Opinión

Lembranzas da emigración: A Fouce “vermella”

Souben da Sociedade Nacionalista Galega “Pondal” e máis do seu voceiro A Fouce por vez primeira a través dos comentarios que me facía encol do tema Moisés Da Presa, na Irmandade Galega (IG) de Bos Aires, cando botabamos algunhas paroladas previas ás reunións da direción da organización nacionalista.

Souben da Sociedade Nacionalista Galega “Pondal” e máis do seu voceiro A Fouce por vez primeira a través dos comentarios que me facía encol do tema Moisés Da Presa, na Irmandade Galega (IG) de Bos Aires, cando botabamos algunhas paroladas previas ás reunións da direción da organización nacionalista. Pedinlle que escribise sobre o tema, especialmente da etapa da Fouce “vermella”, xa que as persoas mozas, como era o meu caso, ren sabiamos deste anaco da nosa historia emigrante e reivindicativa. E así o fixo, no número 516, de xuño de 1971 en A Nosa Terra, voceiro da IG. Sería a reprodución dun artigo publicado no ano 1956 na revista Galicia. Nel pouco di Da Presa a respeito da Fouce vermella, só que é posterior a maio de 1936 e que será o voceiro do Partido Comunista Galego. Aínda que por un erro de impresión no artigo aparecen as siglas “PG Galego”, o que non axuda a aclarar esta etapa, para quen non tivera unha relación directa con membros da Sociedade Pondal.

Neste artigo defínese a Sociedade Pondal como un “movemento de estrema esquerda arredista”. Sen dúbida para diferencialo das correntes socialdemócratas, porque na práctica, aqueles que coñecemos a moitos dos seus integrantes, podemos dicir que non tiñan ningunha das eivas que caracterizan a estrema esquerda tal como a coñecemos no noso contexto. Tampouco se trataba de arredistas infantís, xa que consideraban a creación dun Estado galego plenamente soberano como un proceso, consecuencia do avance organizativo e de conciencia social. Como unha das vías para avanzar neste obxectivo aceptase a constitución dunha confederación de nacións da península Ibérica, por suposto, sempre incluíndo a Portugal. Lembremos que Campos Couceiro, que fora membro da Pondal, foi un dos que propuxo na asemblea do 28 de xuño de 1931 en Compostela a declaración do Estado galego. Tampouco había unha voz única na Sociedade Pondal sobre estes temas, tal como se pode comprobar á través das súas páxinas, mais si un obxectivo: o Estado Galego e por suposto republicano.

Dos “irmaus” cos que tiña relación na Irmandade Galega, todos moito máis vellos ca min, xa que era daquela un mozo de vinte e poucos anos, Moisés Da Presa era co que máis coincidencias ideolóxicas tiña, aínda que me unía unha estreita amizade con outros, como: Bieito Cupeiro, Manuel Pedreira, Ricardo Flores, Daniel Nogueira, Lema, Montero, Guede, etc. Da Presa naceu no ano 1904, era de Vigo, do barrio das Travesas, e falábame acotío da súa cidade, da que partiu para a emigración en 1920.

 
Sabemos que Moisés Da Presa formou parte do grupo inicial da Pondal en 1925, outros retrotraen a súa presenza ao ano 1923 na Irmandade Nazonalista Galega. Publicou numerosos artigos na Fouce e fixo o propio en A Nosa Terra na súa etapa americana, así como en Opinión Gallega e Vieiros de México. En ANT escribía unha columna chamada Revoldaina baixo o alcume de Lourenzo Fragoso, aínda que publicou tamén artigos con outros alcumes ou sen ningunha sinatura. Era un home con formación política e moita retranca, ás veces ferinte, porén sempre clarificadora e ao servizo do país e das clases populares. A través dos breves comentarios que fai en Revoldaina pódese seguir a vida da “colectividade galega”, así como as valoracións que se facían por parte da Irmandade dos acontecementos na patria esmagada pola ditadura franquista.


