Opinión

Manual filosófico para a supervivencia electoral IV: Esloganizar

Esloganizar Slogan: Fórmula breve e orixinal, empregada para publicidade, propaganda política etc. A súa orixe etimolóxica hai que procurala no grito de guerra das comunidades celtas de lingua gaélica.

Esloganizar

Slogan: Fórmula breve e orixinal, empregada para publicidade, propaganda política etc. A súa orixe etimolóxica hai que procurala no grito de guerra das comunidades celtas de lingua gaélica. A palabra xurdiu a partires do escocés slogorne que, a súa vez, procedía da verba gaélica sluagh-ghairm (sluagh “multitude” e ghairm “berro”). O seu sentido metafórico de “consigna” apareceu en Inglés no século XVIII .

Mecanismo de ataque: Os mecanismos de ataque son o espello dos mecanismos de defensa, tendo en conta que os primeiros son propios da psique dos individuos e os segundos acontecen de xeito específico nas situacións de poder. Cómpre tamén sinalar que os mecanismos de defensa manipulan a angustia mentres que os mecanismos de ataque manipulan á xente.

Esloganizar: Mecanismo de ataque consistente en presentar un razoamento aparentemente lóxico pero que non persegue unha verdade ou unha comprensión da realidade senón obter un rédito nas urnas.

Tomemos os seguintes exemplos:

-Todos os políticos son iguais: expresión que ten a mesma veracidade (e a mesma falsidade) que, por exemplo, todos os panadeiros son iguais ou que todos os marcianos son iguais. Forzando o asunto, mesmo un habitante doutro planeta podería dicir que todos os terrícolas son iguais e, no caso de tratarse dun marciano partidario da tiranía (e non da democracia) podería afirmar que todos os votantes son iguais (e polo tanto, non tería sentido que votase cada un deles cada catro anos).
Polo xeral, a referida expresión tende a ser pronunciada por aqueles que ocupan ou simpatizan cos que ocupan o poder na actualidade e, deste xeito, muda de frase en slogan que “lle berra a multitude” o sinsentido dun cambio.

Consello de supervivencia: cando escoiten a expresión “todos os políticos son iguais” lembren a cuestión das paradoxos (véxase “Zenón de Elea”) e resposten cun “todos os que din que todos os políticos son iguais, son iguais”.

-As medidas contra a crise teñen que ser as que se están a tomar: Frank Ramsey propón como xeito de entenderen as crenzas que se trata de mapas mentais cuxa finalidade é axudar e orientan no mundo para atopar satisfacción ás nosas necesidades. Visto así o tema, a elaboración dun mapa da crise está obrigado a escoller o que amosa e o que non. En certo xeito, é como os mapas interactivos nos que un pode escoller que aparezan os monumentos, ou as gasolineiras, ou os restaurantes, ou o nome das rúas etc. pero que xamais conseguiría amosar todo a vez xa que de seren así o mapa sería igual ca realidade e, polo tanto, ilexible. Núñez-Feijoo, Mariano Rajoy e demais elixiron unha determinada forma de mapa (chamémoslle, por exemplo, a guía Campsa) na que aparecen determinados sinais: prima de risco, gasto na saúde dos inmigrantes, número de estudantes por aula etc. escollendo polo tanto a rota máis curta, con menor consumo e aceptando pagar peaxes (por exemplo a Alemaña). Porén (e obviamente) existen outros mapas posibles (por exemplo, a guía dos trotamundos) que amosa outros sinais (número de fogares sen ingresos, cohesión social, desafiuzamentos) e outras rutas posibles. Trátase, no fondo, dunha cuestión humana e non económica, xa que a economía ultraliberal é un mapa que os seres humanos poden (ou non) escoller como crenza.


Podemos, polo tanto, sinalar que a expresión referida é unha sloganización que pretende afirmar como certeza aquilo que é unha crenza elixida non só de acordo a un criterio de realidade senón tamén de preferencias utilitaristas.


Consello de supervivencia: Cando escoiten a expresión “non hai outras medidas que tomar” repliquen que as medidas non se toman, se elixen (e, se queren precisar, informen que tomar tómase o polbo á feira (e aínda así pódese escoller con ou sen pementón).       

Comentarios