Opinión

Mina non

“A fame é moi negra” dicía a miña avoa. Ela debía sabelo ben porque nacera nos inicios do século XX galego nunha familia de emigrantes á Arxentina que na desesperación da pobreza a deixaran ao cargo dunha tía ao pouco de nacer. Nunca os volveu ver, só conservaba na retina a imaxe soñada na dor do parto.

A fame da medo. Emígrase, crúzanse océanos e cordilleiras porque levamos na filoxénese da nosa especie inscrita a negritude da fame. Os psicólogos de masas e os publicistas que asesoran gobernos e multinacionais sábeno. Non sei se por experiencia propia -creo que non- ou por sisudas lecturas nas súas facultades de orixe. Tanto ten, saben que na desesperación todos e todas traballaremos nun campo cheo de substancias tóxicas para darlle de comer aos fillos. 

Con ese saber perverso desembarcan en Galiza a multinacional Canadiana Edgewater Exploration ou a Sudraficana Umbono Capital Coorporation. Buscan ouro ou os cotizados minerais denominados “terras raras”. O ouro cotiza cada vez máis alto na especulación mundial e os elementos químicos como o itrio, o escandio e outros minerais do grupo dos lantánidos son moi codiciados para a fabricación das baterías dos móbiles, automóbiles híbridos, pantallas de raios X ou turbinas eólicas. As técnicas para a súa extracción son demoledoras para o ambiente e para os seres vivos humanos e non humanos que habitan nel.
O goberno galego aplaude. Facilita os Informes de Impacto Ambiental e pon a disposición do capital multinacional todos os dispositivos dun goberno, incluíndo os medios de comunicación, para vender o progreso económico e social en forma de minas a ceo aberto. A comarca de Bergantiños, perde poboación, o goberno deixa caer as posibilidades do sector agrario, forestal e pesqueiro por algo menos de cen postos de traballo en dez anos. A cambio a mina de Corcoesto, segundo o proxecto da empresa, empregará 1490 quilogramos diarios de cianuro para a lixiviación do ouro. Con esta cantidade poderiamos envelenar diariamente a unha poboación equivalente a tres veces a poboación galega. Todo este cianuro circulará polas estradas e se manipulará diariamente na explotación. Quedará almacenado durante séculos xunto coas inxentes cantidades de lodos e refugallos. 

O enorme movemento de terras, trituración e tratamento con cianuro, sosa cáustica e ácido clorhídrico sen dúbida conlevará a liberación de grandes cantidades de arsénico. Cómpre lembrar que unhas poucas centésimas de gramo deste elemento son suficientes para matar a unha persoa. A inxesta continuada de auga potábel cun contido de arsénico de millonésimas de gramo por litro pode provocar a intoxicación crónica denominada arsenicose. Eis o agasallo para o Anllons.

"Este é o modelo colonial de Feijóo para este país. Explotacións de multinacionais dos nosos recursos e abandono dos nosos sectores produtivos".

As terras raras están na comarca de Vigo. Nunha comarca onde en catro anos o sector naval perdeu o 80% do seu emprego, estamos falando da orde de 10.800 postos directos e 27.000 indirectos e como contrapartida o goberno galego propón esnaquizar a Serra do Galiñeiro ameazando directamente aos núcleos tradicionais de Avelenda, O Saramagal e Figueiras, ademais das áreas lindeiras, causando danos irreparábeis no patrimonio ecolóxico, paisaxístico, arqueolóxico, etnográfico e cultural dun macizo pétreo singular, de orixe granítico e orixinado polos intensos movementos continentais de hai 400 a 240 millóns de anos. 

Este é o modelo colonial de Feijóo para este país. Explotacións de multinacionais dos nosos recursos e abandono dos nosos sectores produtivos. Desde o agro ao naval, desde a pesca ao I+D+i ou o eólico todos en estado terminal mentres o país regálase á minaría máis contaminante. 

Eu fun a manifestación contra a mina de Corcoesto o pasado domingo e agardo asistir o vindeiro á marcha en defensa da Serra do Galiñeiro. Fun e irei porque son deputada dunha organización política que defende outro modelo de desenvolvemento para este país. Mais tamén fun e irei as veces que sexa necesario porque sinto o compromiso ético coas xeracións futuras de legarlles un país sustentábel en termos sociais, económicos e ambientais. Neste momento camíñase no sentido contrario.

Cando a oferta é ou maleta, destrución ou fame a liberdade de elección é escasa. As multinacionais sábeno. Feijóo tamén. 

Comentarios