Opinión

LOMCE: a manter o pulso perante un Goberno españolista e autoritario

A greve contra a LOMCE resultou nun éxito masivo, con unha participación sen precedentes de todos os sectores da comunidade educativa, desde a primaria até o ensino universitario

A greve contra a LOMCE resultou nun éxito masivo, con unha participación sen precedentes de todos os sectores da comunidade educativa, desde a primaria até o ensino universitario.

Na Galiza o grao de seguimento da folga atinxiu cotas moi próximas ao 90 por cento, superior ao rexistado no resto do Estado.

O Goberno español acusou o golpe e -embora ter recorrido á consabida guerra de cifras (o Ministerio de Educación falou dun seguimento de apenas o 20 por cento, francamente inverosímil á luz das aulas baleiras)- algunhas fontes próximas ao Executivo mesmo barallaron a hipótese de que o gabinete puidese aprazar a aprobación da lei, inicialmente prevista para esta sexta feira.

Con todo, de haber modificacións, o lóxico é pensar que serían puramente epidérmicas.

E por que? Porque para o Goberno Rajoy manter a posición é unha cuestión de principios. O Goberno Rajoy non entende a democracia como un exercicio do poder en que a lexitimidade se vai gañando no día a día, na inter-acción coa sociedade. O Goberno Rajoy é un goberno autoritario. A democracia para o PP consiste en votar unha vez cada 4 anos e en elixir uns representantes que non se vinculan a ningún compromiso co eleitorado. A lexitimidade de orixe pódea ter este Goberno. A de exercicio perdeuna hai moito tempo.

A LOMCE é unha lei españolista, privatizadora, machista e clasista. Unha lei sectaria no sentido estrito da expresión, ditada polo Opus Dei, a facción dominante neste momento na direita española e tamén na galega. Basta ver a contrarreforma sobre o aborto que prepara o ministro Gallardón.

A LOMCE vai de ideoloxía, conservadora, reaccionaria e integrista, mais vai tamén de intereses materiais, aquela sempre emanacións deste. Esgotado o xacimento do tixolo após o estourido inmobiliario, o capital vira os seus ollos cara á novas áreas de negocio. E no Estado español sempre foi parasitario do sector público, lembremos como se acumularon as maiores fortunas durante a longa ditadura fascista. Así que os obxectivos agora chámanse educación e sanidade públicas. Aí cobra pleno sentido unha lei de esencia privatizadora como a LOMCE, que até lexitima os concertos con colexios privados que segregan o alunado por sexo, unha aberración do ponto de vista pedagóxico que inclusive ten sido tido por ilegal polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Comentarios