Opinión

Nacionalizar a conflitividade social

O pasado mes de xuño, entre o 25 e o 28, proclamouse hai 82 anos a República Galega (ou o Estado Galego) en Ourense e Compostela, ao abeiro dunha folga obreira por mor da paralización das obras do camiño de ferro de Zamora-Ourense-A Coruña. Resulta evidente a relación entre a conflitividade laboral e a reivindicación de soberanía; e que o galeguismo da época fose quen de ligar clase e nación foi unha resposta correcta máis tamén unha necesidade. Aquel non era un paro calquera, xa que abranguía a 12.000 operarios e ademais a obra era vital para Galiza, polo que causou un enorme reaxer dos grupos económicos e das institucións. Mais, que a proclamación do Estado Galego só acadara eco entre a masa traballadora e profesionais ligados ao galeguismo (nacionalismo), non é un dado menor.  

O pasado mes de xuño, entre o 25 e o 28, proclamouse hai 82 anos a República Galega (ou o Estado Galego) en Ourense e Compostela, ao abeiro dunha folga obreira por mor da paralización das obras do camiño de ferro de Zamora-Ourense-A Coruña. Resulta evidente a relación entre a conflitividade laboral e a reivindicación de soberanía; e que o galeguismo da época fose quen de ligar clase e nación foi unha resposta correcta máis tamén unha necesidade. Aquel non era un paro calquera, xa que abranguía a 12.000 operarios e ademais a obra era vital para Galiza, polo que causou un enorme reaxer dos grupos económicos e das institucións. Mais, que a proclamación do Estado Galego só acadara eco entre a masa traballadora e profesionais ligados ao galeguismo (nacionalismo), non é un dado menor.  

Tampouco se pode ignorar o papel destacado que tivo nesta asociación entre clase e nación Antón Alonso Ríos, que pouco antes retornara da emigración, xunto con Pedro Campos Couceiro e Ramón Suárez Picallo, enviados pola Federación de Sociedades Galegas. No caso de Campos Couceiro sabemos que estaba claramente ligado á arredista Sociedade Nazonalista Pondal. Tendo en consideración a extracción popular de todos eles, así como a súa relación cotiá cos emigrantes das aldeas nos centros galegos de Bos Aires e que moitos tiñan militancia sindical, debeulles ser doado conectar cos folguistas mobilizados, na súa inmensa maioría traballadores temporeiros (simbióticos) de orixe labrega. 

"Aquelas proclamacións simbólicas da República Galega, que non acadaron un efecto práctico inmediato, teñen unha enorme importancia histórica e política. Ante todo, porque reflicten o estado de ánimo do pobo"

Aquelas proclamacións simbólicas da República Galega, que non acadaron un efecto práctico inmediato, teñen unha enorme importancia histórica e política. Ante todo, porque reflicten o estado de ánimo do pobo, que non rexeita esta reivindicación, senón que se suma espontaneamente, aínda que despois por falta dun suxeito político organizado e poderoso as arelas populares fiquen apagadas. Asemade, daquela, como acontece hoxe, nun determinado contexto, resultou favorábel a correlación de forzas, mais en realidade era unha situación conxuntural, como se demostrou axiña nas eleccións constituíntes do 28 de xuño do 31. Temos exemplos na actualidade cando se furtan as arelas das grandes mobilizacións que alimentaron as primaveiras árabes. A construción dunha alternativa necesitaba daquela, e agora, dun suxeito político cun proxecto rupturista, bos cadros, moreas de militantes entregados, e do protagonismo hexemónico das clases populares. E iso, vai para alén dunha folga sectorial ou local, aínda sendo máis ampla e conflitiva, e ademais que o estado de ánimo da poboación sexa o acaido. 

A acumulación de forzas a prol da soberanía é un aspecto central para o nacionalismo galego, sen esquecer que a inmensa maioría da xente ten como urxencias no cotiá, neste intre, a situación económica e o traballo. E tanto as folgas do ferrocarril de 1931, como todo o proceso de construción do movemento nacional popular galego nas últimas catro décadas, son experiencias das que podemos tirar conclusións acertadas de como asociar en todos os ámbitos e momentos o social e nacional, que ademais son interdependentes nun proxecto estratéxico de liberación das clases populares galegas.

