Opinión

Un mapa político novo e o desafío de sempre

Certamente o mapa político galego mudou de maneira substancial o 24M.

 

Certamente o mapa político galego mudou de maneira substancial o 24M. A derrota en toda regra do Partido Popular, a emerxencia das mareas, nomeadamente no eixo Santiago-Ferrol-A Coruña, a resistencia do poder municipal do BNG e as dificuldades do nacionalismo para manter presenza relevante nas cidades debuxan os trazos dun taboleiro en transición e permiten formular a hipótese de que a hexemonía absoluta e absolutista do Partido Popular no noso país está en serio risco de pasar a mellor vida, a apenas ano e medio das próximas eleccións galegas.

O PP perde boa parte do seu poder local e 2 das 3 deputacións que controlaba até o de agora. É un duro revés porque, paralelamente a iso, no cenario estatal comeza a ter forza unha organización emerxente con capacidade para disputar electorado conservador, Ciudadanos. A combinación deses dous factores e a interinidade da lideranza do PP galego -con Feijóo fitando sen parar para a Moncloa- debilita extraordinariamente o partido e torna moi verosímil a hipótese de que na próxima convocatoria electoral haxa cambio ao fronte da Xunta da Galiza.

Os resultados do 24M, sendo na súa globalidade aceitábeis para o nacionalismo, presentan non poucos buracos negros e obrigan as e os dirixentes nacionalistas a abriren unha profunda reflexión

Hai un mapa político novo, mais Galiza como nación ten perante si o desafío de sempre: o reto de ter un perfil propio e de avanzar cara á conquista dun poder político que só dependa da vontade das galegas e dos galegos, e non da distinta correlación de forzas que se produza no conxunto do Estado español. Ese desafío continúa a depender exclusivamente da forza do nacionalismo galego e da súa capacidade para conquistar apoio social. Ningunha outra corrente ideolóxica ou de opinión ten a soberanía da Galiza entre as súas prioridades. O certo é que os resultados do 24M, sendo na súa globalidade aceitábeis para o nacionalismo, presentan non poucos buracos negros e obrigan as e os dirixentes nacionalistas a abriren unha profunda reflexión sobre que facer para ser máis competitivos no plano electoral.

A reflexión ten de ser rápida e as mudanzas a introducir deben pórse en andamento canto antes: en 6 meses temos eleccións xerais e aí Galiza xógase a súa existencia política.

Comentarios