Opinión

Na hora de refundar para unir

O resultado das eleccións do 21-O devólvenos unha desazonadora realidade. Unha sociedade galega divida en dúas metades no eixo dereita conservadora/esquerda-progresista no que a dereita segue a contar co respaldo da maioría, a pesar de toda a agresividade do seu proxecto actual. Por poucos votos populares, en cantidade minguante e con pouco entusiasmo, pero respaldo ao fin e ao cabo.

O resultado das eleccións do 21-O devólvenos unha desazonadora realidade. Unha sociedade galega divida en dúas metades no eixo dereita conservadora/esquerda-progresista no que a dereita segue a contar co respaldo da maioría, a pesar de toda a agresividade do seu proxecto actual. Por poucos votos populares, en cantidade minguante e con pouco entusiasmo, pero respaldo ao fin e ao cabo.

Agora ben, non cabe deducir dos resultados, como fai a dereita, que os galegos respaldaron as políticas de radicalización neoliberal de Feijóo e Rajoy: en realidade o PP perdeu 135.000 votantes, un 17% menos que en 2009. O que ocorre é que o PSOE perdeu moitos máis: 231.000 (44%) e o BNG 125.000, que non foron compensados polos 200.000 de AGE. Feitas as contas mesmo cabería dicir que 366.000 electores (27,8%) abandonaron ao PP e PSOE en boa medida como respostas ás políticas de recortes que estes dous partidos practicaron desde 2009 para acá. O PP paga asi a nefasta política de Feijóo -e a de Rajoy no último ano- e o PSOE segue pagando a desastrosa política da última lexislatura de Zapatero (a iso compriría engadir a deriva Rubalcaba e a grave división interna en Galicia).

Dito iso, o máis grave e precupante desde o punto de vista do nacionalismo é o que ocorre cando nos fixamos no eixo forzas nacionalistas/forzas estatais. Estas eleccións devólvennos unha imaxe na que o nacionalismo perde peso de xeito notable, até rozar o limiar de perda do caracter de forza determinante no país. Mesmo sumando tamén os catro deputados de Anova, o peso do nacionalismo no actual Parlamento vai ser o menor dos últimos vinte anos. O BNG perdeu 125.000 votos (46%) a respeito de 2009 e perdeu 166.000 (53%) a respeito de 2005 (o que non anda moi lonxe dos 200.000 de AGE).

"Mesmo sumando tamén os catro deputados de Anova, o peso do nacionalismo no actual Parlamento vai ser o menor dos últimos vinte anos"

Ao meu ver esa perda de votos do BNG derivan case integramente da división prolongada nas súas filas e das dúas escisións do último ano, en especial, da capitaneada por Beiras. Non creo que a causa do declive estivera, en termos xerais, na liña política e na resposta social á crise, na que aportou propostas alternativas ben trabadas e valentes; nese eido creo que o BNG e o nacionalismo sindical gañaronse un recoñecimento como baluarte fronte ás políticas de recortes e tamén na resposta ás políticas de laminación do autogoberno. En claro contraste coa tardanza e timoratismo da resposta ás políticas de Zapatero por parte de CCOO, UGT e EU/IU. Outra cousa é que os resultados poidan evidenciar que o “hiper-activismo” non cotizou especialmente no momento das eleccións.

Polo tanto, as causas do devalo hai que buscalas noutros factores. Deixando a un lado os de carácter subxectivo, que sen dúbida tiveron o seu peso, creo que hai dous de orde política externa e un interno que son cruciais. No externo creo que o BNG interpretou ben as causas e as repostas á crise económica pero interpretou con poucos reflexos a crise política, en particular o problema da desafección cara a política institucional e cara os partidos, especialmente entre a xente nova, pero tamén no conxunto da sociedade. Niso compre admitir que Beiras tivo máis intuición e máis reflexos para captar o que de sinal había no movemento dos 15-M e na súa conexión co espirito pre-político da sociedade –latente e habelenciosamente animado polo rampante antipoliticismo auspiciado pola extrema dereita mediatica. Outros tamén captamos o sinal pero confiamos en que sensibilizando e animando a organización por dentro se podería reaccionar e, de feito, algo diso ocorreu pero só parcialmente e devagariño. O certo é que sen conectar coa mocedade para incardinala nun proxecto ilusionante calquera proxecto acaba esmorecendo.