"O nacionalismo galego, malia a súa debilidade organizativa, amosou unha gran eficacia substituíndo ao PCE-PCG como referencia política nos sectores máis combativos do movemento obreiro e estudantil" 

Cómpre lembrar que o nacionalismo galego, malia a súa debilidade organizativa, amosou unha gran eficacia substituíndo ao PCE-PCG como referencia política nos sectores máis combativos do movemento obreiro e estudantil, nos que a esquerda estatal tiña unha ampla base de militantes e simpatizantes curtidos na oposición á ditadura. E foi deste xeito, como o teño dito nunha morea de oportunidades, porque se lle disputou ao PCG o espazo dende a esquerda, cando eles viraban a dereita para aceptar a transición democrática (monarquía, capitalismo, democracia limitada, autonomía). Deste modo, nacionalizouse unha boa parte da esquerda de tradición marxista, asociando a loita de clases coa liberación nacional. Non se conseguiu mediante un discurso reducido á consigna nacionalista, como teiman facer aqueles sectores ligados a unha visión exclusivamente identitaria da problemática nacional sen moito éxito de masas, senón con coherencia e mobilización, e asociando a cuestión social coa problemática nacional na axitación, na propaganda, na formación, nos obxectivos sectoriais e locais. Partíase do concreto ao xeral na resposta práctica aos problemas das clases populares, e do xeral ao concreto na súa análise.  

Porén o nacionalismo non conseguiu o mesmo éxito cando pretendeu na década dos noventa e a principios deste século achegar as bases do PSOE, ou sexa, da socialdemocracia. A viraxe realizada para conseguir este obxectivo a políticas de moderación no nacional e social, fixo que de vagar se fose perdendo militancia e base electoral. Houbo quen non quixo ver que existe unha relación directa entre loita de clases e cuestión nacional na Galiza, unha interdependencia. A burguesía, alta e media, rexeita tanto o nacionalismo como a defensa da cultura nacional, e as clases populares necesitan, para rematar coa explotación, un Estado Galego cun contido claramente antisistémico. Por este motivo, o apoio a un proxecto nacional exclusivamente identitario, e que non dea unha resposta axeitada ás clases populares no democrático, económico e social, conta sobre todo co apoio de persoas con bos salarios, do ámbito da cultura, ou moi politizadas. 

"Non se pode pretender gañar o apoio maioritario das clases populares con alternativas moi semellantes no económico e social, diferenciándose exclusivamente na cuestión nacional"

En poucas palabras, é no ámbito dos problemas e reivindicacións laborais e sociais onde fica a disputa principal con outras forzas da esquerda, no noso país. Daquela, non se pode pretender gañar o apoio maioritario das clases populares con alternativas moi semellantes no económico e social, diferenciándose exclusivamente na cuestión nacional. Máxime cando no imaxinario colectivo a globalización adquiriu tanto pulo, e o Estado español e a Unión Europea son o marco de referencia das clases hexemónicas que, lembremos, impoñen as ideas dominantes na sociedade. 

Por exemplo, axudaría a mudar a correlación de forzas, ademais da nacionalización da banca, facelo tamén co sector enerxético e das comunicacións, e unha lei que garanta unha información obxectiva (non se respectan os dereitos dos galego falantes nos medios privados, que ademais dan un trato discriminatorio aos intereses das clases populares). Asegurar a transparencia nas contas das empresas, os dereitos laborais e sindicais, salarios e xornadas dignas, etc. No concreto, e inmediato, que impide que se apoie sempre desde as organizacións políticas e activamente as reivindicacións dos traballadores/as cando van á folga ou se mobilizan a prol da mellora das condicións laborais na súa empresa ou sector? Sería un xeito efectivo de amosar con toda claridade que intereses de clase defende en caso de conflito. Marcaría unha diferencia con outras forzas políticas de esquerda e vincularía estreitamente a loita de clases co suxeito político, coa cuestión nacional. Unha organización interclasista non o podería facer, mais si unha fronte de clases para a liberación, porque habería unha hexemonía da clase traballadora, que é o suxeito social máis poderoso polo seu número e capacidade mobilizadora.

"Cun discurso máis rupturista no nacional pódese ilusionar de novo aos sectores que se definen como nacionalistas, mais non parece que este xiro teña a mesma eficacia en frío en relación á inmensa maioría das clases populare".

En resumo, cun discurso máis rupturista no nacional pódese ilusionar de novo aos sectores que se definen como nacionalistas, mais non parece que este xiro teña a mesma eficacia en frío en relación á inmensa maioría das clases populares. Tampouco semella ser abondo atractivo respecto das persoas máis activas nas mobilizacións contra o axuste capitalista, mesmo naquelas que militan en organizacións de base fundadas e dirixidas polo nacionalismo, como o sindicalismo. Para acadar este obxectivo estratéxico cómpre, hoxe como hai catro décadas e nas folgas de 1931, facer da cuestión nacional, da República Galega, algo esencial para dar solución aos temas que a xente sente como urxentes. É necesario politizar o sindicalismo e achegar o partido ás clases populares, encetando pola clase obreira, e isto non é unha cuestión organizativa, nen da relación entre cúpulas dirixentes. Tampouco abonda só coas definicións nos congresos e os discursos á militancia, cómpre darlle protagonismo ás clases populares, e que en toda a actividade política cotiá, partindo dos problemas máis desacougantes, se faga a asociación entre o concreto e o xeral, a clase e a nación, dun xeito pedagóxico. 

http://manuelmera.blogaliza.org/