Opinión

legalidades varias

Supoño que non serán días moi ledos para o noso corpo político-lexislativo, observando as diferentes resolucións de distintos tribunais nos que a lóxica pon no seu sitio o abuso duns lexisladores, que confunden as súas prioridades sobre a quen deben servir, preferindo facelo aos intereses dos poderes fácticos que aos do pobo.

Supoño que non serán días moi ledos para o noso corpo político-lexislativo, observando as diferentes resolucións de distintos tribunais nos que a lóxica pon no seu sitio o abuso duns lexisladores, que confunden as súas prioridades sobre a quen deben servir, preferindo facelo aos intereses dos poderes fácticos que aos do pobo.

Por unha parte, a Xunta non recorrerá as distintas sentenzas contra o chamado “decreto do galego”, aínda que seguirá con unha consulta aos país declarada ilegal, que agora pasará a ser “determinante” e non “vinculante”. Os mesmos que critican os cataláns por pretender facer unha consulta soberanista, farán unha aos pais, considerada xudicialmente ilegal… Mentres, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia invalida os concertos a varios centros que segregaban alumnos por sexo, nunha resolución absolutamente xusta que fala da escasa capacidade de aqueles que toman este tipo de decisión contra dereito, e que levan consigo unha evidente carga ideolóxica por favorecer a centros educativos máis próximos a determinadas ordes relixiosas, nas que se atopan tan cómodos os discípulos de Romay Becaría. Do mesmo xeito, nos comedores dos colexios públicos, os rapaces cuxos pais teñan un nivel de renda determinado pasarán a pagar 4´5 euros, chegando a medida a proxenitores de recursos escasos, pese ao fume que nos queren vender dende as institucións. Algúns afirman que a alimentación é responsabilidade dos pais, e teñen razón, pese ao seu evidente xogo demagóxico. Iso si, os deputados do Parlamento Galego terán máis sorte cos seus menús de 6´75 euros, prezo debido probablemente a esa promesa, -polo de agora incumprida-, de algúns deputados de AGE de cobrar só mil euros de salario polo seu traballo parlamentario. Neses casos, o escaso prezo do comedor dos menús do Parlamento “enténdese” para unha renda autoimposta, tan limitada…

"A cidadanía probablemente poida empezar a pensar até que punto interesa soster cos seus impostos un sistema deseñado para que algúns simplemente sexan os representantes de intereses escuros e bastardos"

E para rematar este compendio de ilegalidades, os tribunais europeos ditan resolución falando da lei hipotecaria española como “abusiva” e “ilegal”, cuestión que moitos sofren todos os días e que non hai que ser moi intelixente para ter claro, a non ser que sexas un lexislador que, como dicíamos antes, esteas máis preocupado por articular normas que favorezan á banca, que a aqueles que representas. Con todo isto, a cidadanía probablemente poida empezar a pensar até que punto interesa soster cos seus impostos un sistema deseñado para que algúns simplemente sexan os representantes de intereses escuros e bastardos . Non o digo eu, o di un alto tribunal…

Ou non?