Opinión

Instrucións para ser un verdadeiro galego

Escribir sempre imposíbel e nunca imposible. Non ler nunca e baixo ningún concepto a Camilo José Cela. Emocionarse coa estrela encarnada da bandeira. Procurar dicir Estado Español e non España. Non permitir ante autoridade ningunha que nos movan os marcos. Escribir insuperábeis e non insuperables. Se non che gustan certos poetas galegos non o digas, non esquezas nunca que escribiron a súa obra en circunstancias adversas e heroicas nas trincheiras da historia e defendelos equivale sempre a facer país. Que non te escoiten falar castelán cos amigos estranxeiros (isto está permitido fóra das nosas fronteiras e se non están presentes os amigos da terra).

Escribir sempre imposíbel e nunca imposible. Non ler nunca e baixo ningún concepto a Camilo José Cela. Emocionarse coa estrela encarnada da bandeira. Procurar dicir Estado Español e non España. Non permitir ante autoridade ningunha que nos movan os marcos. Escribir insuperábeis e non insuperables. Se non che gustan certos poetas galegos non o digas, non esquezas nunca que escribiron a súa obra en circunstancias adversas e heroicas nas trincheiras da historia e defendelos equivale sempre a facer país. Que non te escoiten falar castelán cos amigos estranxeiros (isto está permitido fóra das nosas fronteiras e se non están presentes os amigos da terra). Sentir Portugal como un paraiso perdido e a lingua portuguesa como esa maxia redentora que quixeramos ter e quizais xa nunca teremos. Non se che ocorra dicir nunca que non che gusta o son da gaita. Dicir de vez en cando “eu non sei cómo se di isto en castelán e tampouco me importa”. Encher a boca ao falar dos centos de millóns de persoas coas que compartimos unha lingua común (non confundir esta lingua común coa outra lingua común, son linguas comúns diferentes), e referirse a países como Brasil, Angola, Cabo Verde ou Mozambique como nacións irmáns (non importa moito se nunca se visitaron estes lugares ou se se descoñece a súa realidade).

"Emocionarse coa estrela encarnada da bandeira. Procurar dicir Estado Español e non España. Non permitir ante autoridade ningunha que nos movan os marcos"

Non está ben visto dicir que che gusta España ou que Madrid é unha das túas cidades favoritas. Falar castelán cos da outra bando do océano sí está ben visto, mais aos mesetarios convén falarlles sempre en galego, en certos casos non está mal recorrer ao reintegrado ou ao galego do século XII, para que entendan canto menos mellor (se sabes sueco ou polaco podes usar ese acento cos mesetarios e, no caso de só falar galego, recorrer ao sistema de sibilantes medieval). Procura evitar sempre e baixo calquera circunstancia palabras que coincidan co castelán, en caso de que non sexa posible (ou posíbel) inventa unha e di que a atopaches nun códice medieval secreto que o teu avó atopou na adega dun mosteiro. Tratar de lle explicar ao non iniciado que o galego é diferente do castelán, e que se o falamos entre nós os españois entenden algo pero de ningunha maneira entenden todo. De ningunha maneira entenden todo. Ser consciente da grande variedade lingüística do galego, pero non esquecer escribir sempre imposíbel e non imposible. 

Nota innecesaria: Este manual é un exercicio cómico e irónico para os que gustan de se rir de si mesmos, pois se non o facemos nós outros virán facelo. Non está baseado en personaxes reais. En todo caso dialoga coa sombra junguiana dunha sociedade imaxinaria. Calquera parecido coa realidade é mera coincidencia. Repito: mera coincidencia. En caso de dúbida consultar cun farmacéutico ou cun menciñeiro da escola cunqueirá.

Comentarios