Opinión

Libre comercio con USA, reforma local, emprego xuvenil e unidade nacionalista

Un dos irmandiños que máis apreciaba na Irmandade Galega de Bos Aires era Moisés Da Presa. Nacionalista arredista, comunista (fundou o Partido Comunista Galego), membro da Pondal, publicou unha morea de artigos, primeiro na Fouce e despois na Nosa Terra. Neste periódico tiña unha columna baixo o título de Revoldaina, na que asinaba co alcume de Lourenzo Fragoso.

Un dos irmandiños que máis apreciaba na Irmandade Galega de Bos Aires era Moisés Da Presa. Nacionalista arredista, comunista (fundou o Partido Comunista Galego), membro da Pondal, publicou unha morea de artigos, primeiro na Fouce e despois na Nosa Terra. Neste periódico tiña unha columna baixo o título de Revoldaina, na que asinaba co alcume de Lourenzo Fragoso. Nela facía breves comentarios sobre temas da actualidade política, tanto da patria galega como da colectividade. Neste artigo para Sermos Galiza vou facer o propio, mais con moita menos retranca e capacidade de síntese da que tiña Da Presa; por certo, un vigués nado no Val do Fragoso.

Tratado de Libre Comercio cos Estados Unidos. O inicio de negociacións entre o Goberno norteamericano e a Comisión Europea para estabelecer unha zona de libre comercio debería dar lugar a un amplo debate. O argumento para dar este pulo globalizador é que permitirá aumentar un 0,5% o PIB. Predición que ten o mesmo valor que os 800.000 empregos que ía crear a entrada do Estado español na UE. Non se analizan as consecuencias que terá o acordo sobre os distintos sectores produtivos. Como afectará a Galiza? O comercio cos Estados Unidos representaba no ano 2011 o 2,14% das exportacións e o 3,2% das importacións. Non tiñamos uns intercambios significativos, porén importabamos máis (451 millóns de euros) que exportabamos (369 millóns). O comercio era negativo para o noso país. A eliminación de aranceis intensificará esta tendencia, como lle sucedeu a México coa NAFTA, a área de libre comercio cos Estados Unidos e Canadá.

Existindo un comercio tan cativo haberá quen pense que, eliminar aranceis non terá importancia. É unha valoración incorrecta. Cando menos para o sector primario, básico para a nosa economía, xa que será afectado dende o primeiro momento, e darase unha expansión acelerada dos intercambios, como aconteceu en México, con consecuencias desastrosas para o agro e o emprego, malia o medre estatístico do PIB. O acordo de libre comercio será funcional ás empresas multinacionais de produción masiva, e á alta burguesía que as controla. Repetirase agrandado o que xa sucedeu coa plena integración da economía galega na do Estado español, e despois na da Unión Europea, producindo en cada etapa un estadio máis alto de concentración e centralización da economía e do poder, e un aumento da dependencia e da colonización.

"O acordo de libre comercio será funcional ás empresas multinacionais de produción masiva, e á alta burguesía que as controla".

Reforma local. Trátase doutro paso máis nesta revolución reaccionaria do PP para favorecer as clases dominantes e o vello imperialismo español. Dálle máis poder ás deputacións, como contrapeso aos gobernos autonómicos; unha tendencia xa moi fortalecida pola progresiva recentralización de competencias. Ademais, ás autonomías transfírelles servizos sen dotalos de recursos, afogando así o orzamento social e a capacidade investidora. Utiliza dun xeito perverso unha necesidade, a de unificar os concellos rurais, para, fuxindo do debate sobre a reordenación do territorio, circunscribir os dereitos democráticos á eficiencia empresarial da xestión dos municipios. Na práctica reduce a xa escasa participación cidadán no ámbito político e, ao eliminar recursos, non pretende unha xestión máis eficiente dos servizos, polo que todo fai pensar que moitos deles desapareceran ou serán privatizados.

