Opinión

Nas estremas

Semella que como unha especie de movemento pendular o poder vai desenvolvendo definicións permanentes de centros e periferias que cada día nos saúdan da mañá á noite, modelando as liñas do admisible, do respectable, do correcto.

Semella que como unha especie de movemento pendular o poder vai desenvolvendo definicións permanentes de centros e periferias que cada día nos saúdan da mañá á noite, modelando as liñas do admisible, do respectable, do correcto. Dende as “mulleres de verdade” do señor Gallardón pasando polo “cidadán normal” de Rajoy ata as definicións de Galicia onde non cabe dicir que Carvalho Calero era sexista, hai persoas que nadamos eternamente nas estremas da postura crítica.

Unha postura crítica é sen dúbida sempre un lugar incómodo. Un lugar onde caen a miúdo as labazadas simbólicas e onde con tino hai quen tenta a toda costa levala a unha ao rego. As feministas traballamos dende esa capacidade plural de non deixarnos convencer polos aplausos mediatizados dependendo se a nosa crítica “ataca” a quen procede no momento dado. Para que nos entendamos, poñamos como exemplo que está moi ben criticar a opresión da lingua galega pero non dicir logo que a Academia Galega é un ente sexista e de resistencia atroz, desafiante e no borde do insulto permanente ao recoñecemento da valía intelectual das mulleres galegas. Os centros e periferias, non nos enganemos, están en todas partes, dende os gobernos centrais de dereitas ata o movemento sindical ou o 15M.

Esas periferias constrúense cada día a moi diversos niveis. Hai persoas ás que só lles afectan algúns, a outras ningúns e a unha grande maioría de mulleres, case todas. As periferias e os centros vanse creando cando as instancias de poder deciden que a saúde e a educación son un luxo de ricos, cando se fala de linguas importantes e inútiles, cando se obriga á cidadanía a pagar os custes do desbaldir alleo e cando, en definitiva se erosionan os dereitos que sempre teñen unha marca indeleble de xénero. Mais tamén se crean periferias a outro nivel cando se intimida, pola vía pública ou a privada, ás persoas que decidimos criticar os pais da patria, ou que sentimos arrepíos porque se lles dediquen días senlleiros como o das Letras Galegas a persoas que puxeron en marcha modelos de explotación sen parangón (despois do de Paz Andrade, chegaralle o día a Amancio Ortega?). Semella demasiado a miúdo que os mesmos que reclaman non ser periferia dun centro estatal non teñen reparo en crear periferias dentro do seu discurso, esquecendo o impacto negativo na vida das mulleres das asociacións “mai” e “patria”, a dor recorrente dos silencios á hora de recoñecer e inscribirnos na historia, ou o impacto nas vidas das comunidades do Sur das nosas irreflexivas exaltacións de certos modelos de ser e de vivir feitos dende Galicia.

Os xestos, as palabras, están na cerna desta creación da marxe. De aí se cadra que proan tanto os intentos de crear unha linguaxe máis inclusiva e habelenciosa contra a desigualdade social. Se a linguaxe, como din tantos por aí, fose algo tan irrelevante daquelas non estarían os machistas e os retro-progres tan emperrados en consumir enerxías tentado presentala como parvada de histéricas incultas.

Dende a estrema, o mundo vese dunha forma complexa e non vale defender unhas ideas de xustiza pasando por alto outras. Non vale dar pulo unha vez máis a certas voces e deixar outras no silencio. Por iso agora que nace un novo medio invoco sen dúbida as estremas, porque aí é onde hai que traballar forte co arado para desfacer a dinámica dos centros e das periferias. Por iso eu, nosoutras, habemos de estar aquí, en Sermos Galiza, non xa máis no campo de exiliadas, senón no centro do mundo, dispostas ao clamor.

Comentarios