Opinión

No pecado, a penitencia

Nos meses posteriores ao verán do 2008 o señor Feijóo inauguraba un novo tempo para a política galega que agora a modo de búmerang espétaselle nos fuciños. Cruzaba todas as liñas vermellas que operaban até ese momento nesta terra. Todo valía para desaloxar ao nacionalismo e a esquerda dun espazo que o PP consideraba propio por designio divino.

Nos meses posteriores ao verán do 2008 o señor Feijóo inauguraba un novo tempo para a política galega que agora a modo de búmerang espétaselle nos fuciños. Cruzaba todas as liñas vermellas que operaban até ese momento nesta terra. Todo valía para desaloxar ao nacionalismo e a esquerda dun espazo que o PP consideraba propio por designio divino. Fotos, cadeiras, mojitos, bailes, coches e mentiras eran as ferramentas de traballo da oposición no inicio dunha forte crise económica que poucos chegaban a ver na súa dimensión.

A caída de Lehman Brothers no inicio daquel outono de 2008, abría as portas de par en par aos propositos neoliberais de eliminación co escaso benestar existente, no mesmo momento que o señor Feijóo abrazaba sen complexos a Galicia Bilingüe. Nin os mozos e mozas de Galiza esqueceran o castelán por aprender matemáticas en galego, nin as crianzas de tres anos desfilaban recitando a Pondal con mandilóns estrelados. As cadeiras eran cadeiras, os coches ficaban no parque móbil, e o despilfarro era a mentira necesaria para instalar o estado de ánimo xeralizado da desilusión mentres proseguía o desconcerto dun goberno de coalición nunha cultura allea aos pactos políticos.

Mais de catro anos despois eu lembro aquel tempo co amargo sabor da derrota. Non pola perda das eleccións, senón pola perda dun proxecto de país.  Seguramente o señor Feijóo era consciente diso naquela altura e, por iso, debuxou unha estratexia na súa precampaña e campaña electoral dirixida a sementar o descrédito e desestabilizar. Como se dunha situación pregolpista nun país subdesenvolvido se tratase, pisou o acelerador ao máximo e non dubidou en cultivar a sospeita da política e das persoas.

"Nin os mozos e mozas de Galiza esqueceran o castelán por aprender matemáticas en galego, nin as crianzas de tres anos desfilaban recitando a Pondal con mandilóns estrelados".

De feito, a pasada lexislatura foi a continuación natural da súa marca persoal, facer oposición constante ao bipartito ou a oposición. Sempre cómodo no seu papel de tertuliano ou comentador. Sen gobernar no sentido pleno da palabra e só lexislando para derrubar, Feijóo conseguiu chegar ao 2012 como se dera un chimpo no tempo e se plantara de novo como flamante candidato. Nin paro, nin preferentes, nin liquidación das caixas, nin as mentiras do naval afectaban ao home que podía dicir calquera cousa sen despeitearse. É certo que moitos altofalantes lle axudaron, mais ese tema necesita doutro espazo de reflexión porque os intereses creados na información exceden as posibilidades dun artigo. 

Agora que Feijóo está un pouco máis despeiteado, e xa sabe que a neve era neve, temos que darlle grazas ao libre albedrío porque nos fai responsábeis dos noso actos. Optamos, logo exercemos a nosa liberdade. Na política, como na vida, quedamos presos das nosas palabras. Ás veces tamén dos nosos silencios.

Pode que Feijóo non dimita, mais el sabe como sabemos todos e todas que as bulas non abondan para todos os pecados. Para este non.

Comentarios