Opinión

Loitas obreiras de 1972. ¿Por que declinou o PCE e colleu azos o nacionalismo?

O Dez de Marzo é unha data moi significada para a clase obreira galega, xa que para alén da dura represión contra os traballadores da Bazán por parte da ditadura franquista (que deixou dous mortos, ducias de feridos, unha morea de detidos e xulgados, e preto de douscentos despedimentos), alentou o nacemento do sindicalismo nacionalista na Galiza e deu lugar a un novo pulo na loita contra o réxime a medio prazo.

O Dez de Marzo é unha data moi significada para a clase obreira galega, xa que para alén da dura represión contra os traballadores da Bazán por parte da ditadura franquista (que deixou dous mortos, ducias de feridos, unha morea de detidos e xulgados, e preto de douscentos despedimentos), alentou o nacemento do sindicalismo nacionalista na Galiza e deu lugar a un novo pulo na loita contra o réxime a medio prazo. O agromar do sindicalismo nacionalista concretaríase un ano despois coa organización por parte da UPG da “Fronte Obreira”, cuxa primeira xuntanza realizouse nun prado de Pontevea. Esta iniciativa reproducía en boa medida o esquema de ERGA que tanto éxito tivo no eido estudantil.

Co conflito da Bazán terminou un período histórico no movemento obreiro galego, da década dos sesenta, na que foi en aumento a loita por mellorar as condicións laborais, e medrou a organización clandestina e a incidencia no sindicalismo vertical dos sectores descontentes coa situación. Os paros laborais e estudantís, as manifestacións en solidariedade cos obreiros de Ferrol, durante os sucesos de marzo, e despois a folga xeral de Vigo en setembro, amosaron claramente as limitacións da estratexia política do Partido Comunista de España (PCE), daquela hexemónico na oposición ao franquismo. A dura represión do réxime, reflectía a súa debilidade mais tamén significou un tremendo recuar no movemento obreiro. Na práctica era un mazazo contra a política do “pacto pola liberdade” alentado polo PCE cos chamados “sectores aperturistas” da ditadura, para garantir unha transición pacífica á democracia. Unha parte das mocidades deste partido en Vigo e outras lugares de Galiza cuestionaba esta estratexia e a falta de compromiso coa cuestión nacional galega, e fóronse reforzando nas súas posturas a medida que crecía a represión e a resposta do PCE e CC.OO. non era a esperada. Por estes motivos naceu o partido Organización Marxista-Leninista de Galiza (OM-LG) e no eido sindical Organización Obreira (OO).

"Os sucesos de marzo, e despois a folga xeral de Vigo en setembro, amosaron claramente as limitacións da estratexia política do Partido Comunista de España (PCE)"

A represión, os erros, as diverxencias internas, non permitiron que a OM-LG e OO callaran, polo que duraron moi pouco tempo, malia que tiveron moita importancia nas folgas e mobilizacións de Vigo durante todo o ano 1972. Ao final, un sector, incorporouse ao nacionalismo, outro retornou ao PCE, e outro integrouse no ultra esquerdismo do PCE(r). Para a Fronte Obreira da UPG, especialmente en Vigo, os cadros que proviñan de OO foron fundamentais. Quero lembrar especialmente a Xosé Anxo García Méndez, coñecido entre os activistas por “Felipe”, que foi secretario da OM-LG; e que, polas mobilizacións de marzo en Vigo en solidariedade con Ferrol, estaba en prisión durante a folga xeral de setembro. El foi o primeiro nome que se barallou como secretario xeral da Intersindical Nacional Galega (ING). Convén lembrar que nos conflitos de 1972 Vigo pasou a ser a cidade de referencia da loita obreira no país, por mor da extensión da solidariedade con Ferrol en Marzo, dos paros de maio en solidariedade con Barreras, e da folga xeral de 28.000 traballadores/as durante 15 días en setembro. O cuestionamento da hexemonía do PCE e CC.OO. nesta cidade e contorna tiña polo tanto uns efectos transcendentais, como se puido comprobar posteriormente. Ademais, Vigo e bisbarra xa era daquela o primeiro núcleo industrial do país, con tres sectores básicos moi combativos: metal, conserva e construción. Aínda que se lle deben engadir empresas doutras actividades na primeira liña de conflito, como Dresslok do téxtil, Reyman de químicas e Álvarez de louza e vidro.

