Opinión

Males novos de vella aspiración

Nunha entrevista aparecida non hai moito nunha edición da prensa ourensá Alberto Saco Álvarez, sociólogo e profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, denunciaba a alarmante perda de habitantes desta provincia.

Nunha entrevista aparecida non hai moito nunha edición da prensa ourensá Alberto Saco Álvarez, sociólogo e profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, denunciaba a alarmante perda de habitantes desta provincia. Na súa opinión as políticas desenvolvidas de redución do sector primario son unha das claves que explican, ademais do dito, o enorme avellentamento da poboación, e que haxa milleiros e milleiros de hectáreas de terreo abandonadas.

Os enormes desequilibrios territoriais teñen como consecuencia un efecto dominó devastador: desaparición de aldeas, fundimento de vilas pola perda de clientes, repercusión nas cabeceiras de bisbarra e ao final na capital. O que cómpre é, a teor das súas palabras, unha reordenación total do territorio.

Mais que é o que realmente leva acontecido, dende a perspectiva da (in)acción política, nestas décadas de goberno autonómico? A resposta semella evidente: que quen tiveron responsabilidades de poder non fixeron ren por solucionar esta cuestión.

Mellor dito, todo canto se fixo foi desaproveitar importantes recursos, provenientes dos fondos europeos e doutras instancias, destinándoos a escuros e non produtivos fins —dende a perspectiva do ben común— para provocar que nos atopemos neste canellón sen saída que ameaza con deixar erma unha parte moi considerábel do noso interior, co conseguinte abandono do sector produtivo primario —e da capacidade de xerar industrias de transformación—, socioeconómico e de poboación. Sen nos esquecer da nefasta incorporación á Unión Europea, derivado isto da falla de forzas políticas propias que, a nivel estatal, nos representasen.

Si, houbo un momento no que se tentaron mudar as cousas e empezar a facer políticas beneficiosas para as capacidades produtivas do país. Isto, como non podía ser doutro xeito, veu, sobre todo, da man da acción nacionalista na lexislatura 2005-2009: lei do banco de terras, concurso eólico... De se chegaren a implementar, a ben seguro que, estas políticas, a medio prazo, lle habían cambiar a faciana á paisaxe improdutiva e caciquil do interior do país.

"Houbo un momento no que se tentaron mudar as cousas e empezar a facer políticas beneficiosas para as capacidades produtivas do país. Isto, como non podía ser doutro xeito, veu, sobre todo, da man da acción nacionalista na lexislatura 2005-2009: lei do banco de terras, concurso eólico.."

A dereita sóuboo ler e reaccionou de inmediato, para lle meter medo no corpo á xente, en plena campaña electoral; amais de utilizar todos os “medios de comunicación” ao seu dispor, mesmo chegou a distribuír uns folletos sen asinar (na portada do número 1.362 d’ A Nosa Terra, do 4 de xuño de 2009, poden verse cargos adscritos ao partido, dunha coñecida vila do interior, da candidatura que gañou as eleccións) nos que, entre outras infamias, alusivas ao chamado goberno bipartito, se escribía, en letra grande, semella que pensando en quen non vise ben, en relación ao “Banco de Terras de Galiza”: ¿QUERES QUEDAR SEN AS TÚAS TERRAS? PÓDENCHE QUITAR AS TÚAS TERRAS E DARLLAS A OUTROS COA EXCUSA DE QUE NON AS TRABALLAS. NON PODES VENDER E MERCAR AS TÚAS FINCAS LIBREMENTE.

Na mesma liña se expresaba outro folleto, agora relativo á “Lei de Vivenda de Galiza”: ¿QUERES PERDER A TÚA CASA? PODEN EXPROPIAR A TÚA CASA PARA DARLLA A OUTRA PERSOA, SI TE AUSENTAS UN TEMPO. NON TE PODERÁS MOVER DA CASA, NIN PARA TRABALLAR FÓRA. E no remate de cada folleto rezaba o seguinte titular: O 1 DE MARZO DI NON AO BIPARTITO. Máis claro... auga, non é? Eis a súa antidemocrática, conservadora e reaccionaria solución.

"A dereita sóuboo ler e reaccionou de inmediato, para lle meter medo no corpo á xente, en plena campaña electoral"

As responsabilidades correspóndelles, mormente, aos líderes tradicionais da dereita galega —incluído aquel do que se dicía que lle cabía o Estado na cabeza, que, en todo o tempo sen tino que estivo no poder, o único a que contribuíu foi a agudizar o problema—, quen, dende sempre, non saben nin queren traballar, a diferenza do que se fai noutras latitudes prósperas do ámbito occidental, para lle pór remedio aos problemas da nosa terra.

Talvez se deba, amais da súa propia incapacidade, ao feito de que de tanto miraren para fóra —arestora, e coa complicada situación que se padece, temos boas mostras, un día si e outro tamén— non son quen de ver a riqueza potencial que atesoura o noso interior. Vicente Risco, en “Da medida das cousas”, tíñao ben claro: “Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo... Pode ser ela pequena en extensión; en fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e dende logo, moito máis grande de como ti a ves”.

Se ollamos isto dende unha perspectiva educativa, será tarefa prioritaria seguir tendo en conta moitos dos ideais proxectados polo nacionalismo galego na Segunda República. O mestre e deputado agrarista nas cortes do Estado polo Partido Galeguista, Antón Alonso Ríos, avogaba por adaptar o currículo ás realidades e necesidades do alumnado galego, o cal fica, aínda nestes tempos, lonxe de se acometer. Cómpre para iso, dende a instrución pública, contemplar titulacións, con especial enfoque de cara ao ámbito profesional, que respondan aos retos que o noso sector primario —agricultura, gandaría, forestal— demanda.

Instalado naquela mesma época Castelao, na súa obra ensaística, enxergaba a crúa realidade dos nosos sectores produtivos básicos, mais á insostíbel situación de abandono material e humano de hoxe en día opúñase entón outra realidade caracterizada pola superpoboación: “Alí viven do traballo, sufrindo inxustizas, máis de dous millóns de labregos e mariñeiros. Para estes a Terra é unha nación asoballada, con dereito a reclamar garantías para o desenvolvemento normal da súa vida”. E seguimos na mesma. E cada vez indo a peor.