Que garantía hai de que, o control polas deputacións dos pequenos concellos, ou unha unificación forzada e non planificada dos mesmos, non dea lugar a que se eliminen despois mecanicamente as “duplicidades” de servizos e outras prestacións en moitos dos concellos suprimidos ou dependentes por razóns de “economía”? Deste xeito aforraríase no gasto público, porén transferíndolle os custes dos maiores desprazamentos aos veciños, que ademais en casos de urxencia terán unha peor atención que aqueles que residen nos grandes centros urbanos e capitais municipais. A reorganización do territorio é un debate de profundidade, que non se pode escamotear ao pobo, xa que afecta a todos e todas na vida cotiá de maneira moi directa.

Asemade, a rebaixa do custe dos cargos políticos e asesores para o conxunto do Estado español no período de 2013-2015 é de 145 millóns de euros, só o 2% dos 7.129 millóns que quere aforrar o Goberno. Resulta evidente que a reforma local non se fai por motivos económicos senón por razóns ideolóxicas. A resposta debería ser moi distinta. Para Galiza sería esencial reducir o número de concellos, eliminar as deputacións, mais ao mesmo tempo xerar xuntas de distrito, de localidade e barrio, de tipo consultivo, para unha maior participación do pobo na cuestión pública e control da mesma.

"Resulta evidente que a reforma local non se fai por motivos económicos senón por razóns ideolóxicas".

Plano de emprego xuvenil. Rajoy presentou como demostración da súa preocupación polo desemprego, no debate do Estado no Congreso, varias medidas para “atallar” o desemprego xuvenil, por 3.500 millóns de euros, que previamente foran pactadas con CC.OO., UGT e a CEOE e CEPYME. En realidade trátase dunha nova transferencia de recursos aos empresarios ademais de lle facilitar a contratación de traballadores/as máis baratos que, dado que non se xera novo emprego, substituirán a outros con maiores custes laborais. Por exemplo créase un contrato e tempo parcial que terá unha bonificación do 100% da seguridade social nas empresas de menos de 250 empregados e do 75% naquelas que superen este número. Daranse achegas de 3.000 euros aos empresarios que contraten o primeiro traballador/ra. Non quero eiquí analizar todas e cada unha das subvencións do Goberno aos empresarios, senón valorar o seu carácter.

"Estas achegas á contratación da mocidade non solucionan o problema, senón que o transfiren, xa que se fai a costa de substituír persoal que ten emprego indefinido e custes salariais máis elevados".


Ante todo, nun contexto recesivo, no que se perde emprego acotío, estas achegas á contratación da mocidade non solucionan o problema, senón que o transfiren, xa que se fai a costa de substituír persoal que ten emprego indefinido e custes salariais máis elevados. As subvencións do Goberno alentan esta tendencia xa moi forte no chamado mercado laboral. Non podemos ignorar que o paro na mocidade é algo moi grave, porén ten un carácter dramático cando son persoas con cargas familiares, ou que pola súa idade non teñan ningunha oportunidade de atopar traballo. Este plano, fornecido con recursos económicos pola UE, ten como principal razón transferilos aos empresarios e premer á baixa as condicións laborais. Non crea emprego, xa que isto depende de políticas económicas e sociais estruturais que, entre outras, dean pulo a unha distribución xusta da riqueza e do traballo. Ademais, a subvención da seguridade social, reduce os ingresos nesta materia, e agrava o desequilibrio do sistema de pensións, atentando contra un sector social moi vulnerábel.

A unidade do nacionalismo. Semella que para algúns nacionalistas, agora o obxectivo das organizacións soberanistas non é acadar un Estado Galego, como un paso esencial para construír unha sociedade xusta e defender a identidade nacional do noso pobo. Para o que resulta básico contar con organizacións propias en todos os ámbitos. Senón que esta é unha tarefa que pode esperar, xa que hai nesta conxuntura cuestións máis urxentes, xeradas pola crise económica (se cadra a valoración sexa para toda a etapa). Choca que persoas que habendo anos que militan no nacionalismo non fosen quen de albiscar que estes graves problemas sociais sempre estiveron presentes na Galiza. Por exemplo, nas últimas décadas destruíuse gran parte do agro, a pesca e aumentou a explotación laboral, como reflicten todas as estatísticas, e nunca ¡nunca! deixou de emigrar a nosa mocidade. Só o endebedamento e a burbulla inmobiliaria permitiron unha certa euforia.

