Opinión

Millonarios anoxados

La princesa está triste... ¿Qué tendrá la princesa?Los suspiros se escapan de su boca de fresa,que ha perdido la risa, que ha perdido el color.(Rubén Darío) Os millonarios de todo o mundo andan tristes e enfadadizos. Os que máis, os franceses liderados polo actor que encarnou Obelix na loita contra os romanos.

La princesa está triste... ¿Qué tendrá la princesa?
Los suspiros se escapan de su boca de fresa,
que ha perdido la risa, que ha perdido el color.
(Rubén Darío)

Os millonarios de todo o mundo andan tristes e enfadadizos. Os que máis, os franceses liderados polo actor que encarnou Obelix na loita contra os romanos. Gérard Depardieu, exiliado na Bélxica para non pagar impostos na Franza, asumiu o liderado do movemento de rebeldía contra a política fiscal do presidente François Hollande, unha política que fica moi lonxe do que presentara durante a campaña presidencial, e que se limita a aplicar un plano fiscal que tenciona reverter en parte a tendencia dos últimos 20 anos marcada por un constante favorecemento fiscal para os ricos.

Na verdade, desde hai máis de medio século, na Franza os réximes fiscais teñen sido moi favorábeis aos ricos. En 1985, a taxa de impostos era do 65% contra 41% en 2011. Tanto os gobernos de esquerda como os de dereita aplicaron políticas fiscais moi favorábeis aos que máis teñen.

Os millonarios españois andan algo máis calmos e calados. Non hai por diante ningún inimigo fiscal; mais ben están de sorte e, lonxe de veren minguadas as súas fortunas durante a crise, víronas aumentar, como proban os patrimonios das súas sociedades de investimento, as chamadas SICAV -Sociedades de Investimento de Capital Variable- que creceron nalgúns casos até un 50 %. A máis xigantesca de todas elas é Morinvest, xestionada por BBVA e na que participa a empresaria Alicia Koplowitz. Desde 2010 gañou 70 millóns para alcanzar os actuais 511 millóns. A segunda, Allocation, vinculada á familia propietaria de Ferrovial, creceu 9 millóns de euros. Agora conta un patrimonio de 398 millóns. A SICAV no que participa Rosalía Mera é a terceira por patrimonio, con 341 millóns de euros, case un 7% máis que en xuño de 2010.

As SICAV reciben un favorable trato fiscal grazas á lexislación vixente respecto diso, xa que tributan ao 1% no imposto de sociedades, fronte ao 30% ao que tributan as grandes empresas e o 25% para as PEMES. Cando un investidor decide sacar o diñeiro da SICAV, debe pagar entre un 19 e un 21%, mais se saca menos diñeiro do que investiu, aforra eses impostos. O requisito para constituír unha SICAV é conseguir máis de 100 socios que acheguen un capital inicial de 2,4 millóns de euros, sen especificarse cantidades mínimas por socio. Desta maneira, son frecuentes as SICAV que pertencen a unha persoa ou familia unida a 100 nomes coñecidos no argot financeiro como "mariachis", "investidores" que realmente non invisten nada. Chámanse así parafraseando a rancheira: Con dinero y sin dinero, yo hago siempre lo que quiero y mi palabra es la ley...

O contraste da boa saúde de que gozan as sociedades de investimento de capital variable (sicav) respecto á saúde financeira do resto da poboación é moi rechamante, xa que segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a renda dispoñible dos fogares descendeu o 3,2 % no segundo trimestre deste ano en relación coas mesmas datas do ano anterior e mentres a maior parte da débeda corresponde a bancos e grandes empresas privadas, sendo o endebedamento familiar só o 20,6% do total e a débeda pública do estado o 19,1%, a maior parte dos impostos recae, ao contrario, nas familias e PEMES que adoitan tributar en porcentaxes moi superiores a figuras legais e ilexítimas creadas para que grandes empresas e fortunas tributen só ao 1%. Aínda así, os millonarios están anoxados.

¡Pobrecita princesa de los ojos azules!
Está presa en sus oros, está presa en sus tules,
en la jaula de mármol del palacio real;
el palacio soberbio que vigilan los guardas,
que custodian cien negros con sus cien alabardas,
un lebrel que no duerme y un dragón colosal.

Por que están tristes os millonarios? Será porque canto máis teñen menos pagan? Teñan pena dos ricos !!!!

Comentarios