Opinión

Lei de Galeguidade... de quen?

Vén de presentarse días atrás o Proxecto de lei da galeguidade no Parlamento Galego. Logo de varias lexislaturas falando do cambio da antiga lei de recoñecemento da galeguidade de 1983, por fin parece que vai adiante. Pero a mágoa é a maneira de como o fai. Estiven dándolle un repaso ao texto e pareceume máis que outra cousa un desenvolvemento regulamentario de relacións do Goberno Galego coas comunidades galegas no exterior: cales entidades poden obter a galeguidade, como funciona a representación desas entidades, que dereitos teñen esas entidades… Os destinatarios desta lei son comunidades galegas, centros colaboradores, federacións de comunidades, centros de estudio e difusión da cultura galega… é dicir: entidades, entidades e máis entidades. Onde están as persoas? 

Hai anos, as competencias de emigración na Xunta de Galicia atanguían á Secretaría Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas. O nome non mentía. Co tempo, no ano 2001, cambiou a denominación a Secretaría Xeral de Emigración (previo paso pola condición de consellería). Pero segue sendo un órgano de relación coas comunidades galegas e parece que, a teor desta lei, pensa seguir séndoo.

O texto non considera aos emigrantes individualmente senón como membros de sociedades galegas cando a realidade é que son moitos os galegos e galegas do exterior que non pertencen a ningunha entidade deste tipo. Dalgún xeito se lles está obrigando a asociarse a algunha das existentes para poder recibir os beneficios que a lei lles confire. 

"Prímase a existencia e a constitución de grandes centros galegos, poñendo como escusa a crise e o avellentamento da poboación emigrante".

Prímase a existencia e a constitución de grandes centros galegos, poñendo como escusa a crise e o avellentamento da poboación emigrante. Por suposto, quere referirse ao avellentamento da poboación emigrante que participa nos centros galegos, porque novamente a mocidade galega volve a emigrar. Para primar estes grandes centros, a lei determina que se fomentará a fusión de entidades. É dicir, o peixe grande comerá ao pequeno, seguindo o modelo de fusión que deu lugar á creación do Centro Galicia de Bos Aires en 1979 e que está na memoria de moitos galegos e galegas da área do Río da Prata, e non precisamente como exemplo a seguir. Algo que tampouco é doado de conseguir, como xa se viu nos intentos de fusión das entidades de Montevideo promovidos nos tempos dos gobernos de Fraga.

Esta pretensión casa coa idea subxacente deste proxecto de lei de dispoñer dos grandes centros galegos como centros “delegados” do goberno galego, que os usará como instrumentos de relación coa colectividade galega. Non é a mellor maneira de acabar coa corrupción nin de aumentar a transparencia, penso eu. Fraco favor se lle fai á independencia das directivas dos centros.

E fai referencia, por iso da “modernidade”, das redes sociais, que poderán ostentar tamén a condición de galeguidade. Un apartado bastante indefinido e que deixa todo para un desenvolvemento regulamentario posterior. Precisamente as tecnoloxías da información e da comunicación poderían ser o medio máis idóneo para potenciar a participación individual dos galegos e galegas no exterior. Usar estas tecnoloxías só como unha rede social tal e como dá a entender, é un concepto pobre e descoñecedor do seu potencial. Hai tempo que as redes sociais tal e como parece interpretar este proxecto de lei, están centradas en tres ou catro “grandes”, e o tempo de experimentos de redes específicas xa pasou de moda e foron moitas as que morreron de inanición. 

Eu póñome agora na pel dun mozo ou moza emigrante de hoxe en día. Perdón, quero dicir, un “mobilizado exterior” (non vaia ser que algúns non me entendan por usar termos tan anticuados). Nese papel, vería esta lei como algo totalmente alleo, que non recolle nada que me afecte persoalmente. Sentiríame ignorado e como se todo isto que fala se referira aos emigrantes do pasado século. E non a todos: só aos pertencentes a algún centro galego. E digo máis: non a todos os centros galegos, senón aos que leven funcionando máis de 10 anos (si, recoñézoo, con dous anos tamén poden acceder a ser centros colaboradores).

Poderiamos seguir esmiuzando este proxecto, pero por hoxe, de entrada, xa vai servido. Quede como reflexión para quen corresponda, a importancia de que a Xunta de Galicia debe pensar na emigración non como un feito histórico, senón –desgraciadamente– como un feito actual. Non parece que así sexa. Seguro que o tema seguirá dando para falar.

Comentarios