Opinión

Na vella varanda

Son tempos difíciles para ser. Se cadra sempre o foron. Non obstante, levamos con maior facilidade o “estar”. Estamos enfadadas, deprimidos, alucinadas, atemorizados, indignadas, excluídos, empobrecidas,... Formamos parte deses 265.600 galegos e galegas que están en paro, dos que agardan nunha lista médica ou dos que están esnaquizando o peto para ver se poderán pagar as taxas universitarias do próximo curso. Aí estamos.

Son tempos difíciles para ser. Se cadra sempre o foron. Non obstante, levamos con maior facilidade o “estar”. Estamos enfadadas, deprimidos, alucinadas, atemorizados, indignadas, excluídos, empobrecidas,... Formamos parte deses 265.600 galegos e galegas que están en paro, dos que agardan nunha lista médica ou dos que están esnaquizando o peto para ver se poderán pagar as taxas universitarias do próximo curso. Aí estamos. Nun fluír de acontecementos. A corrente tira de nós e a outrora terra firme das verdades inmutábeis desapareceu entre a débeda pública e a prima de risco. Os máis eclesiásticos, acostumados á permanencia dos púlpitos sagrados, deseñan un futuro acorde coa orde natural das cousas. Esa que clarifica onde están os que teñen e onde os desposuídos. Esa orde que desde todos os tempos impulsou o movemento terráqueo sobre o seu eixo. Condicionou primaveras e outonos con maior éxito que a forza gravitatoria.

Sermos é unha afirmación arriscada. Implica ollar e comprender desde unha posición concreta. Unha posición de compromiso espistémico co mundo. Sermos obrígamos a deternos nunha Galiza esfarelada no económico e, de novo, negada no cultural.

Sen instrumentos financeiros, que política económica desenvolve este goberno galego? Pois a de moer os sectores produtivo propios en función de intereses alleos. Desde o concurso eólico, o naval, a investigación universitaria, o leite ou a pesca do xurelo senten o peso da grande pedra do muíño ao ritmo da corrente neoliberal. Mentres tanto, o presidente da Xunta fai xogos malabares para tentar disimular os obxectivos do PP. Eliminar o cativo marco de autogoberno e dar paso a desexada orxía privatizadora. Por fin, a sanidade e o ensino contribuirán a manter a orde establecida e deixarán de tentar redistribuír oportunidades. Iso soa moi antigo, palabras propias do século XX. Agora estamos na verdadeira modernidade, a de sálvese o que poida. O que en Galiza desde antigo foi traducida por “colle a maleta”.

Si, é arriscado sermos en galego. Etiquetada ou invisibilizada, podemos elixir. A primeira supón a caricatura fácil que, de seguro, alguén a sentirá reconfortante para esquecer a súa inacción cotiá. A segunda é parte da estratexia de negar o diferente. Se Galiza é unha cultura diferenciada, pagara por elo. A súa escrita, a súa imaxe, o valor simbólico do seu ser agardan na xa vella varanda a tomar a xustiza pola man.

Comentarios