a entrada da institución local no accionariado do CD Lugo SAD por valor de 900.000 euros"

Tense trasladado publicamente que a fórmula que se aplicou para fornecer dese capital ao CD Lugo é un “adianto de subvencións” ou un “empréstito” que a entidade se compromete a devolver antes do 31 de decembro deste mesmo ano. Isto non é exactamente así, pois segundo o acordo ao que chegan Deputación e CD Lugo, negóciase unha contía de 100.000 euros de subvención anual durante os tres anos seguintes (inferior ao que viña recibindo, iso si, en 2012 foi un total de 275.000 euros), coa condición de que se non devolve os cartos non recibiría esa “tarifa plana” de 100.000 euros. Non se trata, por tanto, dun adianto de subvencións, pois no caso de devolver os cartos seguirían recibindo esa contía. Tampouco é un empréstito stricto sensu, pois o CD Lugo non vai dispór deses cartos, será a Deputación quen subscriba as accións, que despois o CD Lugo asumiría por medio dunha Fundación creada ad hoc e case en tempo record que non sabemos de onde sacaría en tan pouco tempo os cartos para pagar esas participacións; mais sería, de facto, destinar cartos públicos a mercar accións dunha entidade empresarial privada.

En calquera caso, estes aspectos técnicos son os menos importantes da cuestión en si, e máis habida conta dos precedentes que houbo na cidade de Lugo en canto á relación de administracións públicas e clubes profesionais.

Por citar un caso doutro deporte, e que saíu a colación de maneira interesada estes días na prensa local, cando o CB Breogán tivo a necesidade de se converter en SAD subscribiu o capital co esforzo da súa base social. Foi posteriormente, cando acometeu unha ampliación de capital, cando Francisco Cacharro (PP), daquela presidente da Deputación, tomou a decisión -xa daquela co voto contrario do BNG- de meter a esta institución local no accionariado, chegando a facerse con até o 40% das accións da entidade, que é o que ten actualmente. Tras unha desastrosa xestión por parte do Consello de Administración, o clube non cumpriu as expectativas deportivas e ficou cun furado económico enorme, con débedas con directivos, subvencións sen xustificar que tiña que devolver e ao borde da disolución. Cando viñan mal dadas, o PP abandonou o Consello de Administración, ficando tan só os grupos da oposición no mesmo coa finalidade de sanear economicamente o clube. 

"Co que cobra un só dos futbolistas do CD Lugo xa se poderían pagar as nóminas de varios dos traballadores de Alimentos Lácteos, Tablicia ou boa parte das empresas que están a presentar EREs en Lugo e comarca".

O BNG procuraba, ademais, galeguizar o clube -até o de entón refractario ao uso da lingua galega- e promocionar as categorías inferiores, de maneira que o Breo dera a posibilidade de xogar na primeira equipa a mozos da provincia. Facendo a necesaria autocrítica, cómpre dicir que o nivel de consecución destes obxectivos foi precario. No entanto, os problemas económicos van camiño de resolverse e, unha vez saneado o clube, o que se calcula que se acadará en 2014, a Deputación sairase do accionariado do Breogán sacando as accións á venda coa finalidade de que continúe a ser titulariedade da súa masa social.
Outro exemplo atopámolo na historia recente do CD Lugo, desde o seu paso efémero pola Segunda División na tempada 1992-1993. Xustamente a tempada seguinte foi a miña primeira como socio do clube, condición na que me mantiven ininterrompidamente até hoxe. Tras ter iniciados os trámites para converterse en SAD e tralo desastre deportivo e financeiro, pasou un longo período de penuria na Segunda B, cunha xestión económica e deportiva errática que o levou ao pozo da Terceira División. Foron varios os anos que as institucións públicas sufragaron con cartos públicos a pésima xestión da directiva do CD Lugo para evitar que descendese nos despachos por non pagar as nóminas dos xogadores. 

Mais indo ao fondo político da cuestión: deben as administracións públicas facer parte de negocios privados? Quen defende que Deputación e Concello merquen 1.500.000 euros en accións do CD Lugo SAD argumenta que “levan o nome de Lugo por aí adiante” e que a equipa dá moito beneficio á localidade -á hostalaría, principalmente-. Incluso algún iluminado chegou a dicir que garantía 40 postos de traballo -supoño que se refería ao plantel de 23 xogadores máis o corpo técnico e persoal de oficinas. Obviaba, claro está, que co que cobra un só dos futbolistas do CD Lugo xa se poderían pagar as nóminas de varios dos traballadores de Alimentos Lácteos, Tablicia ou boa parte das empresas que están a presentar EREs en Lugo e comarca. Eses postos de traballo semella que non lle interesan a algúns. 