O certo é que para alén das expectativas o contexto favoreceu especialmente as clases dominantes, como se puido comprobar co tempo. Porén durante unha década, a clase traballadora acomodada e os pequenos empresarios sentíronse parte do capitalismo e por extensión da España imperial. Asemade, porque é unha nova experiencia histórica, a moitos militantes e cadros do nacionalismo colleunos de sorpresa e confundiron a burbulla co “estado do benestar”, aínda que mantiveran no discurso mecanicamente as vellas valoracións que o nacionalismo facía do sistema, porén cada vez máis afastados das tarefas que implicaba. Pode que tamén incidira que o medre da explotación, a desfeita rural, non lles afectaba a eles e aos seus familiares e amizades. En realidade, o nacionalismo galego, dende as primeiras expresións contemporáneas, como a de Antolín Faraldo, vinculou a situación socio-económica e a cuestión nacional, por iso definiu na Revolución de 1846 a Galiza coma unha colonia da Corte. Non foi unha loita romántica reducida en exclusiva a sentimentos identitarios, á marxe da situación social.

"Antolín Faraldo, vinculou a situación socio-económica e a cuestión nacional, por iso definiu na Revolución de 1846 a Galiza coma unha colonia da Corte".

Esta non é unha deriva menor, nen un debate secundario no seo do nacionalismo, xa que cuestiona os obxectivos, a auto-organización e os métodos de traballo. Para o piñeirismo, que consideraba o nacionalismo só un sentimento, unha cuestión identitaria, ter organizacións propias ou acadar a soberanía, non eran tarefas prioritarias. Claro que o tempo veu demostrar que só se pode defender a identidade e os dereitos sociais cando se conta cun estado propio; e polo tanto dispor de organizacións hexemónicas que representen os intereses das clases populares e nacionais. Para acadar estes obxectivos políticos reclamar a unidade do nacionalismo nun único proxecto con políticas distintas, mesmo contraditorias, non é entendíbel, nen eficaz. Só tería sentido se as tarefas estratéxicas pasaran a un segundo plano, e o esencial fose acadar forza institucional para xestionar mellor o sistema, do xeito menos agresivo posíbel para os de abaixo e para a cuestión identitaria (un camiño que leva ao fracaso en ambos aspectos). Pode e debe darse a unidade en temas concretos nos que exista coincidencia, mesmo para alén do nacionalismo, e facer un gran esforzo para clarificar e aquilatar as diverxencias e traballar a prol da converxencia, porén hai que construíla en base a unha liña política e unha práctica coincidente.

Choca que algúns dos que máis falan da unidade do nacionalismo despois queden á marxe dos organismos de dirección da forza na que militan, porque as súas teses están en minoría. E, o máis grave, mentres aseguran que se manteñen na fronte, afirman que será facendo a política que eles propoñen, que pasa por tecer alianzas con outras opcións ignorando a estratexia da organización na que están integrados. Non parece que esta sexa unha actitude moi unitaria, nen respectuosa da democracia, que sempre pasa por cumprir os acordos da maioría, mantendo a discrepancia exclusivamente no ámbito do debate. Esta actitude antidemocrática só está presente nas coalicións electorais sistémicas máis oportunistas. Evidentemente este xeito de axer non axuda a tecer a unidade do nacionalismo, pola contra, abre novas fendas, que serán difíciles de superar en moito tempo. Supoño que os que formulan estas propostas xa o saben, polo que penso que se fan como parte dunha estratexia, onde a unidade e a democracia son, cando menos, subsidiarias.

http://manuelmera.blogaliza.org/