Opinión

Na morte de Emili Teixidor

Emili Teixidor, autor da celebrada e vendidísima novela Pa negre, morreu o pasado día dezanove en Barcelona á idade de setenta e oito anos. Era un home querido e respectado en Cataluña tanto pola calidade da súa literatura coma pola súa faceta de comunicador e de animador da lectura.

Emili Teixidor, autor da celebrada e vendidísima novela Pa negre, morreu o pasado día dezanove en Barcelona á idade de setenta e oito anos. Era un home querido e respectado en Cataluña tanto pola calidade da súa literatura coma pola súa faceta de comunicador e de animador da lectura. Exercera de mestre en Roda de Ter, a súa vila natal, durante uns anos e trasladárase despois a Barcelona para seguir estudando —dereito, filosofía e letras e xornalismo— e para abrir novos camiños profesionais, coma o da escola que fundou en 1959 para traballar cunha pedagoxía renovadora.

Na súa literatura está sempre presente a vontade pedagóxica que caracterizou todas as facetas da súa vida. El non adoutrinaba, senón que dunha maneira natural ía espertando nos seus alumnos a curiosidade por aprender. Disque cando era mestre levaba tres libros ás aulas e dicíalles aos alumnos que lles ía falar de dous libros. Os cativos, que repararan en que levaba tres, preguntaban que pasaba co terceiro e Teixidor respondía que ese non era para eles, que non estaban aínda preparados para lelo. Era xustamente aquel libro misterioso o que quería que coñecesen, e a prohibición incitaba os estudantes a apuntar o título, a lelo e falar del.

Sendo alumno da escola de Roda foi compañeiro de Miquel Martí i Pol, poeta popularísimo en Cataluña —de quen traduciu ao galego Helena González uns poemas— e comodín para calquera necesidade lírica da vida cotiá. Un día, Martí i Pol desapareceu da escola e cando Teixidor preguntou por el dixéronlle que fora traballar á fábrica, coma case todos os nenos e, sobre todo, todas as nenas das comarcas centrais de Cataluña con industria téxtil.

Esta vida de colonia industrial, de tirapuxa entre o rural e a vila, de represión eclesiástica, social e familiar, é a que reflicte Teixidor en Pa negre. É a súa obra máis coñecida, pero non debe ensombrecer nin a calidade nin a popularidade do conxunto da súa produción, con algúns títulos que chegaron a vender máis de medio millón de exemplares. Escribiu para pequenos e maiores e fíxose cun público amplo e diverso. A súa vocación de mestre vese na atención especial que os nenos merecen nas súas obras. El dicía que cando facía literatura infantil e xuvenil pensaba no público, e pola contra non o facía ao escribir para adultos. Sempre pensaba na infancia, e só cómpre repararmos na construción dos personaxes infantís das súas novelas para ver como se preocupaba pola formación integral dos máis pequenos.

No seu universo literario aparece unha sociedade catalá sen maniqueísmos. El sempre destacaba que houbo fascismo en Cataluña, e así hai nos seus libros familias catalanísimas instaladas no franquismo e na dereita máis rancia que nos lembran a moitas das familias que nunca renunciaron á lingua catalá pero que aínda hoxe seguen arrapañando poder e abusando dos seus concidadáns. Precisamente, Artur Mas, presidente da Generalitat de Cataluña, fixo as típicas declaracións co cadáver de Teixidor aínda quente e destacou da súa obra “o ciclo narrativo que evoca uns anos sórdidos sen disimular esta sordidez, que era económica mais tamén, e sobre todo, moral”. Isto afírmao o presidente dun goberno que aposta por todo tipo de proxectos que destrúen o medio natural, que promove unha economía baseada nas mafias e que está a desmantelar a sanidade e mais a educación públicas. Pero seguimos a ser un pobo submiso e habémoslles agradecer que cando teñan acabado con todo nos manden a factura escrita en catalán.

E acabo cunha reflexión ao fío da oportunidade que a publicación en galego de Pa negre supuxo para as relacións entre a Galiza e Cataluña. A recepción entre o público galego foi moi boa, tanto da novela coma da película, e isto quere dicir que se conseguiu dar a coñecer unha época, uns feitos e uns lugares concretos da xeografía sentimental e humana catalá. A mágoa é que en Cataluña case non se lle deu importancia a esta tradución, ou déuselle pouca máis alá dos círculos galegocataláns.

Emili Teixidor foi investido doutor honoris causa pola Universitat de Vic en febreiro deste ano. Para o acto fíxose un libro que recolle os discursos da cerimonia e que inclúe a "bibliografía completa" do autor. Nesta bibliografía completa aparece, a maiores do orixinal de Pa negre, a tradución ao castelán da novela, a tradución ao grego e mesmo se indica que está «en proceso de edición en neerlandés». Non se di nada da tradución ao galego, editada dous meses antes. Estou convencido de que non foi obviado a propósito, senón que simplemente se debe a que algo falla nas canles de comunicación entre os dous países. Estas son cada día máis numerosas e potentes, pero aínda hai un problema grave que afecta á selección da información que se transmite.

A tradución galega de Pa negre publicouse o día do centenario de Álvaro Cunqueiro, que foi tamén o último aniversario de Emili Teixidor. Non cheguei a coñecelo, mais o día das Letras Galegas mandoume un correo no que expresaba o seu agradecemento "aos amigos descoñecidos que colaboraron" na edición, e confesaba que "as presentacións do libro en diferentes puntos da terra galega" o enchían "de alegría e satisfacción". Por motivos médicos non puido aceptar a invitación a visitar Galicia e dicíame que o chamase cando estivese en Cataluña no verán para coñecernos e celebrar cun brinde o éxito do seu libro na Galiza. Xa non poderá ser, pero aí están as súas obras para que as leamos e brindemos pola boa literatura á súa memoria.

Comentarios