 Bieito Cupeiro dinos encol da participación de Da Presa no galeguismo arxentino, que era unha persoa con boa formación a respeito da nosa historia e cultura, que facían del “un dos máis inquedos integrantes da Pondal (...) logo da chegada de Castelao, en 1940, deixouse ver como un dos máis rexos colaboradores da súa política, formando parte activa da Irmandade Galega e do Centro Ourensán”. Sobre a súa colaboración co Goberno galego no exilio, engade o seguinte: “entrou a formar parte do Consello de Galiza, ao pouco da súa reorganización, e xunto con quen escribe, foron os encargados de dar ao prelo doce números do seu boletín”. Refírese ao boletín que editaba o Consello de Galiza
 

Até eiquí o que sabemos de Moisés Da Presa polo material publicado sobre el, para alén de que polos seus artigos podemos albiscar que se trataba dunha persoa que loitaba pola soberanía de Galiza desde principios de xustiza social. Quixera polo tanto engadir algúns dados que lembro da miña relación con el durante a a etapa que militei na Irmandade Galega de Bos Aires (1967-1972), que poden botar máis luz sobre este senlleiro nacionalista.


 Moisés Da Presa mantiña relacións moi estreitas con personalidades da colectividade, como Antón Alonso Ríos, Emilio Pita, e outros máis, porén tamén con figuras da Galiza interior, como Fernández del Riego e Celso Emilio Ferreiro, ou con galeguistas que moraban noutros países de América, como o colectivo de Vieiros en México, Antonio Soto (o Galego Soto) en Chile, ou Cambre Mariño en Porto Rico. Dos que formaban parte da direción da Irmandade naquel intre era o que tiña relacións máis extensas e plurais. El foi quen acordou a reunión que mantivemos ambos con Celso Emilio Ferreiro en Bos Aires, no Centro Ourensán, na que estivo un chisco de tempo Abraira, e na que falamos sobre a UPG. Tamén foi Da Presa quen me puxo en contacto con Cambre Mariño, e quen primeiro me falou do “Gallego Soto”, co que (por certo) mantiña correspondencia. Dicíame sobre o galego Soto que fundara un Centro Galego en Punta Arenas e que era galeguista e anarquista, como tantos outros que militaban na IG, que participaran activamente no sindicalismo arxentino, como Lema e Montero.

Aínda que escribín sobre o tema en artigos anteriores, como o publicado no ano 2006 no Avantar (CIG), quérome abondar agora na Fouce “vermella” e na figura de Moisés Da Presa. Conversei nalgunhas oportunidades con el da súa experiencia tanto na Sociedade Pondal como da chamada Fouce “vermella”. Desta etapa sei que saíu algún número como voceiro do Partido Comunista Galego (cantos foron?...). O proxecto fracasou porque o Partido Comunista de España infiltrou na nova organización persoas que o fixeron inoperante. Morría deste xeito unha experiencia que tería continuidade moitas décadas despois, cando a Unión do Povo Galego (UPG) convertíase nun partido comunista patriótico, nos anos setenta do século pasado. Aqueles partidos e persoas que buscan antecedentes de asociación entre o arredismo e o comunismo, como vía para a liberación do pobo galego, teñen en Moisés Da Presa o seu antecedente máis xenuíno, e diría que tamén, o militante cunha formación política máis completa, un verdadeiro cadro.

Por último destacar de Moisés Da Presa a súa presenza activa en dous conflitos, dos que participei, e que reflicten a súa claridade política. Refírome á campaña no Centro Galego de Bos Aires para evitar que Mourente repetise como presidente, dado o seu achegamento á Embaixada Española. E á polémica con Luís Seoane a respeito de se se podía facer cultura galega tamén en español. Neste último conflito, no seo do galeguismo organizado, Seoane utilizou un boletín especifico chamado “Cuco Rei” e Da Presa as páxinas de ANT na súa columna Revoldaina. Da Presa era, como o sector da esquerda da IG, moi crítico cos dirixentes máis moderados, entre os que destacaban aqueles que no seu día foran do grupo promotor do Partido Galeguista. O seu representante máis notorio era Rodolfo Prada. Tamén consideraba negativos a aqueles que na Galiza “interior” refugaban da tarefa política refuxiándose na actividade cultural, como Ramón Piñeiro.

Moisés Da Presa, galego de Vigo, dedicou toda a súa vida a loitar pola liberación nacional de Galiza e a xustiza social, sería inxusto que o nacionalismo o esquecese.

Comentarios