Opinión

Monti: chamábanlle tecnócrata ao ditador

  O Goberno Monti representou a suspensión temporal da democracia en Italia. En realidade, foi unha ditadura. Gobernou sen pasar polas urnas e sen que o respaldo cidadán lexitimase o seu programa. Foi unha ditadura de clase, naturalmente. Non me refiro a que fose unha ditadura con estilo, refírome a que foi unha ditadura ao servizo dunhas elites determinadas, do capital financeiro de matriz italiana máis ligado aos intereses de Berlín.

O Goberno Monti representou a suspensión temporal da democracia en Italia. En realidade, foi unha ditadura. Gobernou sen pasar polas urnas e sen que o respaldo cidadán lexitimase o seu programa. Foi unha ditadura de clase, naturalmente. Non me refiro a que fose unha ditadura con estilo, refírome a que foi unha ditadura ao servizo dunhas elites determinadas, do capital financeiro de matriz italiana máis ligado aos intereses de Berlín. Unha ditadura dunha facción da burguesía, a outra, relativamente insumisa a Bruxelas, ten en Berlusconi o seu referente político.

A suspensión da democracia findou en parte coa chamada ao corpo eleitoral a votar. O veredito foi inapelábel. Monti obtivo apenas o 9 por cento do voto, nuns comicios marcados pola baixa participación. Ascendeu o voto protesta e confusamente antisistémico a favor dun cómico que se postula equidistante entre a socialdemocracia e o berlusconismo.

Cos primeiros inquéritos na man, o aparato de propaganda de Bruxelas-Berlín reaxiu decontado: a democracia italiana é ingobernábel, os mercados castígana, hai que mudar a lei eleitoral, ir a un novo goberno de concentración nacional tecnocrático...

Chamábanlle tecnócrata mas Monti era un ditador. Esta UE, construída polos magnates financeiros e para os magnates financeiros, é radicalmente incompatíbel coa democracia. Por iso os mercados (eufemismo que disfarza o vello capital financeiro) se desacougan cando falan os pobos.



Comentarios