Opinión

Manipulación do Día da Lingua Materna

O 21 de febreiro foi declarado pola UNESCO o Día Internacional da Lingua Materna. E así se celebra en todo o mundo... agás en Galicia.Ano tras ano, a Xunta ven deturpando o significado que a UNESCO lle outorgou desde a súa institución. O sentido da celebración do Día Internacional da Lingua Materna é o de actuar frente á cada vez maior ameaza que pesa sobre a maioría das linguas do planeta.

O 21 de febreiro foi declarado pola UNESCO o Día Internacional da Lingua Materna. E así se celebra en todo o mundo... agás en Galicia.

Ano tras ano, a Xunta ven deturpando o significado que a UNESCO lle outorgou desde a súa institución. O sentido da celebración do Día Internacional da Lingua Materna é o de actuar frente á cada vez maior ameaza que pesa sobre a maioría das linguas do planeta. En concreto a UNESCO denuncia que "O uso -ou o desuso- de determinadas linguas pode hoxe abrir ou cerrar portas a amplos sectores sociais en moitos lugares do mundo". O que transmiten estas palabras é tamén o noso pan diario e o maior responsable das ameazas que hoxe cercan ao galego é paradoxalmente a Xunta. Por iso o goberno nunca perde a ocasión para confundir. Queren facernos ver que o concepto de lingua materna é o de ser a lingua da infancia, aquela na que aprendemos a falar, cando desde a UNESCO en ningún momento se refiren a isto, senón ao establecemento real dos dereitos lingüísticos universais esmagados pola secular tendencia unificadora dos estados e o modelo economicista de crecemento propugnado polos grupos económicos transnacionais [ver Preámbulo da Declaración de Dereitos Universais].

Para nós a cuestión non é menor. Paulo Gamallo denunciou moi acertadamente que a lectura que ofrece a Xunta da Lei de Normalización Lingüística (LNL) ten efectos realmente perversos pois en base ao dereito a percibir o primeiro ensino na lingua materna, a administración podería obrigar a que a totalidade do ensino infantil dos centros das cidades se realice en español. É ese o espírito da LNL? Ou é quizais o do goberno de Feijóo? De asumirmos esta deturpación, ben podería suceder que unha lei que pretendidamente sería o garante da promoción e mantemento da lingua galega, sirva precisamente para todo o contrario. As liñas directrices do discurso do goberno parecen desenvolverse así: "Se non podemos manipular a historia, manipulemos a linguaxe. Acto seguido, esnaquicemos a lingua (non a nosa, senón a galega)."

Un ano máis a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) emite unha declaración motivada por esta celebración. Só unha lectura moi superficial e pouco atenta da mesma pode pasar por alto a contradición entre o tema central do Día da Lingua Materna deste ano -o libro, eixo da educación na lingua materna- e a interpretación deturpada que a Xunta nos ofrece do que significa do concepto lingua materna.

O decreto para o plurilingüismo foi moi efectivo na retirada dos libros de texto que cometían o terrible irregularidade administrativa de estaren redactados en galego. Pola contra a mensaxe da directora da UNESCO indica que:

A vitalidade das linguas depende tanto da palabra compartida polos falantes como da produción abundante de material pedagóxico e de textos impresos. Nalgúns países, a falta de libros e de manuais escolares escritos nas linguas locais constitúe un obstáculo para o desenvolvemento e para a inclusión social.

Como nos vai explicar a Consellería de Educación que a lingua materna é a un tempo aquela na que o neno aprende as primeiras palabras mentres se considera fundamental a lectura para o asentamento desa mesma lingua materna? O disparate está á altura da que foi unha das primeiras zocadas en materia lingüística cometida polo primeiro goberno de Feijóo: a emisión na versión orixinal en inglés do programa infantil Teletubbies con subtítulos en galego.

A declaración do Día da Lingua Materna no seu contexto.

A política lingüistica das últimas lexislaturas do PP consistiu nun continuo acoso e redución do galego en todos os ámbitos. En primeiro lugar, pasouse de ter unha Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) dependente da Presidencia a circunscribila á Consellería de Educación. A mensaxe ficou clara: a política lingüística reducíase só ao mundo escolar e o goberno de Feijóo así renunciaba a implantar políticas normalizadoras na empresa, no comercio, na xustiza, na sanidade,... mesmo na propia administración. De seguido esfarelouse por completo o consenso construído traballosamente arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no 2003 e entrando como raposos nun galiñeiro, Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo acometeron o maior ataque á lingua galega dos últimos 30 anos aprobando unilateralmente un decreto do plurilingüismo que fede a ideoloxía racista.

Xa temos todos os brazos do goberno excluídos dos procesos normalizadores: o educativo por medio dun decreto e o resto pola absoluta falta de transversalidade. Só queda a SXPL. Pero nin este organismo pode emitir unha nota de prensa no Día da Lingua Materna. por ser contraditorio co decreto que exclúe do ensino en galego na educación infantil.. Non tería sentido facer un chamamento a educar aos nenos en galego cando desde a Xunta se mantén contra o clamor social evidenciado nos apoios a Queremos galego. Non entraría dentro do discurso da Xunta facer un chamamento ás familias á implicación na transmisión da lingua cando incluso se enroca contra as sentenzas do TSXG que precisamente determinan a ilegalidade do mantemento da exclusión da poboación infantil do ensino en galego. Por iso quen emite a nota de prensa non pode ser a Xunta, nin a Consellería de Educación, nin tan sequera é a SXPL. Ten que ser un organismo subordinado desta última: a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), un chiringuito que pretendidamente sería o coordinador da normalización nos concellos pero cuxa única acción coñecida foi o peche de 16 servizos de normalización das administracións locais. Alén disto, que é o que pode facer un técnico dun concello para contribuir á educación infantil en galego? Non será iso labor máis propio dun mestre? Iso si, dun mestre que incumpra o decreto para o plurilingüismo.

Ultrapasando os límites do cinismo, a declaración da RDL anima "aos educadores en xeral, a transmitir a lingua galega dende a primeira infancia". Bastaba con que o goberno admitira o fracaso da súa política lingüística e dera un paso atrás acatando as sentenzas do TSXG e derrogando o funesto decreto contra o galego. Pero non o van facer, non. Pois o goberno galego non goberna. Cedeulle todos os poderes a Madrid. Fundamenta o seu poder en transferilo aos aparatos centrais do partido. E en Madrid o galego non é unha lingua, nin o fundamento dunha cultura; é únicamente problema. Así é como funciona a política lingüística da Xunta: contra a política e contra a lingua.

Comentarios