Opinión

Leccións a tirar dunha vitoria feminista

A retirada do anteproxecto de lei de reforma do aborto é unha grande noticia para as mulleres en particular e para as e os demócratas en xeral. 

 

A retirada do anteproxecto de lei de reforma do aborto é unha grande noticia para as mulleres en particular e para as e os demócratas en xeral. É unha vitoria incontestábel do movimento feminista e unha demostración de que a mobilización é a chave cando se trata de derrotar as políticas reaccionarias da dereita española, probabelmente a dereita europea máis influída polo pensamento católico máis ultramontano.

A decisión de retirar o ante-proxecto e de forzar a renuncia de Gallardón é, aliás, produto da extraordinaria debilidade política en que se acha o Partido Popular, unha vez constatado o seu fracaso na economía. Non só renuncia o PP á contra-reforma do aborto, senón que tamén deixa na gaveta o pucheirazo electoral. As e os conservadores saben que, hoxe por hoxe, a súa maioría absoluta no Congreso dos Deputados -e no Parlamento de Galiza- é ficticia. Saben que hoxe están en minoría na sociedade. E tentan sobrevivir. Rajoy nese sentido sempre foi un político pragmático. Xoga agora a baza do centrismo, ao tempo que se desfai dun rival interno, un Gallardón que no seu momento foi saudado como o paladín do sector progre da dereita española por parte da imprensa afín ao PSOE.

É unha vitoria incontestábel do movimento feminista e unha demostración de que a mobilización é a chave cando se trata de derrotar as políticas reaccionarias da dereita española

Mais a xogada de Rajoy ten tamén contraindicacións no plano electoral. Os sectores máis ultracatólicos da dereita -ben representados na caverna mediática- mostraron unha enorme irritación e é probábel que pasen factura ao PP nas eleccións municipais de maio. Nese sentido, non é desbotábel que o anuncio de Gallardón de que a súa marcha é irrevogábel sexa un xesto puramente retórico, na liña da demagóxica posta en escena de Esperanza Aguirre cando, ela tamén, anunciara a súa retirada definitiva. No mellor dos casos, quer el quer ela ocupan praza no banco dos reservas. Mais sería un erro pensar que a súa ausencia é para sempre.

En todo caso, estamos ante unha derrota política do PP en toda regra. A lección a tirar desta vitoria do feminismo é que a loita social é o camiño para derrotar o proxecto reaccionario da dereita española.

Comentarios