Opinión

Lecturas da crise coreana

As tensións na península coreana reflicten unha profunda pugna polo liderado rexional en Asia-Pacífico.

As tensións na península coreana reflicten unha profunda pugna polo liderado rexional en Asia-Pacífico.
A orixe da actual crise relaciónase en primeira instancia coa terceira proba nuclear levada a cabo por Pyongyang o pasado 12 de febreiro en resposta aos exercicios militares conxuntos de EUA e Corea do Sur, en vésperas da toma de posesión da nova presidenta en Seúl, Park Geung-hy, partidaria dunha liña menos conciliadora cos veciños do Norte. A crise serve ao norcoreano Kim Jong-Un para reforzar internamente as súas credenciais e a capacidade de manobra así como para fortalecer o poder dinástico. A rehabilitación do defenestrado primeiro ministro Pak Pong-ju, cesado en 2007 e considerado un reformista, revive, non obstante, as expectativas de cambios económicos en Corea do Norte na perspectiva varias veces suxerida desde China. 

A crise serve a EUA para reforzar o seu dispositivo militar en Asia oriental. Prodúcese despois de rexistrárense serias tensións entre China e Xapón a propósito das illas Diaoyu-Senkaku e tralo incremento das diferenzas nos litixios territoriais nos mares da China meridional que enfrontan a Pequín con varios países do Sueste asiático. Washington aproveita estas crises para lexitimar a súa estratexia “Pivot to Asia” que permitirá trasladar até o 60 por cento da súa flota ás proximidades de China antes de 2020. O reforzamento das alianzas militares a Norte e Sur exerce de cabeza de ponte do retorno anunciado de EUA a Asia-Pacífico tras constatar que a zona se converterá en poucos anos no novo epicentro económico global. 

"China fará todo o posible para evitar o afundimento do réxime en Corea do Norte. A alternativa sería unha unificación pilotada polos EUA, que colocaría milleiros de soldados ás portas da fronteira chinesa"

China é a gran prexudicada por este escenario. O apoio prestado á resolución do Consello de Seguridade da ONU que contempla a imposición de sancións en resposta á proba nuclear de febreiro non serviu de moito para contemporizar con EUA quen recea da contundencia de Pequín na súa aplicación. Non obstante, reforza a sensación de  ambigüidade como evidencia dos novos tempos nas relacións con Pyongyang. Aínda que incómoda ante o ton e comportamento de Corea do Norte, país que en boa medida sostén economicamente a través do subministro enerxético e alimentario, China fará todo o posible para evitar unha crise grave que poida levar ao afundimento do réxime. A alternativa sería unha unificación pilotada por EUA que conta con milleiros de soldados estacionados no Sur da península que entón chegarían até a súa fronteira, escenario negado por Washington. Pero todos sabemos que foi das promesas feitas a Gorbachov sobre a non presenza de tropas da OTAN no territorio da extinta RDA… 
O diálogo hexagonal promovido por China (con EUA, Rusia, Xapón e as dúas Coreas) que permitira logros importantes como a desactivación das plantas de enriquecemento de uranio, leva case un lustro paralizado e as posibilidades de retoma semellan remotas a día de hoxe. Unha atmosfera inter-partes que tanto favorece a multiplicación das declaracións atemorizadoras como o extremo coidado para evitar traspasar o limite do tolerable dá forza ás teses que abundan na dimensión retórica da crise. Pero o perigo dunha escalada é evidente.

A inestabilidade nas proximidades de China interfire na afirmación do seu liderado rexional baseado no estimulo económico e pode complicar o proceso de integración en curso en Asia oriental (con Xapón e Corea do Sur) e meridional (cos países da ASEAN). EUA segue a promover o seu TPP (Trans-Pacific Partnership) co obxecto de hexemonizar o ascenso de Asia gañando protagonismo en crises que provoquen un decantamento das opcións dos diferentes países reproducindo unha dinámica de bloques capaz de conter a China en tanto esta non admita pasar a formar parte das súas redes de dependencia. 

Xulio Ríos é director do IGADI 

Comentarios