Opinión

As mensaxes do pobo galego

O 25-M o pobo galego tivo a oportunidade de se expresar nas urnas. Fíxoo como é, como un suxeito plural, sen que podamos reducir o seu recado a un slogan ou unha fácil palabra de orde.

O 25-M o pobo galego tivo a oportunidade de se expresar nas urnas. Fíxoo como é, como un suxeito plural, sen que podamos reducir o seu recado a un slogan ou unha fácil palabra de orde.

O primeiro dado que debemos reter é que, poucos meses após Galiza rexistrar o récord histórico de paro, a maior parte das electoras e dos electores non acharon razóns suficientes para ir votar. Este feito debería ser motivo de reflexión para todas as forzas políticas e nomeadamente para aquelas que tencionan mudar o statu quo e que non acaban de seren atractivas para as grandes maiorías sociais.

O segundo dado significativo é o retroceso histórico do PP. En 2009, o PP obtivo o 50,01 por cento do voto. En 2014, o 35,16%, menos do que conseguira o PSOE cinco anos antes. Se engadirmos a ese 35,16% os sufraxios conquistados por UPyD e Ciudadanos, a dereita apenas supera o 40 por cento do voto. Disto podemos deducir que a maior parte da abstención activa o 25-M pertence ao bloco social conservador.

Certo é que o retroceso do PP vén acompañado dunha queda global do bipartidismo, mas pór isto no primeiro plano e non aquilo é unha estratexia clara comunicativa do conglomerado de poder político, financeiro e mediático que coordina Monte Pío. Xa sabiamos que o PSOE estaba mal. Iso non é noticia. A noticia é que o PP ceda 15 puntos porcentuais na Galiza e fique por debaixo do seu resultado en Castela e León, Castela e A Mancha, A Rioxa e Murcia.

O BNG non debería evitar a reflexión sobre algunhas das mensaxes do electorado

O terceiro elemento relevante é que o BNG conseguiu o seu obxectivo: garantir presenza directa no Europarlamento. O seu resultado é digno. Apenas perde 1,18 puntos a respecto de 2009, o que é meritorio se temos en conta a fragmentación no campo da esquerda e se ponderamos a desapiadada campaña da que o BNG foi obxecto para o marxinar dos medios públicos de comunicación, dos privados xa está marxinado de seu. Nesa atomización da esquerda electoral hai que inserir a emerxencia da mediática Podemos, filla do 15-M e que claramente freou o avanzo de IU-Anova. Podemos é un fenómeno a analizar sen prexuízos, mais inequivocamente situado no campo da esquerda española, como mostra o seu uso do idioma castelán na campaña galega.

Voltando ao nacionalismo galego, o BNG non debería evitar a reflexión sobre algunhas das mensaxes do electorado. Hai moito campo social para gañar. O camiño pensamos que está ben encetado: o traballo desde a base social e a expresión do pensamento propio sen complexos. A sociedade non ten medo a un pensamento radical se expresado con intelixencia. A sociedade do que foxe é da impostura e de quen quere contentar a todo o mundo e non acaba contentando a ninguén.

Comentarios