Opinión

Negacionismo español contra as urnas

A posición do Goberno español perante a extraordinaria exhibición de democracia en Catalunya

A posición do Goberno español perante a extraordinaria exhibición de democracia en Catalunya -2,3 millóns de persoas a votar baixo as ameazas do Estado, absoluto civismo, nen un só incidente- abala entre o negacionismo e o autoritarismo, mostrando até que ponto Madrid ten perdido a partida da lexitimidade democrática.

Foi singularmente patética a comparecencia de Rajoy. Demorou tres días en abrir a boca, acosado polos sectores ultra da dereita e pola súa coñecida incapacidade a marcar orientación política. E cando o fixo foi para dicir que o 9N, contra toda a evidencia, non houbo consulta. Non se entende esta obstinación en negar a realidade, puro negacionismo, cando meios de comunicación internacionais tan influentes como The Guardian o Bloomberg TV concordaron en demandar diálogo a Madrid e un acordo coa Generalitat para realizar unha consulta con todas as da lei, como a de Escocia.

Rajoy xa non actúa en función das súas obrigas como gobernante -un elemental sentido de Estado levaríao a procurar unha distensión con Mas-, senón en función dos seus intereses persoais

Rajoy xa non actúa en función das súas obrigas como gobernante -un elemental sentido de Estado levaríao a procurar unha distensión con Mas-, senón en función dos seus intereses persoais. Se algo sabe Rajoy é sobrevivir en Génova e a súa supervivencia pasa aquí e agora por desactivar a trincheira ultra que, desde Jiménez Losantos até Pedro Jota Ramírez, piden hoxe a súa cabeza. Por iso Rajoy non dubida en amagar con utilizar a fiscalía contra Artur Mas, aínda a risco de que unha decisión dese tipo -unha eventual querela contra a Generalitat- leve a que sectores sociais catalás aínda vacilantes acaben abrazando a causa independentista ante a evidencia de que con esta España non hai nada que facer nen nada que dialogar.

  

Comentarios