Opinión

Non hai que dar respiro ( e nós sempre con folgos)

Españolizar: atopámonos perante dun verbo que, grazas á compostura histérica do ministro de Educación, Cultura e Deporte, pretende abrirse camiño e instalarse na sociedade actual, pese a quen pese…veu irmandado co de catolizar ou, como diría o bispo actual de Donostia, misionar.( Victor Moreno en Gara,24-10-2012)

Españolizar: atopámonos perante dun verbo que, grazas á compostura histérica do ministro de Educación, Cultura e Deporte, pretende abrirse camiño e instalarse na sociedade actual, pese a quen pese…veu irmandado co de catolizar ou, como diría o bispo actual de Donostia, misionar.( Victor Moreno en Gara,24-10-2012)

Din as nosas xentes que “ polo Santo Amaro xeado xa vai medio inverno pasado” e tamén, por se as caso e así curarse en saúde, teñen o retruco de que “ xeado ou sen xear, medio inverno está por pasar”. Pois así nós, galegas e galegos, ao referido a invernos e longas noites de pedra, a males que nos fan ou que nos queren facer, sexan estes xeados ou non e por calquera tempo, fánsenos moi difíciles de transitar e tamén en calquera tempo vémolo ben. E dicimos difíciles, pois as trabas e forras que nos colocan, os acoutes que nos establecen por leis ben parvas e intencionalmente controladoras, fan que os nosos pasos de ir adiante se dean a poucos e de mala maneira. Deles, deses pasos, un tan esencial e obrigado é o que de forma comunal nos posibilite facer o camiño de nós e nel recuperar, normalizar, a nosa Lingua Galega, si, aquí nesta Terra do Pobo do Galego.Ben sabemos e máis sufrimos as disposicións decretais que nos botaron enriba os nosos gobernantes aquí en Galicia ( eles delegados do que proclaman como España). E así o fan pois as súas orientacións – configuracións de domínio e poder - non nos teñen a nós como referente nuclear, ente común e determinado. Téñennos como un algo impersoal ( tal un satélite) que debe recibir a luz ( en idioma non noso pois) dun centro real controlador, superior, que co nome de España se define a pensamento único como un sistema estelar prepotente e así nós, Galicia, diso que eles matinan, seríamos simplemente un satélite cativo, de extramuros, como moito unha lúa anana que lles interesa sobre todo para experiementaren intencións e tramas. Por iso que cada vez que gañan aquí eleccións celébrano en Génova como éxito estelar.

Pois gustaríamos dicir basta e que vai ser que xa non. Xa non porque esa teoría helioespañolicéntrica non vai ser máis certa. E tampouco vai ser aplicable salvo que se faga por medios de verdadeira imposición ( unha delas poño por caso será a dimanada da lei directa ( wértica) e a do decreto tan submiso a esas imposicións ( o de San Caetano) do goberno en Galicia ( agora decreto no mentrestanto e en entredito polo menos). Debe haber alternativas. Ilusións por elas. E saber das provocacións a que nos someten.E por iso mesmo, con outros motivos e con outras accións máis, polos males que nos causan, o día vintesete deste xaneiro debemos presenciar na manifestación popular e necesaria. Si…na manifestación nacional deste pobo e con iso, na presencia responsable, proclamar o noso pleno desacordo coas maniobras, coas leis represoras, que nada recoñecen, para non lles permitir que fagan do que eles lle chaman sistema estelar un todo uniforme e liñal definitivo.

E vai ser que non ( dirémoslles a conviccións militantes). Que non lles ha valer a treta, pois a nosa capacidade de resposta, valencia de galegos e de galegas, manifestará a forza da verdade do que somos, de onde estamos e de como queremos vivir e decidir. Todo iso a través do obrar militante dunha identidade plenamente determinada, a nosa, e na Lingua Galega, nosa e propia, que se así se decide por nós poderá convivir con calquera outra de calquera pobo do mundo ( e loxicamente tamén facelo por cuestión e argumento persoal de operatividade e utilidade con cantas máis outras linguas mellor que mellor).Que basta xa de clientelismos en base ao servilismo de facer, destinar, a nosa Lingua como un algo que grazosamente se engade a unha, outra, sempre principal e importante, única a vixencia , preponderante, empodeirada, neste estado español. E así para que realmente sexa a do estado a que se relacione coas demáis do mundo cando e como queira. A nosa de Galicia non. A nosa recortada e controlada a medre ( cando non refén).Pois non. E así “ e n cada roca seu fuso e en cada terra seu uso.” As disposicións gubernamentais en contra dos pobos ( atentatorias contra a evidencia da súa existencia) nunca farán historia viva ( non deben) pois hai que emendalas negándolles toda lexitimidade. Borralas. Exterminalas.

"Na manifestación nacional deste pobo e con iso, na presencia responsable, proclamar o noso pleno desacordo coas maniobras, coas leis represoras, que nada recoñecen, para non lles permitir que fagan do que eles lle chaman sistema estelar un todo uniforme e liñal definitivo".


A nosa Lingua é nosa.Non todas nin todos escribimos igual. Non todas e todos temos o mesmo tipo de letra. A nosa Lingua de identidade e a marca Galicia. A nosa pertenza vai tamén na ilusión por nos construír como pobo a maior felicidade. E iso pasa dando pasos certos e firmes na normalización real da nosa Lingua Galega e non por concesións, por obras e grazas de non se sabe, ou si, escritas en decretos recurribles e non dados a legalidade.Bastan os bandazos de mal e peor dos que nos gobernan Nós non imos perder o tipo.Quen teñen que cambiar son os da casa grande de San Caetano.Que saiban ( sábeno) que todas e todos nós sufrimos polo estado actual do noso idioma, polo que lle fan e iso é moi duro e así para testemuñar que eles deben emendalo somos nós quen temos que reaccionar. E que o vintesete non falte ninguén en Compostela. Todas e todos somos necesarios. E quen nos agreden poden montar películas para olvidalas se lles peta, pero nós sufrindo pola nosa Lingua queremos ( debemos) facer historia e pobo para restituila e normalizala. E dicir que queremos aportar Lingua e Cultura para a comprensión e a verdade do que tamén proclamemos como universal. A nosa Lingua Galega é o espello clarísimo da soberanía de nós. Será por iso tamén que nola queren (re)cortar.

Todas e todos o vintesete en Compostela, si, porque queremos que sexan xa os tempos. Tempos de ser estando. Xa que imos fartos de sacauntos mentireiros e de madrastras anxelicais de parecido, de seren así como así, pero sen si, nin si. Basta xa de pelexar por mor de ocupacións e inventos mal intencionados e indebidos. Basta xa de que nos queiran misionar. Españolizar…? ( versión Wert).

"Todas e todos o vintesete en Compostela, si, porque queremos que sexan xa os tempos"



E por iso…pola Lingua que nos une e por dicir NON á lei Wert , o vintesete non podes ( nin debes) faltar en Compostela.

Comentarios