Opinión

O non español aos dereitos das nacións

O non do Congreso español á proposición de lei do Parlamento de Catalunya sobre a consulta autodeterminista

O non do Congreso español á proposición de lei do Parlamento de Catalunya sobre a consulta autodeterminista é un capítulo máis na vella historia da negación das nacións por parte da cúpula de poder no Estado. É a reedición corrixida e aumentada do non ao plano Ibarretxe, daquela co PSOE zapaterista na Moncloa. Unha década despois, o réxime, bunquerizado, mostra que non ten capacidade ningunha de rexeneración.

O PP foi inequívoco no seu inmobilismo. Nada novo na fronte españolista. O PSOE quixo distanciarse dos conservadores e axitou a bandeira federalista. Rubalcaba explicou que a opción federal mellora o que hai porque eliminaría as leas competenciais, ao demarcar con clareza que facultades corresponden ao Estado e cales outras aos entes subestatais. Mais a solución federal é un espellismo. O debate non é sobre competencias, nin sequer é sobre un mellor  financiamento. O debate é de natureza esencialmente política e ten a ver co recoñecemento, ou non, da existencia de nacións distintas á española, nacións que, ao selo, reclamarían para si plenos dereitos políticos.

O Estado español non é sustentábel no tempo se non renunciar aos deseños imperialistas da nación de base castellana que é a hexemónica no seu seo

Nin no Estado centralista/autonomista actual nin na súa hipotética evolución federal atoparían satisfacción as demandas dos sectores da sociedade catalá, neste momento hexemónicos, que queren ter un poder político tan ilimitado como aquel do que gozan nacións como a portuguesa ou a francesa. Non ignoramos que as soberanías hoxe non son absolutos, e moito menos no espazo da UE sometida á Troika, mais aínda así está claro que unha nación con Estado ten máis instrumentos ao seu dispor para desenvolver todas as súas potencialidades, a comezar polas económicas, mais tamén por aquelas que atinxen a súa identidade nacional, cultural e lingüística (que sería da cultura francesa sen a existencia do Estado galo?).

O Estado español non é sustentábel no tempo se non renunciar aos deseños imperialistas da nación de base castellana que é a hexemónica no seu seo. Non é viábel se non admitir a súa base plurinacional e se non recoñecer o dereito das nacións sen Estado, a galega entre elas, a decidiren libremente o seu futuro. Con todos os dereitos, até o dereito á independencia.

Comentarios