"Beiras tivo máis intuición e máis reflexos para captar o que de sinal había no movemento dos 15-M"

O segundo factor externo é que a dereita política e mediatica nunca desaproveita as debilidades dos adversarios: a división interna foi habelenciosamente manexada para debilitar ao BNG e, sobre todo, denigrar a súa imaxe. A importancia dese factor non pode ser ignorada á hora de explicar como se pasou, por exemplo, dunhas enquisas na primeira semana de campaña nas que o BNG mantiña máis ou menos as posicións anteriores (12 escanos) a un resultado final de 7. Non o digo como ladaíña exculpatoria senón xustamente naquilo que ten de feito real e digno de análise sociolóxica e comunicacional. Sen unha axeitada cobertura mediatica ese tipo de fenómenos non son posíbeis, do mesmo xeito que non se crean só con esforzo mediatico. En todo caso, isto non é nada novo e non cabía esperar que fose doutro xeito.

Polo tanto, ao final as verdadeiras causas hai que buscalas alí onde é posíbel incidir, é dicir, dentro da organización e, en particular, en como se xestou o proceso de escisións e tamén na capacidade para adaptarse ao novo escenario que creaba a concurrencia delas no panorama electoral. Non é este o momento e o lugar para entrar en profundidades e detalles pero parece claro que o modelo organizativo do BNG, pensado para unir organizacións políticas diferentes, acabou na práctica reforzando a dinámica fragmentadora e disgregadora. Foi esa unha dinámica na que seguramente non hai culpábeis exclusivos pero si responsabilidades compartidas, acumuladas sobre a base dunha estrutura interna que favorece a confrontación e o ensimismamento. Cando a propia estrutura impele a iso de pouco valen os sacrificios puntuais a prol da unidade e iso debe ser motivo de reflexión para conxurar eventuais procesos dese cariz de cara ao futuro.

O que non cabe dúbida é que, xa na traca final, Beiras fixo uso de toda a súa avenza de intelixencia, habilidades, experiencia e capital social acumulado durante a súa longa traxectoria como cartel do BNG para atraer un numerosísimo caudal de votantes do propio BNG e do PSOE, xunto con algúns abstencionistas, que acabaron dando lugar a un auténtico e sorprendente fenómeno electoral. Non só entre a mocedade senón tamén noutros tramos de idade. Con particular éxito nas zonas urbanas, pero sen esquecer a significativa capacidade de arrastre en todos os concellos do país.

É un fenómeno que ten moito de proceso psico-social pero tamén se beneficiou do feito de enfrontarse a liderados febles como o de Pachi Vázquez ou liderados aínda emerxentes como o de Jorquera, que era a primeira vez que protagonizaba unha campaña electoral e tiña un nivel coñecemento por parte do electorado inicialmente baixo.

A cuestión crucial que se plantexa agora non é tanto a dixestión dun batacazo inesperado por parte do BNG ou a dixestión inmediata dun éxito inesperado da coalición Anova-Esquerda Unida, senón que estratexia seguir para levar adiante o proxecto nacionalista e de esquerdas neste país. Pensando no medio e longo prazo. Nese sentido, cabe preguntarse se é posíbel un proceso de confluenencia e refundación a curto prazo ou se haberá que vivir un longo proceso de competencia fraticida e desgaste como nos oitenta. Eís a cuestión que a min máis me preocupa.

"Cabe preguntarse se é posíbel un proceso de confluenencia e refundación a curto prazo ou se haberá que vivir un longo proceso de competencia fraticida e desgaste como nos oitenta"

Non sei cal será o destino que van seguir os cinco deputados de EU e os 4 de Anova que entran no Parlamento con Beiras; non sei en definitiva cal poida ser o sentido que Beiras e Anova lle queiran imprimir á súa presencia no Parlamento e que tipo de proxecto político aspiran a pular de cara ao futuro –en particular á vista do rápido cambio entre a proclama inicial dunha “alianza puramente técnica para ir a unhas eleccións” ao máis recente anuncio de que se trata dunha “alianza para permanecer”. Pero si teño claro que algúns desexariamos que ese proxecto confluira co do BNG, para reunificar o nacionalismo de esquerdas, a súa militancia e o seu electorado. E tamén temos claro que para iso todos temos que repensar criticamente o pasado e pensar conxuntamente o futuro. Hoxe por hoxe, e máis alá dos resultados electorais, o BNG ten unha estrutura asentada que o converte en peza clave dese proxecto. Pero tamén é certo que para desempeñar un bo papel nese proceso precisa reconsiderar moitos aspectos da súa organización e cultura orgánica; e tamén repensar, máis unha vez, o seu relacionamento cos movementos sociais, coa sociedade no seu conxunto e, porque non dicilo, coas demais organizacións nacionalistas e da esquerda en Europa.

Comentarios