Opinión

Modelo Pontevedra

As dinámicas propias de sociedades capitalistas coma a nosa tenden a producir fracturas sociais e procesos disgregadores, que levan a unha certa especialización de usos segundo as zonas e á división de clase entre o centro e a periferia. Desta maneira, en Pontevedra coma noutras cidades, o centro urbano acabou por constituirse desde finais do XIX e durante o século XX nun espazo residencial, de negocio e de ocio da clase dominante, mentres as clases traballadoras vivían e se socializaban en zonas periféricas e rurais. A segregación fíxose evidente nas actividades festivas, espazos lúdicos e recreativos (liceos, cafés, tertulias), lugares de paseo (rúas, prazas e alamedas)...

As dinámicas propias de sociedades capitalistas coma a nosa tenden a producir fracturas sociais e procesos disgregadores, que levan a unha certa especialización de usos segundo as zonas e á división de clase entre o centro e a periferia. Desta maneira, en Pontevedra coma noutras cidades, o centro urbano acabou por constituirse desde finais do XIX e durante o século XX nun espazo residencial, de negocio e de ocio da clase dominante, mentres as clases traballadoras vivían e se socializaban en zonas periféricas e rurais. A segregación fíxose evidente nas actividades festivas, espazos lúdicos e recreativos (liceos, cafés, tertulias), lugares de paseo (rúas, prazas e alamedas)...

A explosión do transporte en automóbil nos anos 60 cambiou a funcionalidade e o uso do espazo público urbano: as rúas e prazas, especialmente as do centro histórico, pasaron a estar permanente ocupadas por coches

A explosión do transporte en automóbil nos anos 60 cambiou a funcionalidade e o uso do espazo público urbano: as rúas e prazas, especialmente as do centro histórico, pasaron a estar permanente ocupadas por coches, reducíndose até a mínima expresión o espazo para a mobilidade natural e para as actividades sociais: xogo infantil, paseo, conversa. Ao mesmo tempo, o tráfico de paso norte-sur e leste-oeste invadiu e colapsou as principais avenidas, encheu o espazo público de ruído e fume, e confinou as persoas en estreitas e incómodas beirarrúas: lembremos como era o reparto do espazo entre vehículos e persoas fai tan só 15 anos no centro histórico ou en rúas como Avda de Vigo, A Michelena, Praza de San Xosé, Glorieta de Compostela, Daniel de la Sota, Sagasta, etc.

A redefinición do espazo público como lugar de convivencia e cohesión social é unha importante ferramenta democrática nos procesos de transformación urbana como o que está a experimentar Pontevedra desde finais do século XX. As primeiras reformas do espazo público levadas a cabo nos anos 80 e 90 (García Camba, Peregrina, Benito Corbal, Michelena) querían poñer a Pontevedra no camiño do redeseño do espazo público urbano mais non chegaron a concretarse pola súa escasa dimensión e pola súa ausencia dun modelo propio. O cambio político de 1999 supuxo unha auténtica revolución na concepción do espazo público urbano sustentada entre outros nos seguintes piares:

A redefinición do espazo público como lugar de convivencia e cohesión social é unha importante ferramenta democrática nos procesos de transformación urbana como o que está a experimentar Pontevedra desde finais do século XX.

-Concepción do espazo público como territorio das persoas e da actividade social e económica, fronte á ocupación abusiva por parte dos vehículos; por razóns de equidade, adoptáronse decisións que restrinxiron a circulación a motor e privilexiaron as formas de mobilidade natural. Convén neste sentido lembrar que a equidade non consiste en gobernar para todos por igual, senón en actuar en beneficio da maioría, o cal moitas veces supón eliminar vantaxes ou privilexios dunha minoría.

-Deseño do espazo urbano como instrumento de cohesión social e territorial mediante a construción dunha cidade compacta, interrelacionada, aberta a todas as persoas e todos os grupos, compartida por todas as clases sociais, acurtando as distancias provocadas polas desigualdades económicas ou xeográficas (centro-periferia). A creación de grandes espazos públicos no centro urbano é un factor fundamental de cohesión e articulación social, na medida en que son usados e gozados por toda a cidadanía sen exclusións. Neste hábitat, algunhas estampas empezan a convertirse en iconas urbanas: o xogo infantil nas prazas, as cadeiras de rodas, os carros de bebé, as bicicletas...

"O verdadeiramente importante é que estamos ante un proceso imparábel de transformación da cidade".

-Complementariedade de usos do espazo público: tanto o centro histórico como o ensanche dos séculos XIX e XX enténdense como escenario de actividade económica, social, cultural e festiva. A convivencia de zonas de xogo infantil e actividade hosteleira no centro histórico, a dinamización do espazo público con actividades festivas e culturais, o retorno das festas de agosto ao centro da cidade, a promoción do comercio tradicional e de proximidade fronte ás grandes áreas comerciais son algunhas das marcas desta nova xeira do urbanismo pontevedrés. E talvez sexa a Feira Franca a mellor expresión desta nova concepción do espazo público, con multitude de usos e usuarios en saudábel harmonía.

Transformar o espazo público non se limita a un cambio no modelo de mobilidade, no reparto do espazo entre vehículos e persoas; supón tamén renovar servizos (gas, telefonía, saneamento, alumeado), dotar as rúas e prazas de novos equipamentos de calidade (mobiliario urbano, arborado), mellorar as zonas verdes, favorecer a accesibilidade para todas as persoas, xestionar as necesidades de acceso motorizado para servizos e residentes, etc. As solucións pódennos parecer máis ou menos acertadas, poden gustarnos máis ou menos esta farola ou aquela palmeira, mais o verdadeiramente importante é que estamos ante un proceso imparábel de transformación da cidade.

A transformación do espazo público é un proceso dinámico, que avanza cara a novas zonas dacordo con un plan previamente trazado e tamén coa complicidade e a demanda de amplos sectores da sociedade.

A transformación do espazo público é un proceso dinámico, que avanza cara a novas zonas dacordo con un plan previamente trazado e tamén coa complicidade e a demanda de amplos sectores da sociedade. O modelo exténdese do centro á periferia, avanza malia as dificultades do contexto actual, e alárgase tamén creando grandes áreas verdes de expansión urbana nas beiras dos ríos, desde Mollavao a Monte Porreiro e Bora e desde As Corvaceiras ás estacións de tren e autobuses, con previsión de continuidade cara aos Praceres e Tomeza. Como manifestación dun proceso vivo, en permanente contraste e actualización, nesta altura sectores do comercio e da hostelaría demandan a ampliación das zonas de preferencia peonil en moitas rúas do centro urbano. E estúdanse correccións en ámbitos no que pode haber disfuncionalidades ou posibilidades de mellora. 

O espazo público urbano é o espazo democrático por excelencia: as rúas, prazas, paseos, parques e zonas verdes son lugares principais da vida das persoas e deben estar protexidos da voracidade privatizadora que caracteriza ás sociedades capitalistas. O camiño seguido demostra as posibilidades dunha estrutura urbana centrada nas persoas, que aposta pola equidade e pola cohesión social, e que se consolida como unha referencia internacional dos novos espazos urbanos do século XXI: o Modelo Pontevedra.

Comentarios