Opinión

Litera(L)tura

Pouco máis de corenta e oito horas separaron recentemente o meu encontro con escritoras e escritores representativos de escenarios tan diferentes culturalmente e distantes xeograficamente como Finlandia, Cataluña, Croacia, Euskadi, Letonia, Eslovenia e Islandia.

Pouco máis de corenta e oito horas separaron recentemente o meu encontro con escritoras e escritores representativos de escenarios tan diferentes culturalmente e distantes xeograficamente como Finlandia, Cataluña, Croacia, Euskadi, Letonia, Eslovenia e Islandia.

E en pé de igualdade creativa, a fonética e a morfoloxía da lexicografía galega, o noso rouco son na súa máis viva expresión contemporánea.

Porque, desde identidades lingüísticas tan fisterrás como o galego e o islandés, precisamos partillar temáticas e intereses que, malia distancias quilométricas, semellan ser parellas e viaxaren en asentos contiguos con billete sempre aberto a un novo destino común.

A primeira ocasión convocaba no XXIX Galeusca, en Donosti, unha delegación de escritores galegos, éuscaros e cataláns, que propoñía como núcleo de reflexión o lema “Oralidade. O que se escribe para dicir”, onde Antonio Reigosa, Vanesa Sotelo e Xurxo Souto debullaron as claves da potente tradición oral que circunda a cultura galega, desde a miraxe do patrimonio máis tradicional, porque primeiro foi o verbo, até a súa adaptación á necesaria trascrición. Un mundo de oralidades pluralmente enriquecedoras que adoitan permaneceren, na burbulla da modernidade homoxeneizadora, nese anonimato que fai de menos a quen as sustenta ao estaren as radios xordas e cegas as televisións, segundo palabras tiradas da intervención de Xurxo Souto.

A segunda ocasión foi a mesa redonda “Cercando as ondas. Que significa ser poeta en … (Finlandia, Cataluña, Croacia, Islandia, Eslovenia, Letonia e Galiza), celebrada en Pontevedra e que serviu de foro de coñecemento e intercambio de información e experiencia poética e autorial entre poetas dos diferentes sistemas literarios. Margrét Lóa Jónsdóttir, Txema Martínez, Brane Mozetič, Marko Pogačar, Sergej Timofejev, Merja Virolainen e Yolanda Castaño valoraron o presente da poesía en cadanseus países de nacencia e instalación, as oportunidades de edición, as vías de distribución, a visibilidade da poesía a través dos medios de comunicación, o nivel de vendas dos seus poemarios, a organización de festivais, ciclos de poesía, recitais e outros eventos de promoción poética, o papel do poeta na sociedade, a existencia de axudas específicas á creación de obra poética...

Volvendo á memoria destas conversas, reparo nun libro que me acompaña ultimamente e que vou (re)lendo ás agachadas doutras tarefas menos evasivas.

Coa satisfacción de acariñar un libro que apenas fora un soño había pouco máis dun ano, precisamente no Galeusca 2011 celebrado en Barcelona, após unha desas conversas que arrancan como unha ilusión e rematan en proposta firme de colaboración, recibín o exemplar intitulado Forked Tongues, coordinado pola profesora Manuela Palacios para a editorial Shearsman Books, onde podemos ler unha escolma de poemas de Pilar Pallarés, Chus Pato, Lupe Gómez, Yolanda Castaño e María de Cebreiro traducidos ao inglés, nun volume que convive con versos doutras oito poetas bascas e catalás.

 

A muller é / un cristal / atravesado por / unha patria.

The woman is / a crystal / pierced through / by a fatherland.

Lupe Gómez, Pornografía (1995)

 

Que orgullo lelas sempre na súa lingua de nacencia identificadora! Que emotiva curiosidade pensar que sentirán milleiros de lectores e lectoras do mundo anglosaxón ao leren estes (nosos) versos. Porque as palabras grafadas e sonorizadas dun outro xeito non impiden a intercomunicación cando conflúen temáticas, opinións e sentimentos. Porque as palabras son quen de sobardaren, se as deixarmos, fronteiras e valados e cancelas

Benvido o xeneroso mundo da tradución, espello do que somos para nós e para o mundo.

A grande altura da nosa maiúscula literatura!

Litera(L)tura.

 

 

Comentarios