Opinión

Mundo Matrix postelectoral

Conforme foi avanzando a pasada lexislatura non deixaron de me acometeren sucesións de interrogantes á procura de respostas racionais onde o sentido común tomase forma.

Conforme foi avanzando a pasada lexislatura non deixaron de me acometeren sucesións de interrogantes á procura de respostas racionais onde o sentido común tomase forma. Todos eles poderían sintetizarse no máis estremecedor: onde están os límites do goberno do PP galego na toma de decisións?

A capacidade de sorpresa ante as accións involucionistas medraba, chanzo a chanzo, ao compás dunha escalada gobernativa arteira, estafadora, manipuladora, ninguneadora, negadoramente fachendosa dos trazos identificadores e cuxos dardos atinaban sempre na clase traballadora, aquela maioría social que no único Falcon que puido viaxar foi a través das 625 liñas de Falcon Crest, aquela que non goza tampouco de amigos millonarios, propietarios de avións privados, máis aló dos aspirantes a tal condición no concurso Quién quiere ser millonario?

Nas últimas semanas seica chegara a hora de facer balance político. Ao goberno cumpríalle pór enriba da mesa o balance de resultados e á oposición facer exercicio de memoria cidadá (pois xa se sabe que o consumo de rabos de pasa non farda e a memoria é demasiado curtopracista) e presentar programa alternativo (ou de alternancia bis programada, depende das propostas, como o canto do retrouso das cancións máis redundantes).

Mais o certo é que o presidente do goberno en funcións chegaba cunha man chea de nada e outra de cousa ningunha, así que cumpría pedir unha segunda oportunidade e eu sorprendíame dese entoar o mea culpa, porque quen pide, senón aquel que recoñece ter obrado mal, unha segunda oportunidade? Por que? A quen?

Entendín, daquela, que as persoas destinatarias debían ser todos aqueles pensionistas a quen, por primeira vez desde a aprobación da Lei General de Sanidad en 1985, obrigou a repagar os seus medicamentos porque, incontrolados, gardaban auténticos almacéns de fármacos na casa; ou se cadra ao corpo do funcionariado a quen rebaixou sen corazón o poder adquisitivo e permitiu instalalos na sociedade como albo de enfrontamento social por langráns e insolidarios; tamén lembrei as familias galegas que, vivindo moi por riba das súas posibilidades, se viron obrigadas a prescindir do sistema de préstamo de libros escolares durante a escolaridade obrigatoria e a tirar ao lixo o libro de matemáticas por cometer o pecado de estar escrito en galego, para autorizar, no entanto, a súa compra en inglés, porque semella de moita maior facilidade de aprendizaxe a materia nesta lingua estranxeira; inmediatamente viñéronme ao acordo mozos e mozas que deixaron de ter acceso a bolsas de estudo, precisamente no momento en que un ou varios membros da unidade familiar acrecentan a listaxe interminábel daqueles activos profesionais expulsados do mercado laboral e abandonados ao pairo, pois, como recoñeceu en campaña a conselleira de emprego e benestar, las políticas activas de empleo no crean ni un sólo puesto de trabajo (?); como esquecer as caras de milleiros de homes e mulleres maiores, pequenos aforradores estafados pola banca como castigo á ambición de pretenderen conseguir a última grande oportunidade de ver convertido en realidade o gran pelotazo bancario do seu cativo pecunio; asemade, coloquei na listaxe de agraviados os pequenos comerciantes, afectados por unha liberalización de horarios programada desde Madrid e aceptada sen réplica polo goberno galego, que daba carta branca á elefantina fortaleza das grandes superficies comerciais en detrimento dese pequenos comercios locais, ensimismados no barrio onde todas e todos nos coñecemos e faltos de impersoal toque fashion.

Aínda seguín a lembrar, mais tamén acreditaba en que o contrato vencía, en tempo e forma, ao non se ter cumprido e unha das partes podía porlle fin.

Semella que non foi así. Semella que eu, que precisamente do que non gosto en absoluto é das películas de ciencia ficción nin dos universos cinéfilos de Matrix, estiven a vivir un outro mundo paralelo, realidade extemporánea visionaria ou ensoñación alucinatoria incapaz de diferenciar se o mundo que me contorna é real ou ficticio. Nada do anterior existiu, debo convencerme, á vista do resultado electoral.

Revisito lembranzas, imaxes, secuencias, afirmacións, despistes remendados... E reafírmome na contundente negación da mentira oficial elitista e na afirmación platoniana da aposta polo coñecemento global da maioría social, desa clase media traballadora - obxectivo prioritario a bater- desde a confluencia respectuosa entre o mundo sensíbel e o intelixíbel.

Comentarios