Opinión

Inda que sexan vento!

  Poucos días despois do que foi dedicado á Poesía recibín, no meu taboleiro dunha coñecida rede social, un agasallo lírico que me sorprendeu e que me agradou, mais sobre todo, que me emocionou.

Poucos días despois do que foi dedicado á Poesía recibín, no meu taboleiro dunha coñecida rede social, un agasallo lírico que me sorprendeu e que me agradou, mais sobre todo, que me emocionou.
Unha persoa que coñezo hai anos, unha amiga, valdeorresa e proletaria, sufridora mais non por iso conformista, tenra e loitadora a partes iguais, deixoume abraiada e encheume os ollos de bágoas ao dedicarme un poema, escrito por ela, que di así:

E se fósemo-los derradeiros?...
E se fosen os nosos beizos 
os derradeiros que te bicaran
na fala dos a...ntergos?...
Teño que dicirche...mai,
Que istes ollos que te bican,
Iste corazón que sangra
No latexo das tuas fendas,
Istas mans que te acariñan,
Un día só serán cinza no vento!
Entón, Mai, ti non debes esquecer,
¡aínda que te coides esquecida!
A língua sagrada daqueles que te amamos,
A língua segreda que fungará no vento.
Porque eu, cando me vaia...preto,
Hei se-lo vento que te abrangue, mai,
Hei se-lo ar, que che marmura doce... 
Nos caborcos, no bosco, nos outeiros...
Laios de amor que che xurei eternos,
E cando sintas, mai, un alentar quedo,
Ou un berro que brama...
Como de peito aberto!!
Lembra, Mai!!!...que teis fillos,
Que falaran galego,
¡Aínda despois de mortos!
¡¡¡Aínda que sexan vento!!!

Sofía Carril

Se alguén pode deitar nuns versos tanta esperanza, se unha persoa, do pobo, unha persoa humilde sen máis devezo que ver a súa terra libre, pode recoller futuro deste xeito nun poema… só debe significar que a Poesía segue viva e segue dando vida. 

E si, certamente, ha de haber sempre quen faga poesía na nosa lingua, quen fale galego, inda despois de morto, inda que sexa vento!

(Grazas, Sofía, por facerme este agasallo, por lembrarme canta vida pode haber nun poema)