Sorprende que, se a equipa xera tanto beneficio económico na cidade, a directiva non se esforce en comprometer activamente aos principais sectores económicos da mesma para que soporten a meirande parte do capital social do clube. Por outra banda, o nome de Lugo tamén o levan o Azkar e o Burela de fútebol sala feminino -campión de Liga, por certo-, o Ensino de basquet feminino, A Pinguela de voleibol feminino e tantas equipas que con poucos recursos e moitos esforzos están a ter moi bos resultados en competicións de alto nivel. Teñen máis mérito e, por tanto, máis dereito a apoio institucional que unha empresa privada devorcada ao espectáculo, non ao deporte cunha función social. Non esquezamos tampouco que a directiva do CD Lugo decidíu esta tempada eliminar todas as bonificacións sociais nos carnés de asociado/a, co cal se converteu de facto nun clube elitista.

"Non esquezamos tampouco que a directiva do CD Lugo decidíu esta tempada eliminar todas as bonificacións sociais nos carnés de asociado/a, co cal se converteu de facto nun clube elitista"

Ao meu modo de ver, perdeuse unha oportunidade para xerar un debate social sobre o que representa unha SAD e o modelo de xestión que debe ter o CD Lugo, facendo partícipe á masa asociada e á cidade en xeral, pero a directiva do Lugo optou por coller un atallo para dirixirse aínda non sabemos a onde.
E o que me sorprende todavía máis é que se asuma por parte dalgunhas forzas políticas o concepto de “adianto de subvencións”, como se algunhas entidades tiveran concedidas xa perpetuamente axudas por parte das administracións. Quixera eu saber se o Concello e a Deputación de Lugo estarían dispostas a lle adiantar cartos -sen intereses nin garantía de devolución, exactamente igual que ao CD Lugo- ás persoas afectadas polas preferentes, ás que están despexando das súas vivendas porque non teñen recursos para pagar a hipoteca, que ben lles viría que as institucións públicas gastaran ese millón e medio de euros en axudalas a elas e non en financiar o negocio privado especulativo do Lugo SAD! Outro tanto se podería dicir das asociacións culturais que manteñen viva a nosa lingua e poñen en valor a nosa cultura, ou das equipas do deporte de base.

Na provincia de Lugo hai máis de 29.000 persoas desempregadas, os comedores sociais e bancos de alimentos que hai funcionando acaban de anunciar que non dan atendido todas as necesidades que lles solicitan, todos as noites vemos os caixeiros ocupados por persoas que durmen neles, e aos cargos públicos do PP e do PSOE só se lles ocorre poñer cartos nunha SAD. 

O PP que recurta en sanidade, ensino e servizos sociais, que fala de austeridade e de eficiencia do gasto, que nos di todos os días á cidadanía que temos que facer un esforzo porque estamos nunha situación difícil, pon os cartos de todos e todas as lucenses no circo do fútebol profesional -o eternamente odioso fútebol moderno- para ver se con propaganda tapa o roubo que está a cometer en beneficio da banca e do grande capital.

"Na provincia de Lugo hai máis de 29.000 persoas desempregadas, os comedores sociais e bancos de alimentos que hai funcionando acaban de anunciar que non dan atendido todas as necesidades que lles solicitan"

Mais tamén quixera subliñar aquí o papel do PSOE como seguidista deste tipo de actuacións, como elemento connivente cos poderes fácticos, e a súa actuación ilexítima e irrespectuosa ao invadir competencias dun goberno de coalición como o da Deputación saltándose o reparto de áreas que está acordado co Bloque. Un exemplo máis dos efectos perversos que teñen os acordos de coalición do nacionalismo co PSOE, que senta un precedente negativo a ter en conta no sucesivo, ao meu modo de ver.

Indo máis aló, quixer cualificar estes acordos PP-PSOE que se toman, primeiro na Deputación e hoxe mesmo no Concello de Lugo, de roubo ao pobo, dun claro exemplo de corrupción: como empregar cartos públicos para fins privadas, como furtar o que é de todos para manterlles o negocio a catro. Porque non é preciso que haxa sobres polo medio para que haxa prácticas corruptas, porque o sistema fomenta a corrupción e quen asume como propia a ideoloxía do sistema acaba sendo parte desa corrupción.

Comentarios