"Nos conflitos de 1972 Vigo pasou a ser a cidade de referencia da loita obreira no país"

De vagar, a loita sindical foise recuperando despois da morea de despedimentos, detidos, xulgados e fuxidos pola dura represión da ditadura no ano 1972. Mais, aínda que OO desaparecera, USO era un sindicato cativo e moi localizado, e UGT non existía, xurdiu no panorama o sindicalismo nacionalista, xa que en maio de 1975 fundouse o Sindicato Obreiro Galego (SOG), e ao mesmo tempo a Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG). Claro que era algo moi pequeno en comparanza con CC.OO. e con moi pouca introdución nas grandes empresas. Coido que mesmo non lles preocupou gran cousa, máxime cando a maior parte destas novas loitas, nos anos 1975 e 1976, estaban dirixidas por eles. Entón ¿por que mudou en tan pouco tempo a correlación de forzas e o nacionalismo se converteu nunha alternativa?

Coido que este cambio debeuse aos seguintes factores:

a) O PCE e por extensión CC.OO. non daba ningunha importancia ao tema nacional galego, malia que formalmente recoñecera a Galiza como unha nación, despois na práctica toda a súa estratexia estaba supeditada aos organismos estatais, reproducindo o centralismo político do sistema. Abonda con ollar os seus voceiros da época, onde algo tan evidente como a lingua ten un papel secundario, e en moitos artigos fica reducida ao titulo. O idioma galego, malia ser a lingua das clases populares, só tiña protagonismo nos militantes e achegados relacionados coa cultura. No nacionalismo tanto a autoorganización, como todo o relativo á nación galega era prioritario, polo que a relación coas clases populares, especialmente as do rural e dos barrios obreiros, era máis doada.

"O PCE e por extensión CC.OO. non daba ningunha importancia ao tema nacional galego, malia que formalmente recoñecera a Galiza como unha nación"

b) Ademais a UPG a partires das folgas de 1972, e sobre todo da creación de ERGA, deixou atrás a súa etapa “alxeriana” para propoñer un proxecto máis á esquerda, con base nun partido comunista, e unha política de fronte para a liberación nacional e organizacións de masas en todos os sectores. O PCE ficou deste xeito á dereita do nacionalismo galego representado pola UPG, xa que esta se fortaleceu coa proposta da ruptura e a esquerda estatal nun pacto para a transición democrática. O último paso deste camiño foi o Pacto da Moncloa, acordo no que o PCE e o PSOE sacrificaron a clase obreira como protagonista do cambio.

c) O nacionalismo anticolonial estaba integrado sobre todo por mocidade, que bebía da historia e realidade do país, e usaba sen dogmatismo a experiencia revolucionaria do movemento obreiro internacional e dos procesos de liberación nacional (Marx, Engels, Lenin, Mao, Fanon, etc.). A célula era un lugar de debate da práctica concreta, mais tamén unha escola de militantes, onde o reducido do número nas xuntanzas, permitía que todos racharan cos medos e tivesen voz e participación activa. Cunha forte formación política era posíbel unha oposición frontal ao réxime, ao sistema e á colonización, un debate intransixente contra as ideas trabucadas que sementaban outros partidos da oposición, e a máxima consideración coas eivas e atrancos das clases populares, sen paternalismos e con tarefas practicas e teóricas para aumentar o grao de conciencia. A cultura púxose ao servizo deste obxectivo de transformación social e nacional.

"O nacionalismo anticolonial estaba integrado sobre todo por mocidade, que bebía da historia e realidade do país, e usaba sen dogmatismo a experiencia revolucionaria do movemento obreiro internacional e dos procesos de liberación nacional"

Malia que o PCE e CC.OO. seguiron tendo unha forte presenza durante toda a década seguinte a 1972, a iniciativa estivo sempre no nacionalismo anticolonial na Galiza, como amosa o crecemento do sindicalismo obreiro e labrego, a hexemonía no ámbito estudantil, e a expansión de todo o relacionado coa cultura nacional. Mais este avance non estará exento de contradicións e de retrocesos nalgúns ámbitos, como se amosa coa desaparición da AN-PG e o nacemento en Riazor do Bloque Nacionalista Galego. Agora ben, para alén das reconfiguracións organizativas, o que permitiu seguir acumulando foi no fundamental a claridade de obxectivos, a vontade militante, e sempre ter en primeiro plano a procura da complicidade e do protagonismo das clases populares, que, lembremos, hoxe esta constituída nun 80% pola clase traballadora. O Dez de Marzo, ademais dun símbolo, tamén representa unha conxuntura histórica, unha viraxe na correlación de forzas a prol do nacionalismo da que tirar ensinanzas.

http://manuelmera.blogaliza.org/