Opinión

Manchar as mans

Xa Napoleón era Napoleón en tempos de Napoleón, cando Hegel o viu pola fiestra. Dubido que Angela Merkel, a pesar dos seus esforzos, acabe sendo moito máis que o seu retrato. Din os cabalistas que Deus é un círculo e que o seu centro está en tódalas partes. Dalgunha maneira podemos imaxinalo, mais non o podemos entender.

Xa Napoleón era Napoleón en tempos de Napoleón, cando Hegel o viu pola fiestra. Dubido que Angela Merkel, a pesar dos seus esforzos, acabe sendo moito máis que o seu retrato. Din os cabalistas que Deus é un círculo e que o seu centro está en tódalas partes. Dalgunha maneira podemos imaxinalo, mais non o podemos entender. Sen pretender situar á Bundeskanzlerin á altura dun Deus calquera, nin sequera á dun repoludo ídolo tranquilo, hai que recoñecer que ten esta toura sentada estreito contacto co que podemos imaxinar pero que non nos deixan comprender: as verdadeiras cifras da banca, os seus inconfesables propósitos e os seus impagables desígnios. O sacrificio e a ofrenda de víctimas aos actos rituais da relixión capitalista non fixeron máis que comezar e ela está adquirindo cada vez mellor as habilidades acrobáticas do circo de tebras que dirixe. Apreten os cinturóns. Mais en terras do grande capital todo xigante ten os pés de barro. Se hai un segredo ben gardado en Alemaña, ese constitúeno as cifras dos seus bancos. Pero non nos aventuremos no misterio nin nas súas tentadoras néboas. Reparemos antes nos seus remendados muros. En marzo de 2012 publicaba Die Zeit que actualmente en Alemaña 7,4 millóns de persoas viven cun salario base de 400 euros, das cales 4,6 millóns son mulleres. Esta é a realidade dos chamados minijobs. Isto significa que 1 de cada 4 postos de traballo está afectado pola precariedade, nin máis nin menos que o 25% da poboación traballadora. En decembro de 2010, o xornal alemán Bild publicaba unha das súas habtuais xoias de portada: “vendede as vosas illas, gregos arruinados”. Estas dúas informacións permítenme establecer un paralelismo do que considero o dobre xogo do goberno alemán: por unha banda dicímoslle aos outros o que deben facer e pola outra convencemos aos nosos do que deben seguir facendo para poder seguir exercendo unha posición de dominio e ter así a lexitimidade de poder esixir como deben facerse as cousas.

A grande diferenza entre Alemaña e España ou Grecia é que Alemaña ten unha marxe moito máis ampla para recortar, un estado social máis forte e uns salarios máis altos e os recortes comezáronse a facer de maneira gradual nos noventa, pouco despois da desaparición do bloque do Este. A toura sentada do norte e toda a súa cofradía financeira pretenden que nós fagamos todo iso da noite para a mañá. De carnes magras pasaremos a ser pelello e óso. Cada día agardo unha portada do Bild como a dedicada aos gregos pero nesta ocasión dedicada a nós. Quiziais non chegue nunca, non desa maneira, sobre todo por dúas razóns: caémoslles mellor. España é o lugar onde veñen pasar as vacacións, fomos emigrantes no seu país e conservan un recordo favorable de nós, ultimamente gañámoslles ao fútbol...de momento non poden. Mais a crise en Alemaña está a volta da esquina. Este país fundamentalmente exportador vende por volta do 60% dos seus produtos en Europa. A presión bancaria xermánica (o Banco Central Europeo é un lobby do Bundesbank) acabará por reducir o nivel destas exportacións, cousa que xa está a ocorrer, aínda que non de maneira preocupante, e sería desexable neste momento que unha toma de conciencia dos consumidores acabase por agudizar ese fenómeno. Esa é a nosa verdadeira revolución posible, a do consumidor informado e comprometido. Mais de momento Alemaña está a salvar a situación exportadora grazas ao mercado chinés, que, como xigante con aspiracións capitalistas tamén ten os pés de barro, e tarde ou cedo tambalearase e aí será cado poderían botar as mans á cabeza os alemáns. E nós debemos estar preparados para aproveitar ese momento e darlle unha boa trabadela onde máis doe, nos mercados, no consumo, e non aos alemáns, ao sistema. Galicia debe apelar á súa tradición de horta trala casa, á súa esencia de autoabastecemento, e modernizando este sistema comezar unha rede inédita de troco e intercambios de productos a nivel aldea. Esa será a nosa carta se queremos seguir vivos: a modernización da tradicional economía de subsistencia galega cunha regulación estatal verdadeiramente democrática e coa posibilidade exportadora sempre de fondo. Só temos que facer da nosa esencia histórica un modelo social sostible. A terra témola. Quen está disposto a manchar as mans con ela?

Comentarios