Opinión

Interior debe unha explicación

O diario El Mundo publicou, e non ten sido desmentido, que diversos informes policiais e dos servizos de intelixencia analisaron a liña política do Bloque Nacionalista Galego, no cadro das investigación seguidas na Audiencia Nacional

O diario El Mundo publicou, e non ten sido desmentido, que diversos informes policiais e dos servizos de intelixencia analisaron a liña política do Bloque Nacionalista Galego, no cadro das investigación seguidas na Audiencia Nacional contra catro mozos independentistas acusados de pertenza a organización armada, tenza de explosivos e falsificación documental.

Ten sentido nunha democracia minimamente avanzada que os servizos policiais e de intelixencia fagan lecturas políticas dos movementos de organizacións plenamente democráticas e que representan a centos de milleiros de persoas?

Segundo o rotativo que dirixe Pedro Jota Ramírez, os estrategas da seguranza do Estado enfatizan nos seus informes que o BNG "ten modificado o eixo da súa liña política" visando, afirma o diario de tendencia dereitista e centralista, imprimir "un punto máis de velocidade ás súas reivindicacións secesionistas".

Ten sentido nunha democracia minimamente avanzada que os servizos policiais e de intelixencia fagan lecturas políticas dos movementos de organizacións plenamente democráticas e que representan a centos de milleiros de persoas? Que fundamento ten que no curso dunha investigación xudicial se poña negro sobre branco en documentos policiais e dos servizos secretos valoracións de tipo político sobre as lexítimas estratexias das forzas políticas?

Chove sobre mollado. Días antes de se publicar esta información en El Mundo, o delegado do Goberno na Galiza, Samuel Juárez, concedeu unha entrevista ao diario La Voz de Galicia en que se lanzou un despropositado ataque ao Bloque Nacionalista Galego.

Juárez afirmou literalmente: "Gostaría ver no Bloque unha condena clara a Resistencia Galega". A frase é dunha irresponsabilidade manifesta, nomeadamente porque vén de quen dirixe as forzas e corpos de seguridade do Estado no noso país. Calquera persoa minimamente informada, e Juárez está moito máis informado que a media, sabe que o BNG condena todos e cada un dos actos violentos que se producen no país e que o seu compromiso coas vías democráticas e pacíficas é inequívoco. A súa declaración perseguía un obxectivo exclusivamente político, o da criminalización do nacionalismo en Galiza.

Por outra banda, Juárez, na mesma entrevista, mostraba o seu desprezo á división de poderes, elemento central nun Estado de dereito. "Resistencia Galega é unha organización terrorista (...) e ten un móbil que comparte con algúns grupos políticos", dixo. Pois ben, o poder xudicial aínda non se ten pronunciado sobre se RG existe ou non. Determinar se existe ou non é a esencia do xuízo que decorreu estes días na chamada Audiencia Nacional. Está claro que o poder político español xa ditou sentenza e que o Goberno español está a presionar o tribunal de forma impúdica.

A investigación policial ao BNG é intolerábel. Criminalizar opcións políticas repugna toda conciencia democrática. Interior debe unha explicación urxente á sociedade galega.

Comentarios